Unha ducia de exemplos do 'Galician Noir' que puxo de moda o audiovisual galego en todo o mundo
Este sábado entréganse os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e unha boa parte dos filmes e series finalistas poden ser encadrados na etiqueta do Galician Noir, que está a servir como selo de calidade das producións realizadas aquí e do bo facer dos e das profesionais. A ficción galega, sempre cun puntiño negro, ten cada vez máis éxito internacional. Non é casualidade.
-
01
Os ingredientes
O Galician Noir comezou a ser empregado por críticos e xornalistas para reunir un grupo de series (principalmente) e algunha longametraxe realizadas por profesionais galegos, nas que predominaba o xénero do thriller, o xénero negro e de suspense. Pero nas que, ademais, incluíanse algúns elementos máis singulares: unhas determinadas paisaxes, ambientacións e personaxes marcadas polo misterio, polo contraste entre tradición e modernidade, entre urbano e rural.
"Galicia é un lugar que a primeira vista semella moi tranquilo, algo moi bo para a tensión narrativa", explicaba o vicepresidente de Netflix España na reportaxe de The Guardian que lanzou internacionalmente a etiqueta do Galician Noir, engandindo que a "atmósfera" que se crea en Galicia "contribúe positivamente ao ton do thriller", moito máis que a uniformidade dos espazos urbanos.
-
02
O Nordic Noir como referencia
O Galician Noir segue o ronsel aberto, sobre todo, polo Nordic Noir, o xénero negro e de suspense realizado en Suecia, Dinamarca, Noruega ou Islandia. Series e filmes que continuaron a tradición das novelas de Stieg Larsson e Henning Mankell e que dende hai anos triunfan en medio planeta. The Killing (Forbrydelsen), Bron/Broen, Trapped (Ófærð) ou Bedrag conseguiron elevar o xénero, cunhas características moi determinadas e singulares: paisaxes frías e espectaculares, personaxes e espazos que agochan realidades ocultas e terribles baixo a aparencia de tranquilidade dos estados de benestar máis consolidados do planeta.
Tamén está a adquirir sona o Celtic Noir, con elementos semellantes, e coas producións irlandesas ou galesas como mellores expoñentes, moi próximas tamén ás galegas.
-
03
As orixes: a literatura
Ao igual que sucede nos países nórdicos, o Galician Noir ten as súas bases na literatura, na novela negra desenvolvida por un gran número de autores e que tamén nos últimos anos están a acadar un grande éxito, dende Diego Ameixeiras a Manuel Esteban, Ledicia Costas ou Pedro Feijóo e, por suposto, a serie de novelas de Domingo Villar protagonizadas polo inspector Leo Caldas. Pero podemos remontarnos ao Crime en Compostela de Carlos Reigosa (1984) e outras obras da década dos 80
-
04
A praia dos afogados
E falando de Domingo Villar, comezamos os exemplos de producións audiovisuais que encaixan á perfección coa nova etiqueta do Galician Noir coa adaptación cinematográfica de A praia dos afogados, dirixida en 2015 por Gerardo Herrero e filmada nos arredores de Vigo
-
05
O sabor das margaridas
O sabor das margaridas abriu varios camiños: un deles, o de Netflix, converténdose na primeira serie en galego no xigante internacional de distribución. A serie desenvolvida por TVG, CTV e Comarex estreouse na TVG en 2018 e uns meses máis tarde lanzouse en todo o mundo a través de Netflix, acadando un enorme éxito en moitos países.
-
06
Auga seca
Auga seca, creada por Pepe Coira e producida por Portocabo, ten a sigularidade de ser ter contado coa coprodución entre a TVG e a RTP portuguesa que, de feito, se emitiu nas dúas canles e se filmou en galego e portugués. Emitiuse tamén na HBO en España e Portugal.
-
07
El desorden que dejas
El desorden que dejas continuou ese ronsel aberto por O sabor das margaridas. A serie creada a partir da novela homónima de Carlos Montero e producida por Vaca Films estreouse en decembro do ano 2020 en Netflix.
-
08
La unidad
De Vaca Films é tamén La Unidad, serie dirixida polo monfortino Dani de la Torre e que se emitiu o pasado ano a través de Movistar con grande éxito. No seu reparto figuran moitas caras ben coñecidas no audiovisual galego, como Luis Zahera ou Carlos Blanco
-
09
Néboa
O pasado ano tamén chegou ás pantallas (neste caso a TVE) a serie Néboa, producida por RTVE e Voz Audiovisual, na que a investigación dunha serie de asasinatos se mesturaba cunha ambientación na que a paisaxe e as tradicións (do entroido) eran clave.
-
10
Hierro
Hierro é outro dos grandes éxitos entre as producións orixinais de Movistar. Neste caso, a serie non está filmada en Galicia, senón nas Illas Canarias. Pode ser considerada, polo tanto, Galician Noir? Pode que non, pero a produción é galega, o mesmo que gran parte do equipo técnico, o seu creador (Pepe Coira) e guionistas. Ademais, contén ese saber facer, esa maneira de contar e filmar un thriller que tamén constitúe a clave do Galician Noir
-
11
Fariña
Tamén poderiamos incluír nesta lista unha das series galegas que máis exito obtivo no Estado nos últimos anos. A Fariña baseada no libro de Nacho Carretero era quizais a menos negra de todas estas producións, pero nela a paisaxe, as tradicións e o clima ("en Galicia llueve!") xogaban tamén un papel clave.
-
12
Ons
Das series pasamos ás longametraxes, pero mantémonos no xénero do thriller (contado, ademais, nunha illa) e cunha ambientación moi particular. O filme dirixido por Alfonso Zarauza é un dos grandes favoritos nos Mestre Mateo e, ademais, a partir deste venres pode verse a través de Filmin.
“Non me gustan as películas que se autoconclúen, senón as que me deixan rumiando na cabeza”
-
13
A illa das mentiras
Seguimos falando de thrillers e de illas (neste caso, a de Sálvora), e tamén cunha atmósfera que axuda a construír a propia historia. A Illa das Mentiras, primeira longametraxe dirixida por Paula Cons, acumula tamén un gran número de candidaturas nos Mestre Mateo.
"Está claro que as 'heroínas de Sálvora' eran mulleres cunha moralidade férrea"