A iniciativa 'Toponimízate' redobra o esforzo nos concellos onde os nomes de lugar corren maior risco de se perder

Presentación da edición 2022 de 'Toponimízate' © RAG

No ano 2019 botou a andar Galicia Nomeada, unha plataforma impulsada pola Real Academia e a Xunta co obxectivo de recoller a microtoponimia tradicional e que animaba á cidadanía a colaborar na iniciativa, a través dunha construción colaborativa a partir do coñecemento sobre o terreo para enriquecer os catálogos existentes. 

No seu inicio Galicia Nomeada recollía xa máis de 478.000 microtopónimos, coas denominacións tradicionais de camiños, fontes, coídos, leiras ou penedos e os seus responsables calculaban que a cifra total podía multiplicarse por catro. Hoxe Galicia Nomeada conta xa con máis de 2600 persoas colaboradoras, e facilitou a recuperación e a difusión de máis de 43.000 microtopónimos.

Galicia Nomeada permite a incorporación de microtoponimia por parte de internautas © Xunta

A Real Academia non se limitou a facer un convite aberto a quen quixese participar, senón que de forma proactiva nos últimos anos puxo en marcha distintas iniciativas para estimular esta participación, sobre todo a través dos centros de ensino, convertendo esta recuperacion patrimonial nunha estimulante actividade educativa. 

A RAG puxo en marcha distintas iniciativas para estimular a participación, sobre todo a través dos centros de ensino

Estas accións inclúen tamén sesións formativas que divulgan a riqueza toponímica galega e que tamén buscan involucrar a colaboradores e colaboradoras neste proxecto colectivo de salvagarda dos nomes de lugar. Real Academia Galega e Xunta anunciaron este mércores que a iniciativa de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra duplicará este ano a súa oferta de actividades e chegará a 17 concellos: Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio.

As sesións de Toponimízate, como en edicións anteriores, serán impartidas por Vicente Feijoo

As sesións deToponimízate, como en edicións anteriores, serán impartidas por Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, contando coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza na elaboración das etimoloxías. "Somos un pobo que nos gusta poñerlle nome a todo, seguramente porque temos unha lingua tan rica", destacaba Vicente Feijóo nesta entrevista, na que afirmaba que "a microtoponimia é o espello no que podemos ver a pequena historia de cada aldea. Cada nome está posto por algo".

Calendario da campaña 'Toponimízate 2022’ © RAG

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegará a 17 concellos: Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio

Nesta nova xeira de charlas procurouse escoller concellos onde a microtoponimia –nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos...– corre maior risco de se perder, quer por viviren un forte despoboamento nas últimas décadas (por exemplo Laza, A Fonsagrada, O Incio ou Chandrexa de Queixa), quer por sufriren amplos procesos de transformación do territorio ao seren concellos próximos a grandes vilas e cidades (Oleiros, Ponteareas, Allariz...). Tívose en conta ademais o feito de que moitos dos concellos elixidos non foron obxecto de traballos de recolla na época que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), o que fai aínda máis necesaria esta iniciativa.

Nesta nova xeira de charlas, procurouse escoller concellos onde a microtoponimia –nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos...– corre maior risco de se perder

As charlas de Toponimízate constan de varios bloques temáticos. O primeiro incide na riqueza toponímica de Galicia e o risco que corre de perderse; a continuación explícase minuciosamente o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os topónimos que coñeza; a terceira parte céntrase nas utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información cultural, unha vez está xeorreferenciada e normativizada; e, por último, dáse conta do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación deste mércores © RAG

"Para a RAG é moi importante implicar a xente na afirmación e reivindicación do noso patrimonio”, destacou Freixanes

Na presentación deste mércores Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, salientou o valor cultural e simbólico da toponimia e da importancia de iniciativas coma esta que contribúen á súa divulgación e conservación. Ademais, destacou que "para a RAG é moi importante implicar a xente na afirmación e reivindicación do noso patrimonio” Mentres, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo fincapé tamén “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”.

43.000 microtopónimos recuperados

Dende o ano 2019 a participación da cidadanía permitiu a recuperación de 43.000 microtopónimos de 292 concellos galegos. Estas achegas resultan de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizou o traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia, como Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda.

Dende o ano 2019 a participación da cidadanía permitiu a recuperación de 43.000 microtopónimos de 292 concellos galegos. Máis de trinta centros educativos forman parte do proxecto

Máis de trinta centros educativos forman parte do proxecto e levaron a toponimia ás aulas ou aos proxectos docentes a través de iniciativas do profesorado ou dos equipos de dinamización lingüística. Recentemente sumáronse o IES Illa de Arousa, o IES Marqués de Sargadelos, o IES Terra de Soneira ou o CPI O Mosteiro de Meis. Durante a campaña Toponimízate deste ano tamén se incorporarán outros centros de ensino como o IES Maximino Romero de Lema de Baio, o CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei ou o CEIP Castrelo de Miño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.