Os 21 días comezaron este mesmo luns 13 de xaneiro e chegarán ata o vindeiro 2 de febreiro
'21 días co galego e +' medra. Hai sete anos, en 2013, nacía na Pobra do Caramiñal esta iniciativa que buscaba que durante tres semanas os alumnos e alumnas do instituto da vila empregasen a lingua galega todo o tempo, dentro e fóra da aulas. No 2014 o proxecto estendeuse a todo o centro de ensino e aos comercios da localidade e o pasado ano a iniciativa chegou a catro centros de toda Galicia, da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística, cun total de 1316 participantes. Neste 2020 '21 días co galego e +' levarase a cabo en dez institutos de todo o país, implicando a case 4.000 alumnos e alumnas de toda Galicia.
A coordinadora segue a ser Pilar Ponte, responsable da iniciativa dende o seu comezo e que o pasado ano destacaba en conversa con Praza.gal que "do que se trata é de sacar o galego das aulas, de levalo aos patios e á vida cotiá. Saír dese ritualismo que moitas veces existe". É por iso que un dos obxectivos desta nova edición é buscar unha maior participación das familias.
Os 21 días comezaron este mesmo luns 13 de xaneiro e chegarán ata o vindeiro 2 de febreiro. Neste tempo 3.877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos comprométense a falar unicamente en galego, levando a cabo ademais unha serie de actividades. Os centros participantes son o IES As Lagoas (Ourense), IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña), IES Illa de Ons (Bueu), IES de Poio e IES de Vilalonga (Sanxenxo).
As fins de semana as familias tamén recibirán propostas de retos para realizar colectivamente coas fillas e os fillos
O soporte central da iniciativa é un ano máis o blog 21 Días co galego e +, onde se mostraran desde este luns as creacións dos centros participantes e se publican os distintos retos e actividades. Os da primeira xornada veñen de amosarse no blog este luns. Así mesmo, os rapaces e rapazas serán convidados a realizar gravacións individuais onde deixarán constancia das súas reflexións sociolingüísticas sobre a experiencia. E as fins de semana as familias tamén recibirán propostas de retos para realizar colectivamente coas fillas e os fillos e nunha xornada realizarán unha enquisa de carácter sociolingüístico.
“A medida que imos avanzando no camiño imos facendo reaxustes en 21 Días co galego que nos permiten alcanzar con máis efectividade os nosos obxectivos", di Valentin García
A presentación desta nova edición da iniciativa tivo lugar este luns no Instituto Xelmírez I de Compostela. Nela participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director do IES, Manuel Portas; a promotora e coordinadora do programa, Pilar Ponte; e a alumna de bacharelato Noela Rivas.
“A medida que imos avanzando no camiño e avaliando o percorrido realizado imos facendo reaxustes en 21 Días co galego que nos permiten non só medrar en cantidade, senón tamén mellorar en calidade para alcanzarmos con máis efectividade os nosos obxectivos. Por iso este ano nos propuxemos unha maior participación das familias, así como do profesorado de departamentos diferentes aos de Lingua galega e literatura, en especial neste instituto”, destacou Valentín García.
"O paso entre non ser galegofalante e selo é unha cuestión de actitude, non de coñecemento", dicía Pilar Ponte
Ao igual que en edicións anteriores, o proxecto buscará o fomento da lingua oral mediante a asociación do galego coa modernidade, coas TIC e coas redes sociais, e a través da participación do alumnado en proxectos específicos. Ademais, introduce elementos de gamificación que poden ir desde os xogos máis tradicionais a experiencias innovadoras. "Se ti pos entusiasmo e acompañas a lingua de temas que lles interesan aos e ás adolescentes, eles e elas responden", sinalaba a este respecto Pilar Ponte.
Ponte destacaba que "esta xeración non ten xa eses prexuízos que si existían noutras épocas, de que se é un idioma de paletos e demais. Agora pesan máis cuestión de hábito, de utilidade". "O paso entre non ser galegofalante e selo é unha cuestión de actitude, non de coñecemento", engadía.
Entre os primeiros contidos do blog están dous vídeos, relacionados coa aprendizaxe da lingua galega e co propio reto de 21 días. O primeiro é unha curtametraxe producida por Modelo Burela e dirixida polo director burelés Matías Nicieza. A obra é unha adaptación cinematográfica dunha das historias contidas no libro Made in Galiza de Sechu Sende feita ao estilo das curtas documentais educativas estadounidenses dos anos 50 e 60 do pasado século. A segunda peza gravouna para a ocasión o actor César Cambeiro.