"Os clubs de lectura poden cambiar o mundo. A xente que vai sae mellor persoa"

Marta Villar © Cedida

Hai dous anos Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) gañou o Premio Xerais con Detective Ferruchi, unha novela na que unha muller, padronista de Inditex, deixa a cidade onde viviu durante moitos anos para regresar á súa vila natal e abrir unha libraría. Alí, en plena Costa da Morte, ten que investigar un crime. É, polo tanto, unha novela negra, pero é moito máis. Unha novela chea de humor e retranca na que se introducen unha manchea de temas diversos, dende a emigración galega (e o seu retorno), o traballo das mulleres do rural nos inicios da multinacional téxtil, a vida no rural...

Unha mostra de que os libros -e os seus xéneros- son barcos nos que poden viaxar contidos moi diferentes, como conversas lanzadas a babor e estribor. Agora, tras o éxito de vendas colleitado no último ano, o Detective Ferruchi publícase en castelán en Edicións Maeva. Pero Marta Villar ten tamén novidades en galego, pois en maio publica O misterio dos gatos rosas (Xerais), a segunda parte do seu debut para o público infantil e xuvenil, Os peidos máxicos de Sultán.

Marta Villar é xornalista en durante tres décadas traballou en medios, maioritariamente prensa escrita. Un día decidiu pedir unha excedencia -que mantén- para lanzarse a escribir as novelas que tiña na cabeza e contar os mesmos temas que quería contar no xornal e, se cadra, axudar con iso a cambiar o mundo para mellor. Un mundo mellor que, se chega, chegará a través da lectura -defende-, sobre todo a través da lectura en colectivo, dos clubs de lectura (ela coordina dous destes grupos). Na semana do libro, falamos con Marta Villar.

"Os galegos sabemos moito diso, de contar historias. Temos moi metido o tema a través da tradición oral, a arte de contar historias que pasou de pais a fillos e de avós a netos, como foi o meu caso"

Hai uns días participaches nas Xornadas Literarias de Neda, centradas no Galician Noir, onde vos xuntastes varios autores e autoras de novela negra. Gústache a etiqueta? Sénteste identificada? Cres que é útil?

Eu creo que a etiqueta queda ben, Galician Noir, novela negra galega; é necesario ese tipo de etiquetas que dan conta e reflicten unha tendencia que hai agora mesmo, entón non me sinto incómoda con ela. Aínda que despois hai moitas variedades e moitas formas de escribir a novela negra... Eu creo que este boom empezou con Domingo Villar. A Praia dos Afogados para mi foi un antes e un despois, porque nos abriu a mente, moita xente decatouse de que os galegos tamén podemos facer este tipo de xénero.

A novela negra é unha novela que sempre engancha moito, mesmo a xente que non é lectora. Esa é a gran potencialidade da novela negra: aos seres humanos encántanos o misterio, encántanos cando hai un problema que podes resolver. Se consegues manter ese ese interese, esa ansiedade por saber que pasa despois e unido á arte de contar historias que temos os galegos, iso explica a cantidade de premios e de éxitos que os autores e autoras galegas están acadando en todo o Estado.

Os galegos sabemos moito diso, de contar historias. Temos moi metido o tema a través da tradición oral, a arte de contar historias que pasou de pais a fillos e de avós a netos, como foi o meu caso. E. ademais, a iso engádeslle un elemento natural, que tamén empregan moito os nórdicos: ás rías, os montes... Hai tamén unha compoñente de exotismo, se cadra na meseta vennos como algo exótico: o misterio, as néboas, os bosques...

Marta Villar © Cedida

"O xénero sempre me encantou. E máis que os crimes en si, o que me gusta é a investigación. Iso ten que ver moito, supoño, co xornalismo, con atopar datos, coas entrevistas, con seguir as pistas dun tema. A novela negra contribúe moito a lectura, é un xénero que engancha lectores, que crea lectores, e só por iso xa paga a pena"

E ti por que decidiches facer novela negra en Detective Ferruchi?

Eu lía moitísima novela negra cando era nova. E sempre digo que me interesa sobre todo como instrumento, como unha estrutura que funciona, que engancha, e que ao tempo é unha caixa na que meter outras cousas. O xénero sempre me encantou. E máis que os crimes en si, o que me gusta é a investigación. Iso ten que ver moito, supoño, co xornalismo, con atopar datos, coas entrevistas, con seguir as pistas dun tema. A novela negra contribúe moito a lectura, é un xénero que engancha lectores, que crea lectores, e só por iso xa paga a pena.

En Ferruchi hai tamén unha homenaxe a Se ha escrito un crimen, a Jessica Fletcher, que era unha serie marabillosa e que foi pioneira, porque naqueles anos non era habitual que unha muller (e unha muller maior, ademais) protagonizase unha serie e resolvese crimes.

Ao final a final a novela negra é como un instrumento, un vehículo para contar outras cousas: para contar unha historia persoal ou para falar dun tema importante a nivel social....

En Neda iso dixérono moi ben un grupo de rapazas e rapaces do instituto que falaron ao principio: a novela negra non é un só un crime e a súa unha investigación, que tamén, senón que é tamén un reflexo da sociedade, dos problemas contemporáneos dese momento. A min a novela negra sérveme de vehículo para contar outros temas sociais que me interesan e que a través do xornalismo non lles daba saída.

"A min a novela negra sérveme de vehículo para contar outros temas sociais que me interesan e que a través do xornalismo non lles daba saída"

En Ferruchi hai moitos temas, abofé, que son importantísimos en Galicia e máis aínda na Costa da Morte: a emigración, as traballadoras do téxtil nos anos 70 e 80, moitas historias que xa che veñen da casa ou do lugar onde te criaches. Historias e personaxes que son reais aínda que non o parezan e que lle dan á novela un punto de realismo máxico...

En Galicia non necesitamos realismo máxico porque creo que todos levamos dentro estas historias. Eu son do rural, dunha aldeíña de 12 casas na que hai un monte de historias, de cousas peculiares que non se ven noutro sitio: a solidariedade entre veciños, as xenreiras pequenas, personaxes moi curiosos e tamén moi fortes, sobre todo as mulleres.

A min eses temas interesábanme moitísimo. Escríbese moito sobre a emigración galega, pero non está todo contado. Arturo Lezcano sacou agora O País Invisible, que é un libro fantástico, no que hai moitísimas historias. A min interesábame esa situación que viviron moitas familias, nas que os nenos foron criados aquí polos avós mentres os país estaban emigrados en Europa. Unha situación que era un drama a tres partes, con fillos que non chegaron a crear un vínculo afectivo cos pais cando estes retornaron e con avós aos que ao final lles acabaron por levar da casa uns nenos que criaron como fillos.

'Detective Ferruchi', de Marta Villar © Xerais

"A min interésanme personaxes que sexan máis reais e precisamente por iso, máis vulnerables. Personaxes cos que nos poidamos identificar cada un de nós, porque coas nosas vulnerabilidades tamén podemos ser protagonistas, os heroes e heroínas do día a día"

Colles tamén ideas da cousas que les na prensa? De historias, de procedementos policiais...?

Eu son unha gran lectora de prensa, é unha cousa que manteño. E si que boto man da prensa para documentarme sobre un tema, máis que para coller algunha historia. Aínda que nesta última novela si que incorporei unha cousa que lin no xornal, que pasou na zona de Carballo: un policía detivo a un home que pasou conducindo por riba dunha rotonda; por suposto deu positivo, pero a explicación que deu foi marabillosa: “cando pasei por alí, a rotonda non estaba”.

Ese humor é fantástico, esa resposta nunca a podería inventar nunha novela. Os galegos temos unha forma de dicir e de contar moi especiada, temos que valorarnos moitísimo máis. Eu creo que todos os galegos e galegas temos unha novela enriba.

Nas túas dúas novelas publicadas ata agora -Non temerás os coches amarelos e Detective Ferruchi- as protagonistas son mulleres e, en xeral, moitos personaxes femininos xogan un papel fundamental. Estou pensando noutras mulleres que protagonizan novelas negras e resulta significativo como adoitan ter unha idiosincrasia diferentes aos protagonistas masculinos: entra a crianza, as relacións familiares... Interésanche máis estes personaxes? Son máis complexos?  

A min gústame que as protagonistas sexan mulleres porque son diferentes a eses personaxes clásicos, moi duros, que fuman, que din frases lapidarias, e que ademais non teñen que facer a compra, nin cociñar, nin coidar dos fillos. Pero a min interésanme personaxes que sexan máis reais e precisamente por iso, máis vulnerables. Personaxes cos que nos poidamos identificar cada un de nós, porque coas nosas vulnerabilidades tamén podemos ser protagonistas, os heroes e heroínas do día a día.

A protagonista, por exemplo, de Ferruchi é unha muller con traumas da infancia, que ten unha enfermidade, que pode morrer en calquer momento, que por riba ten unha menopausia adiantada, que é outro dos grandes temas que nunca se trataba na literatura, e que ademais é filla dunha xitana. Entón. ao longo da novela hai un exercicio de empoderamento, de adquirir seguridade en si mesma. A min gústanme eses personaxes que non sexan monolíticos.

"Fun unha xornalista súper vocacional. Para min o máis importante era denunciar as inxustizas, contar as cousas que lles pasaban aos máis febles. Entrei no xornalismo por iso, pero tamén é un veleno a nivel persoal. É unha cousa moi esixente, cunhas condicións laborais pouco adecuadas, e terminas queimándote ou cansándote"

Agora estás a presentar a versión en castelán de Detective Ferruchi, que ti mesma traduciches. Como foi este proceso?

A edición do libro en castelán é unha experiencia moi interesante e nova porque me gusta trasladar cousas de aquí fóra das nosas fronteiras, cousas que ao principio pensaba que ao mellor non se ían entender fóra: o humor galego, a nosa forma de ser... Con respecto á tradución teño que dicir que é algo que me parecía moito máis doado do que finalmente foi. Agora valoro moito máis o traballo dos tradutores, porque non é unha tradución literal, sobre todo cando hai certas expresións que non podes poñer tal cal. E despois hai que ter en conta as diferenzas entre a mentalidade e a personalidade dun e doutros lugar. Por exemplo, nós dicimos moitos tacos, pero a nós non nos soan como algo agresivo. E en cambio noutros lugares de España si o son.

Que pasa con o xornalismo? Segues da excedencia?

Si, pedín unha continuación da excedencia. Levo moitísimos anos de xornalista, empecei xa antes de rematar a licenciatura e son da primeira promoción de Xornalismo na USC, que fixemos a carreira entre 1991 e 1995. Fun unha xornalista súper vocacional, que cando sacaba unha noticia que era importante non durmía. Para min o máis importante era denunciar as inxustizas, contar as cousas que lles pasaban aos máis febles. Sempre me preocupei do débil, porque do poder xa se preocupan outros. Facer un xornalismo agradable co poder non ten ningún mérito, o mérito é darlles voz aos que non teñen ese poder. Ese tipo de xornalismo de servizo, de contrapoder, é marabilloso. 

Entrei no xornalismo por iso, pero tamén é un veleno a nivel persoal. É unha cousa moi esixente, cunhas condicións laborais pouco adecuadas, e terminas queimándote ou cansándote, porque acabas vendo que non tes vida. Hai un gran desgaste mental, unha cosa que se vai acumulando. Eu non me daba conta que estaba estresada, telo tan normalizado que xa non o ves, non es consciente.

Os peidos máxicos de Sultán © Xerais

"O xornalismo é máis necesario ca nunca, sobre todo para que a xente saiba o que é real e o que non, o que foi contrastado por un xornalista e o que é un invento"

Tamén é certo que desde que eu me licenciei ata agora o xornalismo cambiou moitísimo, a evolución é brutal. Antes os xornalistas eramos os intermediarios, agora os políticos ou os artistas xa utilizan as redes sociais para contar as súas novidades. O xornalismo ademais é cada vez máis feble máis dependente dos grupos económicos. Hai ademais un ritmo frenético, unha obsesión pola inmediatez e tamén polas visitas. Cáeche a alma aos pés cando ves cales son as novas máis lidas na web do teu xornal. Temas que non son xornalismo e que teñen moitas máis visitas que aquel tema ao que dedicaches moitas horas. Pero é que se deixas de ofrecer aos lectores e lectoras esa información de calidade, os medios xa non terían sentido. E o xornalismo é máis necesario ca nunca, sobre todo para que a xente saiba o que é real e o que non, o que foi contrastado por un xornalista e o que é un invento.

A primeira excedencia ou permiso pedíchelo precisamente para escribir Detective Ferruchi, que tantas alegrías che deu, pero en realidade foi un salto ao baleiro...

Si, lanceime ao baleiro. Tiña uns aforros e unha historia na cabeza e confiaba nela. Entón dediqueime a iso e saíu ben. Puido saír mal, claro, pero se non te arriscas nunca conseguirás nada. Eu non quería chegar a un punto, dentro de moitos anos no que me arrepentise de non ter intentado facer isto. 

A literatura é o oco que me queda para escribir a través da ficción os temas que me interesan. Eu creo que os xornalistas nos metemos nisto porque utopicamente, idealisticamente e vaidosamente queremos cambiar o mundo para mellor. Pois eu agora recorro é ficción para facelo, para poder escribir dos temas que me interesan e que creo que son importantes. Digamos que atopei un xeito de intentar cambiar cambiar o mundo, a través da literatura. Xa sei que son moi optimista e non o vou conseguir, pero polo menos podo intentar achegar algo.

"Para min foi todo un descubrimento comprobar que a tanta xente lle gusta a lectura e ver o poder incrible que os libros e a literatura teñen para transformar a sociedade. Ver como se xera unha afinidade enorme, porque se fala de todo, de cousas moi persoais..., créase un clima de confianza, de compañeirismo entre xente que pode ser moi diferente. É a humanidade mesma"

Que máis cousas estás a preparar?

Estou escribindo unha novela que sairá o ano que vén e que non ten nada que ver con todo o que escribín ata agora. E agora en maio sae a segunda parte de Os peidos máxicos de Sultán, que se vai chamar O misterio dos gatos rosas. Sempre meto animais nas miñas novelas porque me gustan moito, e tamén me gusta moito a literatura infantil porque é un público que me parece marabilloso. Os rapaces e rapazas de 8, 9 ou 10 anos danse conta de detalles nos que nós non reparamos; ademais, dinche todo tal como o pensan e iso é marabilloso e moi necesario.

Cando escribo un libro infantil tento escribilo primeiro para min, pensando no que me gustaba ler de pequena. Penso que en Galicia hai moitísimo libro que se escribe pensando nos colexios e entón ten unha carga didáctica moi importante, que está moi ben, con valores de igualdade, de tolerancia, anti-racismo, contra o acoso escolar... Pero tamén tes que crear lectores e lectoras, tes que darlles contidos que lles interesen e por iso meto moito humor, porque o máis importante é que lean. Eu quero, sobre todo, que rían, porque se o pasan ben lendo, no futuro van ser lectores.

O importante é iso, non? Crear lectores. A lectura é a clave para moitas cousas, nos pequenos e nos maiores, non si? Ti, ademais, estás moi metida nos clubs de lectura...

Si, eu o que quero é crear lectores, a rebelión da lectura, como din en Gondomar. Teño a sensación que sobre todo dende a pandemia se está a dar un boom da lectura. Vexo ringleiras nas librarías e hai cada vez máis clubs de lectura, é un fenómeno do que non se está a falar suficientemente. A xente non se dá conta do poder da literatura. Véxoo nas presentacións de libros, sobre todo en sitios pequenos, vino o outro día en Neda nas Xornadas Literarias, e véxoo sobre todo nos clubs de lectura. E nas redes sociais, en Instagram ou TikTok, atopas persoas con milleiros de seguidores que falan todo o tempo de libros, que recomendan lecturas.

Non temerás os coches amarelos © Xerais

"Eu sempre pensei que a lectura era unha cousa íntima e individual. Pero cando vas ao club de lectura ves outros puntos de vista, unha riqueza de interpretacións que completa a túa lectura e sobre todo que che ensina a poñerte no lugar do outro e iso é marabilloso"

Eu coordino dous clubs de lectura nos que hai lista de espera. Hai moitas persoas, sobre todo mulleres, pero temos tamén catro homes. Hai persoas, ademais, de todas as idades, dende rapaciñas que son case adolescentes ata xente que ten máis de 70 anos. 

Eu sempre pensei que a lectura era unha cousa íntima e individual. Pero cando vas ao club de lectura ves outros puntos de vista, unha riqueza de interpretacións que completa a túa lectura e sobre todo que che ensina a poñerte no lugar do outro e iso é marabilloso. Creo que é o antídoto contra a intolerancia e contra o racismo. Aprendes a respectar o punto de vista dos demais, a reflexionar en común, a aceptar que a visión do outro pode modificar a túa. 

Para min foi todo un descubrimento e unha sorpresa comprobar que a tanta xente lle gusta a lectura e ver o poder incrible que os libros e a literatura teñen para transformar a sociedade, para educar en igualdade e para mobilizar as persoas. Ver como se xera unha afinidade enorme, porque se fala de todo, de cousas moi persoais..., créase un clima de confianza, de compañeirismo entre xente que pode ser moi diferente. É a humanidade mesma. A xente que vai aos clubs de lectura sae mellores persoas. Os clubs de lectura poden cambiar o mundo. Se hai unha oportunidade para o mundo é a través da lectura e sobre todo a través destes espazos de lectura en colectivo, de posta en común.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.