Patrimoniogalego.net vén de presentar a súa nova app para dispositivos móbiles "pensada para consultar e interpretar o territorio directamente desde o móbil"
Patrimoniogalego.net defínese como un catálogo social dos elementos patrimoniais existentes en Gailcia. A iniciativa botou a andar no ano 2011 co obxectivo de apoiarse nas tecnoloxías para defender e protexer o patrimonio do país e inventariar e difundir a localización e o estado de conservación dos diferentes bens. A entidade vén advertindo de que "un dos grandes problemas para o Patrimonio Cultural galego é que os cidadáns non sabemos o que temos" pois "a Administración autonómica non fai pública en Internet a información da que dispón sobre os Bens Culturais".
Así, nos últimos 14 anos veu construíndo de forma colaborativa unha gran base de datos que en 2018 superou os dez mil elementos catalogados e que na actualidade se achega aos quince mil. Agora, ademais, vén de presentar a súa nova app para dispositivos móbiles "pensada para consultar e interpretar o territorio directamente desde o móbil".
O trebello dá acceso a máis de 620.000 bens culturais —materiais e inmateriais—, tanto as 14 mil fichas do seu propio catálogo, coma os preto de medio millón de microtopónimos do proxecto Galicia Nomeada e os 75 mil bens do Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia
O trebello, desenvolvido por Manuel Gago, creador e responsable de Patrimoniogalego.net, dá acceso a máis de 620.000 bens culturais —materiais e inmateriais— procedentes de diversas fontes oficiais, tanto as 14 mil fichas da propia base de datos deste catálogo, coma os preto de medio millón de microtopónimos do proxecto Galicia Nomeada da Real Academia Galega e os 75 mil bens do Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia da Xunta.
O seu servizo de xeolocalización permite acceder a todos estes bens, referenciados sobre un mapa e, igualmente, consultar os elementos patrimoniais que se atopan próximos ao lugar no que está a persoa usuaria da aplicación.
"Un dos grandes problemas para o Patrimonio Cultural galego é que os cidadáns non sabemos o que temos", destaca Patriomoniogalego.net
Os bens pódense filtrar por categorías e a app incorpora un modo de realidade aumentada para interpretar a paisaxe en dúas posibilidades: ‘preto’, para bens inmediatos ao usuario, e ‘lonxe’, para observar a paisaxe a longa distancia e detectar elementos relevantes. Igualmente, utiliza tecnoloxías de Intelixencia Artificial (Gemini) para interpretar o territorio e "enriquecer a experiencia de visita".