O Festival de Cans mantén o agroglamour na súa edición máis limitada

Presentación do Festival de Cans 2020 co seu director, Alfonso Pato, no centro CC-BY-NC Festival de Cans

O certame que celebra o audiovisual no Porriño bota a andar nunha edición limitada con 25 curtas a competición e 8 estreas absolutas polo que pasarán Oliver Laxe, Paula Cons, Alfonso Zarauza e Manane Rodríguez, entre outros

Do 2 ao 5 de setembro celébrase a XVII edición do Festival de Cans nesta vila do Porriño, resultado dun gran esforzo da organización, que axustou a programación para garantir a seguridade. Un total de 25 curtametraxes e 15 videoclips competirán nas diferentes seccións oficiais e haberá oito estreas absolutas. E por primeira vez os encontros e coloquios serán retransmitidos en directo en streaming.

O equipo responsable da organización do festival, promovido pola Asociación Cultural Arela, traballou nun certame onde prima o acceso restrinxido e a edición limitada, cun "escudo protector" cara aos maiores, paseos honoríficos nos chimpíns só para catro persoas, redución de jalpóns e a metade da capacidade. Este ano será necesaria unha entrada, ou rexistrarse previamente, para todas as actividades, e só poderán usar o bus a Cans as persoas que dispoñan dun pase.


Ata 15 destes filmes son estreas entre as que destacan a curta de animación Reality, do director David Fidalgo, finalista na última edición dos Premios Goya ou Hijos del Cuerdo de Borja Santomé, gañador da sección de animación de Cans en 2018. Gran parte das curtas serán estreas en Galicia, a maioría aínda moi pouco vistas en festivais, e algunhas delas estreas en España, como Blacks and Whites, da coruñesa afincada en Londres Anita Pico, elixida nun proxecto de novos cineastas impulsado pola BBC.

Desde a organización aseguran que a limitación de aforo estase a notar na demanda de entradas. As que dan acceso á estrea en pantallas de cinema da longametraxe galega A illa das mentiras, de Paula Cons, xa están esgotadas. Tamén se vai exhibir o filme Arima, de Jaione Camborda, que a súa vez participa como xurado, e Emma, de Area Erin. Case non quedan entradas para as proxeccións da sección oficial e bulen as do coloquio con Oliver Laxe. Esta edición o público terá que manterse sentado. O vindeiro luns, día 31, pecharanse tanto a taquilla coma a posibilidade de rexistrarse nas actividades de balde.

O conselleiro de Cultura, a presidenta da Deputación de Pontevedra e a alcaldesa do Porriño participaron na presentación CC-BY-NC Festival de Cans

Entre as grandes novidades está a creación de dúas novas seccións, unha delas competitiva e adicada ás realizadoras e realizadores mais novos, Novas Camadas, e tamén Directrices, na que se proxectarán obras de actrices e actores que deron o salto á dirección, como Antonio Mourelos, Marta Larralde ou Fernando Tato.

Manane Rodríguez converterase nesta edición na primeira directora que recibirá o galardón de honra do Festival de Cans, o Premio Pedigree, nun certame que tampouco esquecerá os 25 anos do falecemento de Chano Piñeiro e no que se poderá ver o filme pendente de estrea Ons, de Alfonso Zarauza. As actuacións musicais estarán a cargo de Hendrik Rover y los Míticos GTs, Amaro Ferreiro e Babykatze.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.