A XVI edición do Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio, abrirase coa proxección do filme Eroski Paraíso, a adaptación cinematográfica que Jorge Coira e Xesús Ron fixeron da obra de teatro de Chévere. A película xira arredor da desaparecida sala de festas O’Paraíso de Muros, lugar onde se coñeceran os pais da protagonista Álex, hoxe convertida nun supermercado. Miguel de Lira e Cristina Iglesias, dous dos protagonistas do filme, estiveron na presentación da imaxe gráfica do XVI Festival de Cans, que tivo ligar este xoves.
Eroski Paraíso é a adaptación cinematográfica que Jorge Coira e Xesús Ron fixeron da obra de teatro de Chévere
"Non é nada fácil estrear un filme e que a primicia de Eroski Paraíso sexa en Cans con xente como Xesús Ron, Jorge Coira, Chévere... tan vinculada ao festival, ten para nós moita emotividade", destacou Alfonso Pato, director do Festival de Cans na presentación.
No acto tamén se presentou a imaxe e a camiseta deste ano, que correu de novo a cargo de Nikis Galicia. O deseño xoga coa silueta do can e o debuxo dunha fouce que sostén a bola do mundo. Como comentou David Blanco, responsable da marca, o deseño "sintetiza á perfección a idiosincrasia de Cans" e, ao mesmo tempo, destaca a vontade de internacionalización do festival. Un dobre obxectivo que queda subliñado co lema "exportando agroglamour dende 2004".
Ademais, tamén se presentou “Falando de cans”, a canción orixinal desta XVI edición, que foi creada polo realizador e músico Fernando Epelde.
A partir do martes 9 de abril estarán dispoñibles na tenda virtual do festival (tenda.festivaldecans.com) os primeiros 450 packs de entradas para as seccións de Ficción e Animación a concurso e camiseta, que inclúen tamén unha chapa exclusiva como agasallo e o programa de man.