Como se consegue que a rapazada galegofalante non abandone a súa lingua ao saír do instituto? Con conciencia lingüística e orgullo polo propio. Achegámonos a dous centros escolares que participan no proxecto 'Aquí medra a lingua' do Consello da Cultura
″Este sempre foi un cole onde o galego sempre foi a lingua vehicular e a lingua normal. É un centro do rural. O terrible disto é que agora o vexamos como algo raro porque hai vinte anos era o normal. O que pasa é que agora, coa desaparición de gran parte do rural e co avance evidente da castelanización, o galego queda como pequenas manchas e este colexio queda como algo raro. Pero aquí sempre se falou galego, aínda que agora o raro sexa que se siga falando″.
Francisco M. Paradelo é o coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua (EDL) do colexio Virxe da Saleta de Cea, un dos centros escolares que participan no proxecto Aquí medra a lingua, promovido polo Consello da Cultura Galega. Un percorrido audiovisual por seis maneiras de vivir en galego no ensino, que se vén mostrando cada luns cun breve documental da realizadora Cristina de la Torre, que finalmente dará lugar a unha longametraxe documental na que teñen participado preto de cincuenta persoas entre o alumnado, as e os docentes, as familias e a comunidade educativa de cada sitio.
Aquí medra a lingua é unha iniciativa da Sección de lingua, literatura e comunicación do Consello da Cultura, que coordina Carme García Mateo, para ″amosar que as escolas son un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión″. A rapazada é a protagonista destas pezas nas que o profesorado aporta o contexto de cada escola e instituto. Esta viaxe pasa polo IES Perdouro de Burela, o CPI Virxe da Saleta de Cea, o IES Félix Muriel de Rianxo, o CEIP Barouta de Ames, o CRA Nosa Señora de Ponteceso e o CEIP Barouta de Moaña.
É certo que en sitios como Cea ou Rianxo é máis doado atopar rapazada galegofalante que nas cidades. Porén, Sofía Rama, docente no IES Félix Muriel, destaca que ″camiñamos cara a un proceso de desgaleguización e perda de falantes, especialmente nas etapas máis novas que chegan agora ao centro, nestes últimos anos″.
"O noso alumnado precisa construír conciencia lingüística, é dicir, as armas necesarias para manterse na lingua ao saír de Rianxo”, di Sofía Rama
Sendo Rianxo un territorio galegofalante na súa maioría, o reto está en lograr que a rapazada queira seguir empregando o galego no futuro. ″O noso labor como equipo de normalización é facer un plan de traballo a partir dunha análise real da situación das linguas no propio centro e na contorna, pois o que necesita o noso alumnado non é o mesmo que o que poden necesitar en Vigo, na Coruña ou en Burela. O noso alumnado precisa construír conciencia lingüística, é dicir, as armas necesarias para manterse na lingua ao saír de Rianxo″, defende Rama.
″Ao saír dunha contorna fácil, amigable e de confort é fácil comezar un proceso de substitución lingüística –engade–. Por iso a función do noso equipo é máis construír conciencia lingüística que dinamizar a lingua para que o noso alumando se achegue a ela e se acostume a falala porque a maioría –de momento– seguen sendo galegofalantes″.
″Imos notando que, segundo os nenos máis pequenos van chegando, xa veñen con máis tendencia a falar castelán. É inevitable. Pero –facendo un símil gastronómico– se en Galicia temos moi bo produto, no cole de Cea tamén. E o único que facemos é procurar que non se nos estrague, coidalo. O que importa aquí é que os nenos veñen da casa falando galego, que hai unha conexión entre o colexio e as familias e que non hai unha ruptura da transmisión xeracional da lingua. Nós o que tratamos é de amplificar isto para que os nenos manteñan a súa autoestima e o seu orgullo. Como calquera persoa en calquera parte do mundo que sente orgullo da súa lingua, dos seus costumes, da súa tradición ou da súa familia″, describe Francisco M. Paradelo.
Aprender a pensar
″Sentímonos orgullosos de que nos escolleran para este proxecto. No centro temos unha longa traxectoria de activismo pola lingua e gustounos especialmente o título que escolleron para a nosa parte, ′Activistas pola lingua′, porque realmente así é como nos sentimos″, conta a profesora do instituto Félix Muriel de Rianxo.
“A través de pensar sobre a situación da lingua na sociedade aprenderon a non falar galego porque si”, explica a docente
Particularmente, Sofía Rama séntese orgullosa da intervención do alumnado e dos ex-alumnos e ex-alumnas que tamén saen no vídeo dando a súa visión do paso polo instituto. ″O alumnado afirma que nos proxectos nos que participaron co equipo de normalización ao longo dos seus anos no centro aprenderon a pensar. E non só, a través de pensar sobre a situación da lingua na sociedade aprenderon a non falar galego porque si; se non a ser conscientes da situación da súa lingua fóra da súa contorna máis inmediata rianxeira. Pero é que, ademais, din que iso lles serviu para pensar noutras realidades sociais como o ecoloxismo, o feminismo ou a xustiza social. Para min isto paga todos os anos que levo dedicados á docencia, non necesito nada máis para xubilarme feliz″, asegura.
Tanto no centro de Rianxo como no de Cea salientan as actividades extracurriculares que levan a cabo nas aulas como unha vía para crear comunidade e achegarse máis ás inquedanzas do alumnado. ″Permítennos ter un traballo colectivo, sentirnos unidos e parte de algo. E o resultado é ese orgullo e alegría. Para os nenos do cole de Cea é unha aprendizaxe bárbara porque chegan moi reforzados cando chegan ao instituto do Carballiño″, apunta Francisco M. Paradelo, que considera que ″isto non se espera porque temos ligado o concepto de rural con atraso, pero aquí é todo o contrario: nós unimos rural a vangarda″.
“Temos ligado o concepto de rural con atraso, pero aquí é todo o contrario: nós unimos rural a vangarda”, asegura Francisco M. Paradelo
″O que me dá pena no sistema público de ensino é que todo o que facemos nos proxectos interdisciplinares e traballos paralelos ao que se fai dentro das aulas, é o que penso que debería estar nas aulas. E día a día o alumnado demostra que así é, que onde aprenden a aprender e a prepararse para situacións reais é xustamente neses proxectos que se realizan en todos os centros educativos fóra das paredes da aula pero dentro dos centros″, agrega Sofía Rama.
Con Aquí medra a lingua o Consello da Cultura está a sementar nas escolas e institutos galegos diferentes formas de traballar coa lingua que están a funcionar. ″Para min o máis importante de todo é que os equipos de normalización deixen de ser o que son en moitísimos centros, que son como locais de actividades e eventos; que haxa unha conciencia lingüística e un plan por parte do profesorado. Nada pode quedar a nivel centro, porque entón non está cumprindo a función social que debe cumprir, e nada debe limitarse a un uso puntual e ritual da lingua para un evento″, razoa a profesora de Rianxo.