O visor de Galicia Nomeada permite nestes momentos consultar e descargar máis de 529.000 nomes de lugar
Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recuperación da toponimia tradicional galega, supera xa o medio millón de topónimos xeorreferenciados. Preto de 88.000 entradas son nomes de leiras, regos, devesas, camiños, praias, fontes e outros microtopónimos rexistrados por veciños e veciñas de todo o país desde a posta en marcha deste proxecto a finais do ano 2019.
Os concellos con máis contribucións son os de Vigo (6.681), Outeiro de Rei (3.959), Navia de Suarna (2.974), Redondela (2.968), Bueu (2.462), Rianxo (2.261), Cangas (2.252), A Baña (2.254), Mondariz (1.959) e Vilaboa (1.933), grazas a colaboradores especialmente activos como Iván Sestay –con 17.360 nomes–, Orlando Viveiro Veiga –con 3.984 microtopónimos– ou Olivar Noenlle Vázquez –con 3.615 topónimos–.
O visor de Galicia Nomeada permite nestes momentos consultar e descargar máis de 529.000 nomes de lugar. Uns 38.000 son os de entidades de poboación (concellos, parroquias e lugares) que figuran no actual Nomenclátor de Galicia e outros 403.000 son microtopónimos recollidos no marco do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), que funcionou entre os anos 2000 e 2011.
Preto de 88.000 entradas son nomes de leiras, regos, devesas, camiños, praias, fontes e outros microtopónimos rexistrados por veciños e veciñas de todo o país
Pero a colaboración cidadá incrementa cada día o número de topónimos identificados e permitiu incorporar ao mapa de Galicia Nomeada, con achegas destacables, concellos como os de Santa Comba, Negreira, A Baña, Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo, Allariz, Ponteareas ou Silleda, que no seu día quedaran fóra dos traballos de campo do PTG.
Xunto a estes dez municipios, outros 120 suman polo menos un cento de microtopónimos xeorreferenciados pola rede de colaboración cidadá. En preto dun cento de concellos, cando menos, a metade dos topónimos subidos a Galicia Nomeada foron achegados polos seus usuarios, unha porcentaxe que sobe por riba do 90% na Illa de Arousa, Mondariz Balneario, A Rúa, Soutomaior, A Illa de Arousa, Corcubión, Petín, Vilaboa, Esgos, Outeiro de Rei ou Mondariz.
O éxito de Galicia Nomeada radica na colaboración desinterasada de persoas de toda Galicia. Moitas veces as contribucións son froito da conversa interxeracional entre avós que atesouran na súa memoria os nomes tradicionais de chousas familiares ou camiños que percorreron desde a infancia e netos e netas dispostos a xeorreferencialos empregando a aplicación dende o teléfono móbil. Outras contribucións débense á paixón pola toponimia de estudosos e tamén sobresaen experiencias impulsadas por centros educativos.
128 concellos, máis dun terzo do total, contan polo menos con dez persoas ou institucións que amosaron o seu interese en colaborar ou recoller a toponimia local
No seu primeiro lustro de vida, a plataforma achégase así ás preto de 4.000 contas de usuarios e usuarias entre particulares, institucións, asociacións ou centros de ensino que cobren practicamente a totalidade do territorio galego. Máis da metade subiron a Galicia Nomeada polo menos unha ducia de topónimos ou presentaron algunha información valiosa sobre os nomes xa rexistrados, porque a aplicación tamén permite incorporar datos sobre cambios de denominacións ao longo da historia, audios coa súa pronuncia, lendas arredor dos topónimos, fotografías etc.
128 concellos, máis dun terzo do total, contan polo menos con dez persoas ou institucións que amosaron o seu interese en colaborar ou recoller a toponimia local. Entre os que máis usuarios anotados suman, salientan Boiro, Zas, Ribeira, Ortigueira ou Carnota, municipios que acolleron algunha das charlas do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, percorre as catro provincias na procura de persoas que colaboren na recolla dos nomes do territorio. O paso desta campaña propiciou en ocasións colaboracións especialmente vizosas, como sucede en Ponteareas, cuns 1.900 microtopónimos rexistrados dende entón.