Este luns botou a andar a edición 2020 de 21 días co galego e máis, unha iniciativa de promoción do uso do galego que medra cada ano, estendéndose a máis centros e alumnado. Na orixe de todo está a idea que no ano 2014 tivo a profesora Pilar Ponte no IES da Pobra do Caramiñal: que os alumnos e alumnas empregasen o galego durante 21 días seguidos, tanto dentro coma fóra das aulas, sobre todo fóra das aulas. O proxecto demostrou a súa eficiacia e dende o ano pasado conta co impulso decidido da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Neste segundo día desta nova campaña o alumnado dos centros participantes deberá levar a cabo o primeiro dos tres retos programados, que consistirán na elaboración colectiva de pequenos vídeos. O primeiro deles debe ser un vídeo instrutivo: unha receita culinaria, un vídeo de divulgación científica, un tutorial tecnolóxico ou calquera outro tipo de vídeo que inclúa a explicación de como se fai algo ou como funciona algo.
Pilar Ponte, coordinadora de 21 días co galego e máis. recibiu este martes en Vigo un dos Premios da Cultura Galega 2019, entregados pola Xunta, e que tamén recoñeceron ao proxecto Galego en Londres, a Amancio Prada, a Xesús Alonso Montero ou á escultora Soledad Penalta. Falamos con Pilar Ponte.
Entre o 2014 e o 2020 o proxecto medrou moitísimo: dunha pequena iniciativa nun só centro á participación de case 4.000 alumnos e alumnas de toda Galicia. Dá vertixe?
Se miras cara atrás e pensas que comezaches co proxecto só na túa aula, e que agora chega ao alumnado de dez centros de toda Galicia, case 4.000 rapaces e rapazas, e con toda a xente que se implica, a verdade é que si que dá un pouco de vertixe. Unha vertixe alegre, pero que impresiona mirando a evolución. Emociona e é un reto. O salto cualitativo foi que a Secretaría Xeral asumise o programa como unha iniciativa propia e iso foi o que permitiu pasar a facelo en máis centros. Este ano hai aínda un maior apoio da administración, cun orzamento para que os centros poidan financiar as actividades ou un obradoiro de vídeo.
"Se miras cara atrás e pensas que comezaches co proxecto só na túa aula, a verdade é que si que dá un pouco de vertixe"
O proxecto muda cada ano, incorpora novos elementos, fai fincapé noutros... Analizades o que funciona mellor e peor cada ano?
Si, este ano hai varios cambios e as melloras proceden das reunións que tivemos o ano pasado cos centros participantes e a maioría saíron de reunións co propio alumnado. Ao rematar os 21 días volvemos a cada centro e temos xuntanzas por un lado co profesorado e polo outro cos propios alumnos. Estou moi agradecida, porque os rapaces fixeron análises moi maduras e as suxestións de mellora que fixeron estaban moi pensadas e moi argumentadas.
É por isto que este ano imos facer só tres retos, un por semana, para realizar en grupo. Porque o que máis valoraron foi que o programa lles dese a oportunidade de traballar en grupo, xuntos. Queremos que teñan menos presión de traballo e que teñan máis tempo para facelo mellor. Isto tamén permite que o profesorado poida avaliar mellor nas clases os traballos realizados.
"A lingua non depende só da clase de Galego, senón que a lingua é algo global, que afecta a todas as materias"
Entre as mudanzas que se apuntan está a participación de docentes de materias distintas á de lingua galega. Búscase sacar o galego da clase de lingua galega?
Si, este ano no Xelmírez, como centro piloto, o programa deixa de estar vehiculizado só a través da materia de lingua galega e entran aí outras materias. Por exemplo, se na primeira semana van facer un vídeo relacionado coa materia de Bioloxía, a ese alumnado váiselle avaliar na materia de Lingua e na materia de Bioloxía. Convértese nun contido transversal e deixa claro que a lingua non depende só da clase de Galego, senón que a lingua é algo global, que afecta a todas as materias.
Tamén se quere impulsar a participación das familias...
Xa noutros anos a participación das familias foi moi importante, e este ano queremos darlle un xiro ás actividades que se lles propoñen dende os centros: queremos que as actividades poidan ter unha resposta en forma de vídeo curto. Queremos que as familias participen, que falen en galego cos seus fillos e que despois, se o desexan, o colguen nas súas redes sociais e nos etiqueten con #21diascogalego.
"Cando un comeza unha actividade de dinamización, non podes quedar agardando a que a xente se achegue a ti, tes que ir ti onde está a xente"
Incidides moito no uso das novas tecnoloxías. Á mocidade hai que falarlle na súa linguaxe, nos soportes e canles que están habituados a usar?
Si, outro dos obxectivos deste ano é fomentar a presenza nas redes sociais. Xa había presenza nas redes, pero queremos potenciala. En primeiro lugar porque nós queremos estar onde está o alumnado. Cando un comeza unha actividade de dinamización, non podes quedar agardando a que a xente se achegue a ti, tes que ir ti onde está a xente. E, segundo, porque non queremos que o Instagram quede fóra das actividades que fan nos 21 días, senón que queremos que tamén integre a súa actividade nas redes sociais dentro do proxecto, porque é a súa realidade cotiá.
"Cambia a percepción das persoas galegofalantes: algúns rapaces que tiñan unha mala consideración das persoas que falan galego mudan por completo a súa visión"
Facedes unha valoración ou un seguimento do efecto que 21 días co galego deixa no alumnado, mesmo a medio prazo? Hai rapaces que comezan a falar galego de forma habitual? Mellora a súa actitude cara á lingua
Eu teño a experiencia persoal de alumnado que participou nas primeiras edicións e que agora está rematando as súas carreiras universitarias, e que veñen e me din: 'que saibas que me acordei moito de ti, porque agora falo galego'. Pero sei que isto non é un rexistro fiable, son só algúns casos persoais.
Porén, si que se estudaron unha serie de logros que se foron acadando a través de '21 días': calquera rapaz ou rapaza que faga o reto dos 21 días, por moi mal que o faga, vai ter que falar máis en galego que en todas as clases de lingua galega dun ano enteiro. Ademais, cambia a percepción e a consideración das persoas galegofalantes, aumenta a empatía e algúns rapaces que tiñan unha mala consideración das persoas que falan galego mudan por completo a súa visión. Son raros os casos nos non mellora a actitude cara á lingua.
"Se unha persoa non domina as dúas linguas, non pode escoller libremente que lingua quere usar"
Hai que ter en conta, ademais, que o 1º da ESO non é a época na que unha persoa decide en que lingua vai falar ao longo da súa vida, esa decisión adoita chegar máis tarde, ao igual que a maior parte das grandes decisións. Pero no momento de tomar esa decisión contan moito as experiencias coas que esa persoa chega. Eses 21 días deixan unha pegada que perdura no tempo, deixan a idea de que pode haber un oco para o galego na vida dese mozo ou moza.
O que está claro é que se unha persoa non domina as dúas linguas, non pode escoller libremente que lingua quere usar. A propia lei di que ao rematar o ensino obrigatorio os alumnos e alumnas teñen que dominar as dúas linguas por igual, e ese é o noso obxectivo. Só así serán libres de escoller.