Nin Otero, nin Feijóo: en liña a guía definitiva de apelidos galegos para restituír as formas propias

Monteagudo, Boullón e Freixanes na presentación da 'Guía de apelidos galegos’ en Santiago CC-BY-SA RAG

Nin Outeiro, nin Villasuso, nin Sotelo, nin Feijóo. A Real Academia Galega (RAG) presentou este mércores a nova Guía de apelidos galegos, que se pode consultar desde xa na web da institución. Unha ferramenta en liña para "facilitar o coñecemento das formas propias e a súa restitución"

Para iso, a Academia pon a disposición da cidadanía esta guía con máis de 6.000 nomes de familia que abranguen aproximadamente o 95 % da poboación galega e que ofrece tanto a forma estándar de cada un dos apelidos coma as non estándar coa equivalencia non deturpada. O buscador permite ademais descargar un informe do Seminario de Onomástica da RAG que acredita cal é a forma correcta daqueles apelidos alterados.

A 'Guía de apelidos galegos' permite obter un informe para a restitución da forma propia CC-BY-SA RAG

A nova ferramenta en liña permite "coñecer as formas propias e a súa restitución" a través dunha guía con máis de 6.000 nomes de familia que abranguen o 95 % da poboación galega

Para que? Pois a reforma da Lei do rexistro civil de 1999 contempla que "cun trámite moi sinxelo sexa posible a restitución dos apelidos galegos á súa forma xenuína". "Coidamos que este recurso vai facilitar esta xestión”, explica a coordinadora da guía, Ana Boullón. Aínda que se calcula que o total de formas castelanizadas é aproximadamente só o 16 %, estas afectan a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que a súa visibilidade social é moito maior, engade. 

A académica de número presentou este novo recurso canda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o vicesecretario, Henrique Monteagudo, nunha rolda de prensa celebrada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Como se lembrou no acto, a deturpación dos apelidos comezou no século XVI, cando o galego foi desprazado da escrita. “Foi un proceso anárquico, no que formas como Méndez ou Mariño se mantiveron practicamente sen alteracións mentres outras como Outeiro foron moi castelanizadas. No censo hai rexistrados case 40.000 Otero e apenas 300 Outeiro”, pon como exemplo Ana Boullón.

O total de formas castelanizadas é do 16 % pero afectan algúns dos apelidos máis frecuentes

A modificación dos apelidos para asimilalos ao castelán produciuse coa xeneralización dos rexistros, primeiro relixiosos e logo civís, segundo explica a académica. Esta práctica afectou en maior medida aos nomes que aos apelidos, que xa eran hereditarios, pero a vontade de respectalos ou non dependeu en boa medida do escribente ou da institución. “A diocese de Tui, por exemplo, foi tremendamente castelanizadora”, conta. O proceso de deturpación deixou rastro nos documentos que chegaron ata os nosos días, nos que queda constancia escrita de como moitos Afonso se converteron en Alfonso ou Alonso, os Regueira en Reguera ou os Outeiro en Otero. “Polo tanto, a abundancia de apelidos coma estes en Galicia, malia coincidiren coas formas correspondentes en castelán, non se deben, na súa maior parte, a apelidos casteláns asentados no país, senón a transformacións que sufriron as formas galegas”, aclara Ana Boullón.

Os apelidos galegos parten dun conxunto léxico que se remonta, cando menos, á Idade Media, cando se comezaron a fixar como segundos nomes uns elementos que, nun primeiro momento cambiantes de xeración en xeración e despois hereditarios, se transmitiron ata os nosos días, explica a RAG. Os máis comúns son os patronímicos, con orixe en nomes de persoa e rematados maioritariamente en -ez (Méndez, Estévez) e algúns en -s (Pais, Martís). Outros tamén moi frecuentes, os toponímicos, indicaban o lugar de residencia ou procedencia do portador (Castro, Outeiro, Chao, Piñeiro, Pazos...), e un terceiro grupo proceden de alcumes profesionais como Ferreiro ou refírense ás características dos portadores (Calvo, Crespo, Ledo, Louzao, Garrido...). 

Alteración do apelido Outeiro nun documento de 1566 CC-BY-SA RAG

No censo hai rexistrados case 40.000 Otero e apenas 300 Outeiro, sendo esta última a forma xenuína e propia do apelido

Tendo en conta as distintas maneiras rexistradas de castelanizar os apelidos galegos, "a recuperacións das formas propias implica, por unha banda, restituír nomes de familia" como Teixeiro, Seixo, Soutelo, Goiáns, Atáns ou Bustabade, que en moitas ocasións derivaron en híbridos como *Teijeiro, *Seijo, *Sotelo, *Goyanes

Para os apelidos toponímicos deturpados, "a referencia para o seu restablecemento é o propio Nomenclátor de Galicia, mentres que noutros casos cómpre reverter castelanizacións de apelidos patronímicos como Martís, Afonso e Lourenzo, convertidos en Martínez, Alfonso ou Lorenzo; ou de formas léxicas como Neto, Dourado, Romeu, Mosqueira ou Vilar"

A forma castelá dun apelido "é na inmensa maioría das veces unha deturpación e non o indicador dunha orixe do portador fóra de Galicia"

A RAG explica tamén que, de igual modo que nestes últimos casos a forma castelá "é na inmensa maioría das veces unha deturpación e non o indicador dunha orixe do portador fóra de Galicia, a utilización das grafías <j> ou <g+e, i>  en formas como *Araújo, *Feijoo *Janeiro, *Justo ou *Juíz obedecen ao mesmo proceso de castelanización, non á continuidade das grafías históricas". As formas estándar son, polo tanto, Araúxo, Feixoo, Xaneiro, Xusto e Xuíz, lembra.

Canto ás formas dialectais, conta a institución, todas elas galegas, a listaxe de formas estándar respéctaas seguindo o mesmo criterio que se aplica na toponimia. Isto explica que poida haber solucións duplas como Bugueiro /Buxeiro, Eirexas / Igrexas, Fontán / Fontao, Louzán / Louzao, Casás / Casais, Pedrouzo /Pedrouso, Eiriz /Eirís etc.

Mantemento de apelidos galegos na documentación histórica, en Oia en 1626 CC-BY-SA RAG

A nova guía en liña amplía significativamente a de 1.500 apelidos que a RAG publicou, en papel e PDF, no ano 2016. O corpus no que se basea é o do Dicionario de apelidos galegos, no que está a traballar o mesmo equipo e que ofrecerá as etimoloxías e as distribucións xeográficas de cada forma, ademais de sinalar a documentación máis antiga. Estes recursos súmanse á Guía de nomes galegos, presentada en 2022 tamén en forma de buscador en liña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.