María Fernández, Josefa Parada e Cipriana Oujo son as "heroínas de Sálvora", tres mulleres que rescataron a máis de 50 persoas do mar tras o naufraxio do buque Santa Isabel ao pé da illa ribeirense, o 2 de xaneiro de 1921, no que houbo 213 falecementos. A súa historia é a que reivindica A illa das mentiras, a primeira película de ficción da directora Paula Cons, que se estrea en pantalla grande no Festival de Cans este xoves, día 3, e xa está dispoñible na plataforma Filmin.
A directora estréase na ficción con A illa das mentiras, onde pon en valor a figura das tres mulleres que saíron cunha dorna unha madrugada de 1921 para rescatar á tripulación do buque Santa Isabel, que encallou nas proximidades da illa de Sálvora
A película foi seleccionada para a sección Made in Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, isto supón un empurrón para a súa visibilidade?
Si, de feito, o festival creou esta sección para facilitarlle a certas películas o acceso a maiores ventas internacionais, é moi de escaparate. Ao final, eles están poñendo o seu cuño na recomendación e é unha selección anual que xa queda aí. Nós estamos felicísimos. É unha nova súper importante para a peli. Se es un pouco cinéfila, este festival é moi especial. En principio iremos Nerea [Barros] e mais eu, pero probablemente tamén virá Victoria Teijeiro.
A illa das mentiras xa se pode ver na plataforma de cinema en liña Filmin, mais aínda non puido pasar polas salas.
Si, en Filmin xa se pode ver e está a funcionar moi ben; pero a primeira vez que se vai presentar nunha pantalla máis ou menos grande é en Cans, ademáis vai ser unha versión en galego e castelán, que é o máis parecido á idea inicial que eu tiña, e dáme moita satisfacción. E a primeira vez que se vai ver nun cine como tal será en San Sebastián. A emoción para min vai ser...
Ao final, a longametraxe está ben arroupada despois destes meses de incerteza polo coronavirus...
Pois si, porque nós tiñamos a estrea en salas para o 29 de maio. No confinamento se me viña enriba que non, que non, que non... de feito eu dixen moitas veces que si estreábamos... pero logo xa vin que era imposible. Agora a idea, e xa está confirmado por Filmax, é que o 2 de outubro chegará ás salas de cine en Galicia.
Isto xa é unha teima miña, eu quería que estivera nos cines galegos para devolverlle a Galicia todo o que me deu con esta película e porque creo que hai un certo público que en Filmin non accede a ela que lle vai gustar e que merecen vela. Espero que as salas aposten por ela.
É un filme que paga a pena ver na pantalla do cine porque a maioría das escenas suceden nuns exteriores espectaculares.
Efectivamente, eu na rodaxe xogo moito con que a illa de Sálvora resulte moi apabullante. Entón claro, esa experiencia vívese completamente no cine. E o son tamén está moi coidado para que unha cousa te entre pola dereita e outra pola esquerda. Está moi ben deseñado para que se vexa así e creo que merece a pena. Non me chega o día para que se vexa en cines.
Como xornalista, ten dito que lle atraen máis os feitos reais que a ficción, mais non coñecía esta historia de antes: por que apostou por escribir un guión con estes bimbios?
Non a coñecía para nada. Cando me falou dela unha amiga o que me veu foi unha sensación ao estómago, porque eu dicía: como é posible que non coñeza este notición? como pode ser que esté aí esta barbaridade de historia? Isto deixoume abismada.
"Quería que estivera nos cines galegos para devolverlle a Galicia todo o que me deu con esta película"
Naquel momento facer algo con esta historia parecíame unha tolemia, pero é verdade que andaba detrás dun tema sobre o que escribir. Ía tirar máis por outro, pero un compañeiro da produtora, Juan de Dios Serrano [de Agallas Films] díxome que tirara do fío porque a historia era moi interesante. Eu ao principio pensaba que contar un naufraxio era un suicidio, pero empecei a ler sobre o tema e xa me obsesionei. Foi por elas, todo o demais é unha pura excusa. O que me alucinaban eran elas.
Cando escribes sobre alguén intentas poñerte na súa pel, e a min o que me tocou foi esa experiencia de shock postraumático que viviron. Con que ferramentas, se xa agora nos custa, se enfrontarían a todo iso que sentían? E despois, aínda por riba, ter que soportar que as levaran como monas de feria a unhas homenaxes que seguro que elas nin comprendían e nin sequera apoiaban. Co que fixeron queda claro que eran unhas persoas cunha moralidade férrea. Por tanto, seguro que para elas iso era unha trapallada en vez de centrarse nas vítimas. Eran unhas persoas que se vestían totalmente polos pés.
Como foi construíndo esas personaxes?
Encontrei moita inspiración nos veciños de Angrois. Pareceume que había moito paralelismo entre como reaccionaron elas e como o fixeron eles. E aí foi cando me decidín lanzar coa historia, porque realmente a cinta fala do que pasa despois do naufraxio, o que pasa durante xa o contou unha película e eu non pinto nada aí.
As tres repiten na película, sobre a noite do naufraxio, que "era o que había que facer". Como sucedeu en Angrois, son situacións que obrigan á reacción.
Os veciños de Angrois dixeron que non querían máis homenaxes porque non comprendían como se lles estaba a facer tanto caso a eles e tan pouco ás vítimas. Aí se me encendeu totalmente a bombilla porque elas, se estiveran agora, dirían o mesmo.
"Atopeime con moitos homes que publicaron artigos de opinión machistas nos que lles restaban mérito"
No fondo, o tema é de actualidade tamén porque son mulleres que se saíron do papel que estaba destinado para elas nun mundo manexado por homes.
E así o pagaron: foron esquecidas. Alguén de repente fartouse, subíuselle a envexa dous puntos máis do debido e empezou a dicir que elas roubaran aos mortos. Eu sei que unha delas dixo: Todo o que tiven que vivir, todo o que vin, e aínda por riba teño que soportar que me chamen ladroa? A min non me volvades sacar este tema. Despois, lin moitas cousas da época e atopeime con moitos homes que publicaron artigos de opinión machistas nos que lles restaban mérito porque sinalaban que tamén se mobilizaran os mariñeiros de Ribeira. Pero creo sinceramente que non é o mesmo saír ás dúas da mañá cunha dorna de tres metros e medio e facer tres viaxes, que saír ás oito da mañá nun barco a vapor.
Ademais, paréceme que o tema tamén ten actualidade por toda a actitude cara aos profesionais da sanidade agora durante o confinamento. Eses heroes case instrumentalizados que non queren ser heroes, que o único que queren é que se fagan as cousas ben. Hai aí unha reflexión sobre o heroísmo...
E tamén sobre a empatía.
Totalmente. Hai unha cousa que me dá moita rabia da peli e é cando a xente me di que son complicadas de querer: son complicadas de querer porque son un pouco secas e non falan moito cando no minuto 12 acabas de ver que salvan a decenas de persoas?
É polos estereotipos sobre as mulleres?
Pois si, porque acaso non eran así as nosas avoas? Secas, pero que sempre estaban aí. Amorosas, pero que tampouco estaban os tempos para andar con cariños... Iso foi algo que evolucionou porque a expresión dos sentimentos non estaba ben vista.
De feito, a película está dedicada a súa avoa, está reflectida nas protagonistas?
A miña avoa pasoulle un pouco como a todas elas. Mulleres que valían moitísimo máis do que puideron desenvolver, case sempre porque había unha forza masculina tapándoas. Era unha muller brava e marabillosa que me morreu durante a rodaxe.
O filme é unha ficción "inspirada libremente en feitos e personaxes reais", como foi o labor de documentación para escribir o guión?
Afortunadamente hai dúas persoas que investigaron moito sobre o tema. A miña principal inspiración é o xornalista Xosé María Fernández Pazos, que escribiu un libro súper documentado cun enfoque que me gustaba moito. Tamén está, Tino Vieitez, que leva organizadas varias exposicións sobre estes feitos.
O bo que temos os xornalistas é que atopamos a información e dámoslle forma. Eu parto duns feitos, iso foi así, pero despois fabulei, ficcionei, collín cousas da lenda negra da Costa da Morte con todo o relacionado cos raqueiros e fixen como unha mestura. Intentei que fose como moi antropolóxica porque creo que os modos de vida din moito da xente, quería tamén mostrar que eran humildes, non tiñan moitas posesións materiais, pero non eran pobres, alí fame non se pasaba.
"A primeira vez que se vai presentar nunha pantalla máis ou menos grande é no Festival de Cans"
Na película a prensa xoga un papel chave para esa "condena" das tres mulleres, como o artellou?
O xornalista ten un punto de falta de escrúpulos, está disposto a vendelas con tal de sacar un beneficio. Pero tamén é verdade que fai unha viaxe cara a luz e dáse conta de que se segue por aí, vainas levar por diante. Como xornalista apetecíame explorar ese rollo morboso.
Canto custou levar esta idea á pantalla? Axudou que sexa unha produción a tres bandas entre España, Arxentina e Portugal?
Economicamente axuda moito e a verdade é que, a pesar de que en cómputos xerais foron cinco anos, alá onde fomos a peli gustou. Case non houbo ningún paso atrás no proxecto. Pero si que é certo que nas coproducións hai que contentar a moitos e, ás veces, ti perdes. Vas adaptándote ao proxecto que vai saíndo.