O 16 e 17 de abril pasarán pola localidade nedense Arantza Portabales, Marta Villar, Rober Cagiao, Diego Ameixeiras, Pedro Feijoo, Óscar Reboiras e Isabel Ramos Breijo en dúas conversas que afondarán nas características e no éxito da novela negra feita en Galicia
Dende hai anos, veñen aparecendo en Galicia un gran número de autores e autoras de novela negra (xénero claramente de moda), acadando un enorme éxito editorial e conformando unha etiqueta, o Galician noir, que se converteu en todo un selo de calidade para estas obras, estendido tamén ás producións audiovisuais. Os ingredientes, ao igual que no Nordic noir dos países do norte de Europa ou no Celtic noir popularizado en Irlanda, Gales ou Escocia, son moitas veces paisaxes espectaculares e contornas naturais agrestes que acompañan a acción do thriller, case sempre a resolución dun crime.
Antes da etiqueta aí estaban o Carlos Reigosa de Crime en Compostela e, por suposto, as novelas de Domingo Villar. Pero a listaxe de autores e autoras é inxente: Diego Ameixeiras, Manuel Esteban, Ledicia Costas, Pedro Feijóo, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Marta Villar, Óscar Reboiras, Beto Luaces, María Oruña...
As xornadas, con entrada libre, contarán un ano máis coa participación dos e das integrantes do Club de lectura A pantasma de papel do IES Fernando Esquío
Varios deles e delas reuniranse a vindeira semana en Neda, nas Xornadas Literarias que dende hai máis de dúas décadas acolle esta localidade e que nesta ocasión se dedican ao Galician noir. Será os días 16 e 17 de abril na Casa das palmeiras de Neda, dúas xornadas nas que participarán en coloquios algúns dos escritores e escritoras máis destacados da “novela negra con acento galego”, segundo destaca a organización.
A conversa do xoves 16, moderada por María Nieto, estará protagonizada por Arantza Portabales, en plena campaña de presentación de Asasinato no muíño do cura; por Marta Villar (Detective Ferruchi) e por Rober Cagiao (Cadea de favores).
A concelleira de Cultura de Neda, Marián Bello, presentou esta semana a programación das edición 2026 das Xornadas, "consolidadas, por méritos propios, como todo un referente"
O venres 17 será a quenda de Diego Ameixeiras (O Cervo e a sombra), Pedro Feijoo (Onde nacen as bestas), Óscar Reboiras (O caso Salgueiro), e de Isabel Ramos Breijo (El secreto de Andrea). Compartirán mesa redonda moderada polo tamén escritor Juan José Lada.
As xornadas, con entrada libre, contarán un ano máis coa participación dos e das integrantes do Club de lectura A pantasma de papel do IES Fernando Esquío. A concelleira de Cultura de Neda, Marián Bello, presentou esta semana a programación das edición 2026 das Xornadas, "consolidadas, por méritos propios, como todo un referente".