Xa non queda nada para unha nova edición do Festival de Cans, que será a 16ª. Comezará o vindeiro mércores 22, no coñecido como Día dos Veciños. O xoves 23 chegará a esperada estrea de Eroski Paraíso e o venres 24 será o momento de entregar os premios ás curtametraxes e videoclips escollidos polo xurado e tamén os recoñecementos ás traxectorias, que nesta ocasión homenaxean a Carlos Blanco, Nieves Rodríguez ou Pilar Comesaña. O sábado 25 é tradicionalmente a xornada na que máis xente se reúne en Cans, cunha ampla programación para todas as idades.
Serán catro días de proxeccións, pero tamén de concertos. De debates e presentacións, de roteiros e tamén de actividades infantís. Noites de torreiro e mañás de chimpín. Todas ao jalpón!
1. Hannes Stöhr. O cineasta alemán Hannes Stöhr será o protagonista da primeira retrospectiva internacional da historia do Festival de Cans. Proxectaranse os seus filmes Galatasaray-Dépor (2005), Berling Calling (2008) e Global Player (2013). Stöhr, que viviu nos anos 90 en Compostela, onde fixo amizade con Miguel de Lira, Luis Tosar ou Blanca Cendán, estará en Cans dende o 22 de maio para manter encontros co público, participar no coloquio Café con CREA e falar do guion da súa vindeira longametraxe, na que retomará a conexión Galicia-Alemaña.
2. Xan Cejudo. O actor, finado o pasado ano e que participara en varias edicións do festival, será homenaxeado por Mela Casal e Xabier Picallo nun coloquio Fundación AISGE titulado “Pioneiros e pioneiras da interpretación, lembrando a Xan Cejudo” e que terá lugar o mércores 22 de maio.
3. Rutas cinéfilo-literarias. Os días 22 e 23 de maio os escritores Carlos Meixide e Xosé Antonio Perozo guiarán os e as asistentes por senllas rutas cinéfilo-literarios baseadas nas súas obras: a novela xuvenil Cans e A grande epopea do pianista de Cans, respectivamente, novela esta última que se presentará no festival.
4. Cans do Futuro. Centros educativos de toda Galicia organizan visitas extraescolares durante as mañás do mércores, xoves e venres, nunha actividade feita en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. Alí coñecerán ademais a profesionais do mundo do audiovisual, nomeadamente a representantes dalgúns oficios decote "invisibles", como Alicia Saturna (vestuario); Lucía Catoira Pan (directora de fotografía) e Diana Toucedo (montadora).
5. Os chimpíns. Son un dos grandes símbolos do festival e serven para dar unha entrada triunfal aos e ás participantes no festival. O primeiro desfile de chimpíns terá lugar o xoves 23 ás 19.30 horas, acompañados pola banda de gaitas Os Zoqueiros e repetirase o sábado ao mediodía coa charanga Nova Jomada. A procesión de chimpíns está programada para o venres 24 ás 22 horas coa Treboada Miñota
6. Eroski Paraíso. O xoves 23 ás 20 horas estrearase o filme, dirixido por Jorge Coira e Xesús Ron a partir da obra homónima de Chévere e na que actúan Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Cristina Iglesias, Luis Martínez e Fidel Vázquez.
7. Mareas Vivas. O venres 24 un coloquio afondará na xénese e legado desta serie, de cuxa estrea se celebra o 20 aniversario. Participarán actores e actrices como Víctor Mosqueira, Camila Bossa, Miguel de Lira e Isabel Blanco, que destacarán o que Mareas Vivas supuxo para unha xeración de intérpretes e para o audiovisual galego en xeral.
8. A que andas? e Fillos/as de Cans. Estas dúas seccións, ao longo do venres, fan un repaso polos traballos en preparación de realizadores/as que pasaron polo festival en pasadas edicións. Nesta ocasión, coñeceremos algo máis dos futuros traballos de Álvaro Gago, Andrés Goteira, Chelo Loureiro, Victor Duplá, Diana Toucedo e Juanjo Giménez e veremos avances dos de Jorge Coira, Paula Cons, Fon Cortizo, Liliana Torres e Roi Fernández
9. Sección oficial. Entre a enorme oferta que presenta a programación de Cans, ás veces case esquecemos que este é un certame competitivo, ao que cada ano se presenta un gran número de curtametraxes. 10 curtametraxes galegas de ficción foron seleccionadas como finalistas, o mesmo que 5 pezas de animación. Ademais a sección FuraCans recolle 9 traballos de non ficción realizados por outros tantos directores e directoras galegas moi novas, nacidas xa na década dos noventa na súa maior parte
10. Concurso de videoclips. Foron selecionados 19 videoclips de bandas e artistas galegas, de Pantis a Músculo!, pasando por Baiuca, MounQup, Igloo ou Silvia Penide. Os premiados e premiadas coñeceranse o venres pola noite.
11. Concertos. Marlango, a banda de Leonor Watling actuará o venres 24 ás 20.30 horas. Será un dos moitos concertos programados nesta edición do festival: Aries, Dakidarría, MJ Pérez, Gran Wyoming & Los Insolventes, The Legendary Tigerman, Chisme, Budiño...
12. Carlos Blanco e demais premios. Este ano o Festival de Cans outorgará o seu máximo galardón, o Premio Pedrigree, ao actor Carlos Blanco como recoñecemento a unha traxectoria de case tres décadas. Será o venres 24 ás 22.30. Na Noite das homenaxes tamén se entregarán os Chimpíns de Prata, que nesta ocasión recoñecen á actriz Nieves Rodríguez e tamén a Paz Acuña e Rafa González, veciña e veciño de Cans. Ademais, este ano Cans concede por primeira vez o Chimpín de Prata “Divina Campos”, que destacará a persoas do mundo de la comunicación que contribuíran a dar a coñecer o festival. Nesta ocasión o premio será para a xornalista da TVG Pilar Comesaña.
13. MiniCans. MiniCans é un espazo familiar con actividades musicais e relacionadas co cine orientadas aos máis pequenos e pequenas. Ao longo de todo o sábado 25 haberá unha completa programación con proxeccións, obradoiros, concertos...
14. Ultravioleta. Esta sección, o sábado pola mañá, componse dunha antoloxía de curtas realizados por artistas e creadoras, que tratan diferentes temáticas dende unha perspectiva feminista.
15. Roteiro con Xurxo Souto. O sábado pola mañá Xurxo Souto guiará CanSonoro, unha ruta da música e do patrimonio na que participan os acordeonistas Acordecans e que pasará por distintos lugares da parroquia a través das historias das veciñas e veciños e da tradición musical de cada casa de Cans.
16. Rodrigo Sorogoyen. O sábado 25 ás 12 horas estará no Coloquio na Leira o director de El Reino, a gran triunfadora dos Premios Goya deste ano, nos que obtivo sete galardóns, entre eles o de mellor película, Dirección, guión e actor de reparto para Luís Zahera. Sorogoyen colocará a súa estrela no Torreiro de Cans e proxectará a súa curta Madre no Jalpón dos Oscar.