A investigación destaca a "notable homoxeneidade na distribución dos apelidos" en Galicia, debido á escasa inmigración externa que houbo durante séculos e a unha industrialización e urbanización tardías
A forma dos nosos apelidos contén moita información sobre a orixe familiar dunha persoa. Especialmente en Galicia. Un estudo do investigador Xulio Sousa (ILG-USC) e das profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras afonda na frecuencia e distribución territorial de 6.150 apelidos galegos, chegando a relevantes conclusións que pescudan a orixe e desenvolvemento histórico de cada patronímico.
Os investigadores e investigadoras destacan, en primeiro lugar, a "notable homoxeneidade na distribución dos apelidos" en Galicia, debido á escasa inmigración externa que houbo durante séculos e a unha industrialización e urbanización tardías, que mantivo a maior parte da poboación vivindo nas súas localidades de orixe ata mediado o século XX. Ademais, a dispersión de poboación favoreceu unha menor mobilidade e unha transmisión moi localizada dos apelidos.

Nos anos 30 do pasado século as persoas apelidadas Outomuro vivían nas parroquias que rodeaban este lugar do concello de Cartelle. Corenta anos despois o apelido comezara a difundirse a outros lugares de Ourense e tamén á cidade de Vigo
De feito, a investigación desbota os apelidos de persoas nacidas despois de 1965 para evitar o "efecto distorsionador do proceso de urbanización", acelerado especialmente a partir dos anos sesenta do século pasado. Neste senso, achéganse exemplos como o da distribución do apelido 'Outomuro', dende a súa orixe, preto na aldea do mesmo nome en Cartelle. Se nos anos 30 do pasado século as persoas apelidadas así vivían nas parroquias que rodeaban este lugar, corenta anos despois o apelido comezara a difundirse a outros lugares de Ourense e tamén á cidade de Vigo, destino da emigración de moitas persoas da provincia ourensá.
Tampouco se consideraron os apelidos máis comúns (como Rodríguez, González ou Fernández) e descartáronse igualmente os que só aparecían nun municipio ou eran de orixe estranxeira. O estudo. Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History, vén de ser publicado na revista Names: A Journal of Onomastics.
A distribución dos apelidos coincide "sorprendentemente" cos límites históricos das dioceses da Igrexa católica e, ademais, coa distribución de variedades léxicas do galego
Outra das conclusións ás que chegou o estudo é a correspondencia entre uns determinados apelidos e unhas áreas xeográficas determinadas, que por exemplo coinciden "sorprendentemente" cos límites históricos das dioceses da Igrexa católica e, ademais, coa distribución de variedades léxicas do galego. Esta relación entre apelidos e circunscricións eclesiásticas xa fora investigada por unha das autoras do estudo, María José Ginzo Villamayor, na tese de doutoramento dirixida precisamente por Rosa Crujeiras. [Dime en que diocese vives e direiche como te apelidas]
Os investigadores conclúen que "a antiga estrutura eclesiástica, herdeira de divisións romanas e consolidada na Idade Media, actuou como unha forza organizativa profunda nas comunidades rurais galegas"
Os investigadores conclúen que "a antiga estrutura eclesiástica, herdeira de divisións romanas e consolidada na Idade Media, actuou como unha forza organizativa profunda nas comunidades rurais galegas". En todo caso, sinalan que estas coincidencias se deben interpretar "con cautela", aínda que “son un estímulo para abrir a porta a novas liñas de investigación en lingüística, historia, xenética e antropoloxía, e consolida o papel da onomástica como disciplina clave para entender a complexidade do ser humano e as súas comunidades a través do tempo”.
Para os autores, o estudo reafirma o valor dos apelidos como ferramentas para entender o pasado “xa que os apelidos non só reflicten dinámicas poboacionais, senón tamén estruturas sociais, relacións culturais e variantes lingüísticas”.