Mariña coida de todo o mundo. Mais ninguén parece coidar dela. A illa de Ons, cos seus temporais, parece ila consumindo mais o seu home, que sofre unha depresión tras ter un grave accidente, semella ir revivindo naquel lugar isolado. Mais, en realidade, tanto Mariña -Melania Cruz- coma o marido -Antonio Durán Morris- parecen estar bastante sós. Coas súas carencias e as súas pantasmas. Co que non se din. Co que el agocha. Nunha illa, para Mariña, chea de personaxes que gardan segredos. Diso vai Ons, a nova película de Alfonso Zarauza, que chegará ás salas de cine o 18 de decembro. Falamos co director.
Ons, a nova película de Alfonso Zarauza, chegará ás salas de cine o 18 de decembro
Por que falar das necesidades afectivas?
Non foi algo consciente, pero que si podo racionalizar. Estás no proceso de guión e pregúntaste por que escribes sobre un determinado tema… Supoño que neste caso tivo que ver co meu proceso vital. Nos últimos anos pasei por tres relacións con tres mulleres diferentes, as máis importantes da miña vida. As tres están agora entre as miñas mellores amigas porque puidemos transformar a relación amorosa nunha relación de amizade. E supoño que pasar por eses tres procesos, que tiveron os seus momentos fermosos e os seus momentos duros, afectoume e levoume a escribir este guión.
O guión salienta a idea de soidade. Por que?
A medida que te vas facendo adulto e pasando polos procesos vitais dos que falabamos vas aprendendo tamén a aceptar a soidade. Deixas de ter medo á soidade, como cando es novo e temes quedar sen parella. Eu non teño parella, vivo só e síntome ben. Estou ben comigo mesmo. O illamento ten aspectos positivos e negativos e para min, neste momento, priman os positivos. Aprendín a aceptar a soidade de xeito natural. Pasei os dous confinamentos só e leveino ben.
“O illamento ten aspectos positivos e negativos e para min, neste momento, priman os positivos. Aprendín a aceptar a soidade de xeito natural”
A propia illa de Ons é unha metáfora desa soidade. Que outras localizacións estudastes e por que vos decantades por Ons?
Tiña unha primeira versión previa do guión que escribín eu só hai anos. Tiña un tratamento de guión, A estranxeira, que acontecía nun lugar afastado do norte. Pero indo alí: fomos a Rinlo e a Viveiro, vimos que algo non cadraba. Son lugares non tan illados, moi ben comunicados. Despois eu pensei na idea de illa e decidímonos por Ons. Jaione Camborda e eu fixemos xa unha versión de guión para ONs, e alí todo cadraba. Despois aínda fixemos varias versións máis, pero o lugar estaba claro que tiña que ser Ons.
E como foi rodar en Ons? Imaxino que complicado, xa só por ter que levar o equipo todo ata alí en barco e en inverno.
Foi moi complexo tecnicamente, si. Había que levar todo ata alí. O peirao está moi ben e é moi práctico no verán, pero en inverno é outra cousa: está moi exposto, e ata descargar era moi complicado. A rodaxe foi dura fisicamente. Había que ir por camiños enlamados, moverse en chimpín… Era todo lento e duro.
Pero tamén foi moi bonito porque tiñamos un equipo moi implicado, moi pola causa, que entendía que había que ir rodar a aqueles lugares tan agrestes… Rematabamos moi cansos, despois de dez horas, mollados… Pero despois iamos cear e tomar os viños… Nótase moito cando tes un equipo tan a favor de obra e cando non. Como dependiamos do clima, non sabiamos ata tres horas antes que secuencia iamos rodar. E iso é difícil para os actores. Pero foi todo moi ben.
Algún filme teu tivo problemas de distribución. Non será así neste caso…
É a primeira vez que estou contento con iso. Temos unha distribuidora moi boa de Madrid. E ademais levamos o control desde o equipo de aquí: Xavi Font, María Yáñez, Andrea Villa e Julia, de prensa de Madrid. Temos un trailer moi bo, un cartaz moi bo feito por Desescribir… Vamos facer unha xira de presentación por Galicia, cos actores e co grupo Chicharrón, que fixo a única canción da película -nos créditos sae tamén unha canción de Leilía-. Haberá varias preestreas antes da estrea grande no Teatro Colón o día 17 e a estrea en salas o 18. A película proxectarase en todas as cidades menos Ourense, o cal é moi sintomático. En Pontevedra non será nunha sala de cine, pero apoiounos o concello.
“A película proxectarase en todas as cidades menos Ourense, o cal é moi sintomático”
Como se fixo o casting?
Eu normalmente non fago moito casting porque xa coñezo os actores e actrices. E xa escribo personaxes pensando en persoas concretas. Pero despois podes ter que cambiar os actores porque dependes da súa dispoñibilidade. Fixen casting para a personaxe da fareira. Importábame moito o sotaque. Presentáronse cinco ou seis actrices e fixérono todas moi ben, pero foi Marta Lado a que máis me gustou.
A fareira é quen di que para ela a soidade é liberdade. Ten que ver co que falabamos antes.
Había unha secuencia que finalmente non foi na montaxe na que esta personaxe dicía que cando se sentira realmente illada fora estudando en Madrid, rodeada de xente no metro. Para ela a vida no faro é soidade pero tamén liberdade.
Melania Cruz e Antonio Durán Morris son dous grandes intérpretes, pero a diferenza de idade entre eles nótase moito. E incide no tópico do cinema hexemónico do home maduro con muller nova.
É algo no que pensei bastante, si. Aínda que eu acababa de estar coa miña última parella, á que lle levaba quince anos… Encaixábame que el fose maior ca ela, pero tampouco por ningún motivo particular. Tamén é verdade que a personaxe de Melania ía facela María Vázquez, que ao final non puido porque estaba con Fariña. Entón Melania, que estaba no proxecto desde o principio pero ía ser a fareira, pasou a facer a personaxe de Mariña.
Adaptei as últimas versións de guión para Melania e penso que foi un acerto total. Con María tamén habería diferenza de idade, pero menor. Entendo que poida resultar curioso e xa mo comentou máis xente. Pero non foi algo que nos parecese relevante. Decidín, ademais, non ocultalo. Porque podía pedirlle a Morris que adelgazase, por exemplo. De feito, durante a rodaxe engordou e a min non me pareceu importante.
Por que decidiches gravar con plano secuencia?
Acentuamos así o tema do fóra de campo. Na película é moi importante a idea do que se ve e o subterráneo, o que se conta e o que se oculta. E iso está a nivel de narratividade e de encadre: o que se ve o que non se ve pero está presente, a través do son, en off… Tiña claro que quería rodar así, remarcando esa idea. Foi complicado, tamén á hora de facer a montaxe. Normalmente cando rodas tes cámaras que gravan desde varios puntos de vista e despois ti na montaxe escolles: podes acelerar ou diminuír o ritmo, cortar… Se é unha secuencia, ten o seu ritmo interno que non vas poder alterar, entón tes que ter moi claro previamente que ritmo queres
“Na película é moi importante a idea do que se ve e o subterráneo, o que se conta e o que se oculta”
Nese xogo do visible e o agochado o espectador debe completar a historia para acabar de entendela. Hai aí un risco de escuridade… Ou de tapar con iso os posibles defectos narrativos.
Jaione e eu estamos de acordo en que debemos tratar o espectador con respecto. Eu detesto que me dean todo mastigado, que non me deixen espazo. Tiñamos iso claro e despois veu a idea de illa, do que se ve e o que non. Hai cousas que o espectador seguramente non verá se non ve a película máis dunha vez. Detalles que están suxeridos, que son máis e menos claros. Por iso o espectador debe completar a historia, escoller que camiño seguir. Non me gustan as películas que se autoconclúen, senón as que me deixan rumiando na cabeza. Niso estabamos de acordo Jaione e eu e subliñámolo coa posta en escena, os encadres, os planos secuencia…
O son xoga, si, un papel importante no aspecto do que non se ve pero está presente…
Eu tiña claro que non quería música. Todo o son que se escoita procede da illa: o faro, o vento, os acantilados, a praia, as aves… Despois xogamos con eses sons para crear sensacións. Por exemplo, temos o son real do faro, pero cando a personaxe de Melania comeza a sentirse asfixiada na illa escoita na súa cabeza o son do faro. David Machado, un dos mellores sonidistas de Europa, fixo un grande traballo co son.
“David Machado, un dos mellores sonidistas de Europa, fixo un grande traballo co son”
Que axudas financeiras tivestes para facer o filme?
Axuda de Agadic o do ICA, do Ministerio de Cultura, e mercaron a película a TVG e a RTP, así que é coprodución de Galicia e Portugal.
A personaxe de Melania é unha muller que coida de todo o mundo, mais non recibe moito a cambio. Todos lle ocultan cousas. Como xorde esta personaxe? Parece, en parte, unha encarnación do rol tradicional feminino, pero nunha rapaza nova.
Ela é a personaxe esencial da película. Todo xira arredor dela: os demais son satélites dela, interactúan con ela. Si que é certo que as nosas nais ou avoas asumían moitas veces ese rol de coidar dos demais sen agardar nada a cambio. As nosas avoas eran escravas dos demais e a todo o mundo, a nós, parecíanos normal. Ninguén se decataba diso. A personaxe de Melania non está pensada así. É unha muller contemporánea. Pero pode ter algo diso que dis, xa que o comentas. Tamén había nesta personaxe unha capa de maternidade: quere ter fillos, pero despois veñen o accidente e a enfermidade do seu marido. É algo que quedou latente, porque coa montaxe non quedou de xeito moi explícito.
“Melania é a personaxe esencial da película. Todo xira arredor dela: os demais son satélites dela, interactúan con ela”
A película está contada, si, desde a perspectiva de Melania. Pero en realidade a acción xira arredor do personaxe do home, de Morris. Ela é como un obxecto pasivo das decisións, accións e desexos dos demais. E o motor da historia é realmente el, o que a el lle pasa.
Non era a nosa intención, pero si que está o tema do egoísmo. Ata hai moi pouco era habitual que os homes fosen máis egoístas que as mulleres nas relacións de parella. E sempre houbo mulleres e homes egoístas, claro. Pero era habitual que a parte masculina fose máis egoísta que a feminina. O que si, para nós, Morris é como o antagonista de Melania. As accións de Morris provocan un efecto en Melania, que sofre a acción, o efecto do que el fai. É o que provoca o que ela sofre.
En relación co anterior, non se entende ben, na película, por que hai outras dúas personaxes femininas que queren estar con el. Un home deprimido, pouco comunicativo, moito maior ca elas… Sobre todo a personaxe de Cris Iglesias. Non se comprende por que quere seducilo.
Non queda todo ben explicado porque, como dicía, non era a nosa intención que todo quedase perfectamente explicado. Ademais, realmente non pasa nada. Había cousas que estaban máis explícitas pero que na montaxe caeron. Na personaxe de Cris Iglesias, por exemplo. Hai cousas que reverberan, que soan, que afectan á historia, pero que non precisan ser explicadas de xeito explícito. O personaxe de Morris foi infiel no pasado, mais non entramos a explicar nin por que nin como nin o que vai pasar despois coas outras mulleres. Non queremos que se entenda todo racionalmente. Hai cousas que están aí, pero o que nos interesa é o conxunto, non os detalles. Hai temas secundarios como a infidelidade, mais tampouco é do que queriamos falar.
“Non queremos que se entenda todo racionalmente. Hai cousas que están aí, pero o que nos interesa é o conxunto, non os detalles”
O que si está claro é a intención estética. Hai imaxes moi bonitas da illa e, en xeral, toda a estética está moi coidada. A cor por exemplo.
Si. Pasa un pouco coma co son. Parte da naturalidade, pero despois é manipulado. A casa é de verdade e o faro é de verdade. Non queriamos estetizar nada. Pero facemos un traballo coa luz, un traballo plástico, para suxerir sensacións. Toda a fotografía ten unha intencionalidade. Cando Melania comeza a sentir que a casa e a illa a devoran, a súa roupa tórnase da cor das paredes da casa, que se están apropiando dela. A elección das cores: decorados, vestiario, etc, está moi pensada, para que se perciba de modo implícito. O traballo de fotografía foi, así, complicado de facer. Tivemos que pintar varias cousas porque non tiñan a cor adecuada: o tractor, a barca…
Hai personaxes secundarios, como o de Miguel de Lira, que fai referencia ao conflito que hai en Ons coas limitacións impostas á veciñanza, que parecen inspiradas en veciños reais da illa.
Estiven cinco anos indo pola illa tres ou catro veces ao ano e fun facendo amigos. Hai personaxes que teñen certa inspiración nos veciños, pero tampouco son os veciños. Mais si que busquei autenticidade no seu sotaque, a súa forma de expresarse… E tamén por iso sae o conflito da illa. O personaxe xordomudo, por exemplo, non existe en realidade na illa. Estivemos indo a un centro especializado para ver como sería o personaxe…