As dúas Galicias da lingua galega: entre a "fortaleza" e a "caída en picado"

Bandeiras galegas como decoración festiva entre edificios dunha localidade galega CC-BY-NC-SA Praza.gal

"A situación da lingua galega está cada vez máis territorializada; nas áreas onde está forte e con vitalidade, o galego non só non se perde senón que se mantén, tamén entre a xente nova, que non o abandona; onde está débil, o seu uso cae en picado, sobre todo entre a mocidade". Henrique Monteagudo, vicesecretario da Real Academia Galega (RAG), fala con rotundidade de dúas "dinámicas diverxentes" do idioma no país.

A RAG advirte de "dinámicas diverxentes" do galego segundo a zona, con áreas onde se fortalece e outras onde cae en picado: "Imos no camiño do País Vasco"

Co gallo dun novo Día das Letras, Monteagudo advirte dunha situación que cada vez se lle asemella máis "á do País Vasco". "Paréceme que imos nese camiño", di Monteagudo, non só en base aos últimos datos sobre o galego senón a partir dos vixentes e constantes estudos do Seminario de Sociolingüística que el coordina na RAG. Refírese ás enormes diferenzas sobre o uso do éuscaro, que vai desde comarcas onde é case inexistente a outras onde é falado por máis do 75% da poboación. 

Os últimos datos do IGE avalan en parte ese diagnóstico: na área que abrangue Arzúa, Ordes e Melide, na Costa da Morte, no Barbanza e Noia ou no sur de Ourense, onde o uso habitual do galego roldaba ou superaba o 80%, a porcentaxe de persoas que o falan sempre ou maioritariamente aumentara en 2018 con respecto a 2013. Ata 12 puntos nalgún caso. Na área de Vigo -onde menos se utiliza- ou na de Ourense, volvera caer, aínda que hai excepcións como a zona da Coruña, cun notable incremento de galegofalantes. 

Segundo Monteagudo, os actuais estudos que o Seminario de Sociolingüística realiza en varias localidades galegas corroboran as "diferentes e diverxentes dinámicas" que a lingua ten dependendo da zona. "Hai vilas de Galicia onde a xente nova está falando galego máis ca antes, onde a lingua mesmo mellora porque tamén é un sinal de identidade local", di. 

Fronte ao retroceso xeral, Monteagudo apunta a que "hai vilas onde a xente nova fala máis ca antes en galego, tamén porque é sinal de identidade local"

É esta evolución nalgunhas áreas a que explica que o uso do galego entre as persoas de menos de 29 anos se mantivese, segundo os últimos datos, logo de décadas de retroceso constante. Con todo, Monteagudo advirte de que os datos locais "non contradín a tendencia xeral" nin poden agochar a grave situación do idioma en moitos contextos. "O caso que constatamos en Ames é un exemplo; alí a dinámica de substitución do galego está disparada", explica. 

Alude ao Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un proxecto que analizou a situación do galego desde as escolas infantís ata o Bacharelato, que advertiu do "efecto desgaleguizador" do sistema educativo desde os seus inicios e de "cifras extremadamente preocupantes": na secundaria, onde 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües. 

A diversidade territorial do concello amesán fixo pensar á RAG que os resultados do estudo podían"ser extrapolados ao resto do periurbano e mesmo a todo o territorio galego". E o diagnóstico é duro para o idioma. No entanto, insiste Monteagudo, as análises semellantes que se levan a cabo noutras zonas constatan que, "por exemplo, no ensino medio, é a rapazada castelanfalante a que tende a mudar ao galego e non os galegofalantes os que pasan ao castelán". Cuestión de localización, unha vez máis. 

"Ames é un concello dinámico no social e no cultural, pero os datos foron incontestables e aí non había posibilidade de erro porque non era unha enquisa senón unha recollida, un mapa estatístico. A conclusión é que, de non tomar medidas, en zonas coma esta o galego, nunha xeración ou dúas, voa", engade con contundencia. 

Outro estudo da RAG, centrado na rapazada que remata o ensino obrigatorio, constatou tamén a baixa competencia en galego do alumnado na fin da ESO, unha situación acentuada nos centros privados, onde a presenza da lingua propia é "residual". Porque aínda que o galego frease algo a súa caída na ensinanza, o castelán segue a ser a lingua dominante nas aulas. Tamén fóra delas, onde o cativo uso do idioma en Internet e nas redes sociais supón un claro freo para a normalización da lingua. 

Ao tempo, o Consello de Europa continúa, como leva facendo dese hai anos, instando a Xunta a eliminar "as limitacións para o ensino en galego" cada vez que avalía o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas. A Xunta retruca presumindo de modelo e, malia que os datos advirten do devalo da lingua, o PP tampouco parece disposto a consensuar un novo decreto que substitúa ao polémico do plurilingüismo. 

No fondo, como advertira o Consello da Cultura Galega nun completo informe, o mito da "imposición" que aquela campaña política que usou a lingua fixo callar entre parte da rapazada, que mantén aínda prexuízos cara ao idioma

"Non hai unha única solución; temos que abandonar a visión plana porque o que vale para A Coruña ou Vigo non vale para Coirós"

O galego é cada vez menos unha lingua de berce e máis unha de elección, segundo os datos estatísticos, e a quebra na transmisión interxeracional segue a ser o principal problema. Malia que aínda resiste como a lingua maioritaria de máis da metade da poboación, só o envellecemento e a caída demográfica impiden que ese dato vire. Un cuarto da infancia do país non sabe falalo e case a metade usa exclusivamente o castelán. Hai brotes verdes pero tamén un constante dilema sobre a mensaxe a lanzar sobre o diagnóstico: pesimismo, optimismo ou pur realismo?

A RAG aposta por un "modelo práctico" de normalización, por áreas, con implicación dos concellos e con obxectivos diferentes segundo a zona

"É a dúbida que temos sempre: se fomentamos sempre o discurso do desastre case que estamos alentando o negativo, pero por outra banda tampouco podemos mentir", expresa Monteagudo que si aposta claramente por unha mudanza de estratexia na política lingüística. "Non hai unha única solución; temos que abandonar a visión plana porque o que vale para A Coruña ou Vigo non vale para Coirós; as estratexias teñen que ser moi diferentes", explica.

"Hai que ir a un modelo práctico, de visión sobre o terreo e de políticas eficaces para cada zona e con obxectivos realistas", insiste o vicesecretario da RAG, que pon un exemplo da diferenza: "Alí onde hai unha perda total, igual o obxectivo é que se fale algunha vez; montar campamentos de verán, grupos de teatro... Alá onde o galego ten forte presenza, o propósito debe ser mantela e lograr que os castelanfalantes se acheguen a el". "Non hai unha solución máxica para toda Galicia", engade. 

"Os centros de ensino son un potencial á hora de recuperar a lingua porque xa son moito máis que as aulas: é onde comen, fan deporte, teatro..."

"As políticas a aplicar deben depender do contexto sociolingüístico da zona e iso implica traballar a nivel local, cos concellos, con asociacións de comerciantes, coa cultura, con clubs deportivos...", explica quen advirte da necesidade dun "gran discurso común sobre a lingua" pero "obxectivos moi sectorializados, territorializados e adaptados". Mentres na Costa da Morte máis do 92% da poboación fala sempre ou máis habitualmente en galego, na de Vigo apenas supón un cuarto; mentres na zona oriental de Lugo rolda o 90%, na da Coruña queda nun terzo. 

Ademais, e logo de anos de debate sobre o maior ou menor influxo dos centros de ensino na normalización da lingua entre a xente nova, Monteagudo recoñece o impacto que causou o estudo en Ames: "Abriunos moito os ollos".

"Non é o de hai vinte anos. A estrutura das familias mudou radicalmente e hoxe os centros de ensino non son só o lugar onde van a clase, senón o lugar onde comen, onde hai actividades culturais, recreativas e deportivas ou onde se fan actividades extraescolares en colaboración cos concellos. É un mundo máis complexo porque a rapazada bota na casa moitas menos horas", resume. Por iso, cre, hai que "repensar esa idea de que a escola non ten tanta capacidade formativa no aspecto lingüístico". 

"Pode que hai anos fose así, pero agora un centro son moito máis que as aulas", insiste. E iso, di, supón tamén "todo un potencial á hora de recuperar a lingua". "A clave é conseguir involucrar as actividades de tempo libre, deportivas, os grupos de teatro...", insiste Monteagudo, que destaca que a experiencia dos estudos que fai a RAG indican que as familias "non só non son reticentes a estas iniciativas, senón claramente favorables". 

"Temos moita oportunidade de intervención aí sempre que pensemos nunha política lingüística que non só dependa da Xunta, senón de distintos axentes, sobre todo no ámbito local", di, tras engadir que o obxectivo debe ser "non pasar de todo". "Así nos vai". Ademais, advirte da necesidade de recursos e compromiso para involucrar as administracións locais na recuperación e normalización do galego. "Se tivésemos a capacidade e os recursos necesarios, agora mesmo a Academia estaría replicando o estudo e as accións levadas a cabo en Ames noutros moitos concellos que nolo reclamaron", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.