Os centros de ensino son un ámbito fundamental (un dos máis importantes, se cadra) para o promoción da lingua galega, tanto nas aulas coma nos espazos informais. Non só para aprendizaxe do idioma, senón para a creación dun imaxinario de prestixio sobre ela. Nos últimos anos son moitos os proxectos que se están a desenvolver en colexios e institutos de toda Galicia, impulsados por Equipos de Dinamización Lingüística, que buscan normalizar o uso do idioma.
O proxecto amosa en seis vídeos e un documental final iniciativas de dinamización da lingua galega desenvolvidas en Burela, Cea, Rianxo, Ames, Ponteceso e Moaña
O Consello da Cultura Galega presentou este luns o proxecto Aquí medra a lingua, unha serie de seis vídeos que amosan o traballo doutras tantas iniciativas de dinamización que buscan "ofrecer unha ferramenta de inspiración e répicla ao resto de axentes educativos do país". O resultado son seis pezas breves máis un documental no que participaron preto de cincuenta persoas entre alumnado, docentes, familia e comunidade.
O primeiro deses traballos, centrado no coñecido como Modelo Burela, presentouse no IES Perdouro da localidade da Mariña nunha xornada na que participou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a directora do centro, María José Pardiñas; a xefa de normalización lingüística do IES, Natalia Irimia; a realizadora dos audiovisuais, Cristina de la Torre, xunto co alumnado do centro.
Aquí medra a lingua é un proxecto que busca amosar que as escolas son un "cómplice indispensable" na lingua galega e da súa transmisión
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son un "cómplice indispensable" na lingua galega e da súa transmisión. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas e nos vídeos amósase a acción de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso.
Durante seis semanas todos os luns publicarase un novo capítulo. A xeira continúa o 28 de marzo co episodio titulado Reforzar o propio do CPI Virxe da Saleta, e logo seguirán Activistas da lingua no IES Félix Muriel de Rianxo (4 de abril), Alianzas necesarias no CEIP Barouta de Ames (11 de abril), Militantes da contorna no CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) para rematar o 25 de abril con Da emoción á competencia no CEIP Barouta de Moaña.
No vídeo Modelo Burela explícase a xénese e as características do proxecto, que arrincou no Instituto de Ensino Secundario de Burela en 2004
No vídeo Modelo Burela explícase a xénese e as características do proxecto, que arrincou no Instituto de Ensino Secundario de Burela en 2004 como unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. A iniciativa acadou entre 2008 e 2011 o seu periodo de maior intensidade e desenvolveu un gran traballo de campo que chegou a ter unha orientación máis ampla que trascendeu as paredes do centro, chegando a ter a responsabilidade de coordinar a redacción do Modelo Burela de Planificación Lingüística.
No documental incídese nunha das iniciativas estrela do Modelo Burela, o programa de Radio Neo, resultado da colaboración entre Radio Burela e o instituto
No documental incídese nunha das súas iniciativas estrela, o programa de Radio Neo, resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do instituto. Unha revista, campañas para o uso do galego no comercio ou a recollida de documentos familiares... son outras das actividades desenvolvidas desde este centro.
“Co Proxecto Neo ensinamos Lingua, Literatura e Cultura dun xeito moi práctico; coñecemos experiencias de aprendizaxes de segundas e terceiras linguas; ofrecemos modelos de incorporación de neofalantes; e facilitamos a participación de mozos e mozas en risco de exclusión social”, explica Bernardo Penabade, xunto con Miruca Parga son as cabezas visibles deste proxecto.