Dylan chega a Galicia sen música

© CKB

En 1966 nun concerto en Manchester, despois de que un fan furioso lle berrase "Judas" cando Dylan colleu a súa guitarra eléctrica, o de Minnesota díxolles aos integrantes da súa banda "play it loud" (tocade forte). Desta vez trátase de quitarlle o volume a Dylan, de retirar a música toda para atopar o que hai debaixo: as letras, as cancións, os textos que para moitos dende hai anos o fan acreedor dun Premio Nóbel de Literatura, ou cando menos digno aspirante a el. O Concello de Neda acollerá a semana que vén as súas xa tradicionais Xornadas Literarias, que despois de ser dedicadas a Joyce, Kafka, Cortázar, Pessoa ou Virginia Wolf, na súa décima edición xirarán ao redor de Bob Dylan.

Coma todos os anos, este evento, organizado pola Biblioteca Municipal de Neda e a Facultade de Humanidades de Ferrol (Universidade da Coruña), contará con expertos académicos, escritores, a colaboración do CGAI e coa participación do clube de lectura do Instituto Fernando Esquío, que leva semanas estudando a obra de Dylan. Entre os participantes destaca a presenza, por exemplo, de Manuel Candelas, profesor de Literatura da Universidade de Vigo, que ofrecerá a conferencia inaugural, o mércores 18 na Facultade de Humanidades.

As xornadas contarán coa participación do ex conselleiro de Cultura Roberto Varela, recoñecido dylaniano

E tamén de César Candelas, autor teatral e creador do blog +dylan, ou Vicente Araguas, que en breve publicará en Xerais unha escolma de 62 cancións de Dylan traducidas ao galego (co título de O meu amor fala caladiño, tradución do primeiro verso de Love minus zero), ou do ex conselleiro de Cultura, Roberto Varela, en calidade de dylaniano e fan incondicional do músico. Como salienta o propio Araguas, "Roberto Varela foi alumno meu de inglés en Lasalle en Santiago. Pensaba que aquel fora un ano perdido, por moitos motivos, pero non o foi tanto se conseguín introducir a Dylan a un rapaz de 14 anos da parte do Salnés. Roberto Varela é agora un gran dylaniano".

 

"Se non foi máis coñecido como poeta foi porque quedou sepultado polo Dylan músico, algo que non lle pasou a Brassens porque Brassens era un músico máis limitado"

Músico ou poeta?

A primeira pregunta que se podería facer é sobre a altura literaria de Dylan, alén da calidade e complexidade das letras das súas cancións. Para Araguas, "por riba de todo está o música, pero hai un excepcional letrista, que se non foi máis coñecido como poeta foi porque quedou sepultado polo Dylan músico, algo que non lle pasou a Brassens porque Brassens era un músico máis limitado". En cambio, para Manuel Candelas é a presenza da música o que lle acabou dando aos textos de Dylan a súa dimensión actual: "a música amplifica por vía emotiva, xa que forma parte da educación sentimental de moitas xeracións", pero considera "natural, case obrigado", que Dylan sexa protagonista dunhas xornadas literarias: "a influencia de Bob Dylan na poesía contemporánea, por obvia, parece fóra de toda discusión. Non se explicarían moitos fenómenos literarios sen o seu concurso".

En opinión de César Candelas, "Bob Dylan é un músico excepcional e nel a letra é a música e viceversa. Son inseparables. Se recitas en voz alta Once upon a time you dressed so fine, threw the bums a dime in your prime, didn't you?, entón estás cantando Like a Rolling Stone. Queras ou non".

"Non é doado colocalo nunha soa liña poética"

Non resulta doado situar situar o Dylan poeta nun estilo, corrente ou xeración. Como lembra Araguas, "aparece nas escolmas da xeración beat, aínda que moi collido polos pelos". Para Manuel Candelas, "non é doado colocalo nunha soa liña poética" pois "Dylan conta historias en moitas cancións, en forma de crónicas ou coma romances ou baladas de persoaxes derrotados. Noutras describe o mundo en forma de caos permanente, cun punto sicodélico, probablemente influido polos poetas norteamericanos beats (o Ginsberg que o acompañou no Rolling Thunder Revue) ou polo propio Kerouac. Outras veces, Dylan tira de simple resumo de relación amorosa (co seu engadido doloroso) co propósito de arrimarse ao espíritu do blues".

 

Moitos Dylans nun só

Bob Dylan ocúltase detrás de moitos personaxes, crea trampas para chegar á súa identidade real. "Dylan finxe, como todo poeta, citando a Pessoa. Pero é que Dylan é en si mesmo un home de mil pezas", lembra Araguas. E efectivamente, segue habendo zonas grises na biografía dun home que ocultou ou disfrazou parte da súa identidade e que nos seus 50 anos no mundo da música atravesou moitas e moi distintas etapas, tanto no estilo dos seus discos coma na súa actitude vital.

No imaxinario popular quedou marcado o personaxe do cantante comprometido, do rapaz que tocaba a guitarra contra as inxustizas no Greenwich Village de comezos dos sesenta

"O que si sei é que Dylan non minte nunca cando canta", salienta cun certo candor de fan César Candelas. E aínda que a inmensa maioría das súas cancións falan de amor, "da paixón amorosa", en palabras de Manuel Candelas, no imaxinario popular quedou marcado o personaxe do cantante comprometido, do rapaz que tocaba a guitarra contra as inxustizas no Greenwich Village de comezos dos sesenta.

"Xa lle gustaría a el mesmo arrumbar con ese mito: leva toda a vida intentándoo, pero resulta imposible", di Manuel Candelas, e Araguas salienta que é curioso como ficou esa imaxe, cando a protesta en Dylan está "sobre todo no segundo e terceiro disco, e despois nalgunha canción solta máis adiante, en cancións dedicadas a algunha causa concreta" e cando "o gran Dylan chega máis tarde, con Bringing It All Back Home, Highway 61 Revisited e Blonde on Blonde".

 

Un disco, unha canción, un verso

Disco. Vicente Araguas: Blonde on Blonde. Manuel Candelas: Blonde on Blonde. César Candelas: "O que vai saír en maio"

Canción. Vicente Araguas: Desolation Row. Manuel Candelas: Sad eyed lady of the lowlands. César Candelas: Mozambique

Verso: Vicente Araguas: "My love, she speaks like silence". Manuel Candelas: "“With your mercurial mouth in the missionary times”. César Candelas: "Someday, little girl, everything is gonna be new / Someday, little girl, you'll have a diamond as big as your shoe"

Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.