O país dos dous millóns de nomes

Algúns dos 5.775 topónimos e microtopónimos recollidos en Palas de Rei © Xunta

Galicia ten mil ríos, máis de 30.000 núcleos de poboación (o 40% dos existentes en todo o Estado) e un universo aínda máis numeroso e complexo de lugares, camiños, penedos, fontes, regos, farallóns e leiras. Un mapa invisible construído a través das xeracións no que cada elemento tiña o seu nome, unha forma de relación co territorio e un coñecemento que corre o risco de perderse en paralelo co despoboamento e abandono do medio rural. Adoita dicirse que cada vez que morre un vello ou unha vella pérdese unha biblioteca enteira e moitos deses libros están ocupados polos nomes dos lugares.

A ferramenta pretende facilitar a cooperación cidadá interxeracional para a recolleita da microtoponimia, permitindo aos usuarios e usuarias xeorreferenciar os nomes do territorio da súa contorna

O Nomenclátor de Galicia recolle os topónimos principais, pero por debaixo hai aínda centos de milleiros de microtopónimos tradicionais que a ferramenta dixital Galicia Nomeada busca identificar, conservar e localizar. A plataforma está impulsada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia e ademais de basearse en bases de datos existentes, anima á cidadanía a colaborar para recoller alí os nomes empregados tradicionalmente nas súas zonas.

A ferramenta pretende facilitar a cooperación cidadá interxeracional para a recolleita da microtoponimia, permitindo aos usuarios e usuarias xeorreferenciar os nomes do territorio da súa contorna e acompañalos de fotografías, textos e gravacións coa súa pronuncia, lendas asociadas ou descricións. Os topónimos introducidos polos usuarios serán supervisados por un equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Academia, responsable dos contidos da plataforma. 

Calcúlase que en total poderían superar os dous millóns

Ata o momento recompiláronse máis de 478.000, pero calcúlase que en total poderían superar os dous millóns, case un por cada habitante de Galicia. Pódese navegar polo mapa, concello a concello, facendo zoom, ou buscando un microtopónimo concreto ou unha categoría determinada (baixío, furna, coído, pedra, braña, poza, prado, hórreo...).

Microtopónimos relacionados coa auga nun lugar de Sarria ©

Dos 478.000 nomes recollidos xa é posible visualizar 287.695  sobre a ortofoto de Galicia 

Galicia Nomeada abriuse o pasado venres a todo o público, despois dunha fase de probas desenvolvida nos últimos meses. As persoas que colaboraron nela introduciron un total de 6.661 microtopónimos que xa foron revisados e validados pola Academia. Dos 478.000 nomes recollidos (430.000 deles rexistrados polo proxecto Toponimia de Galicia 2000-2011), xa é posible visualizar sobre a ortofoto de Galicia 287.695 deles e descargar a información dispoñible (coordenadas, tipoloxía xeográfica ou fonética).

As cifras dan conta da "excepcionalidade dun patrimonio inmaterial que constitúe unha parte fundamental da nosa memoria histórica", salienta o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, que engade que "ser conscientes do seu valor é unha maneira de ser conscientes da nosa significación histórica". Para a RAG, a nova ferramenta "permite avanzar na recuperación do patrimonio da nosa lingua referido aos nomes do noso territorio, extraordinariamente poboado durante séculos en comparación con outros territorios de Europa, e por outra banda pretenden implicar a poboación na defensa, no coñecemento, na fixación e na divulgación deste tesouro".

"Ser conscientes do seu valor é unha maneira de ser conscientes da nosa significación histórica", sinalou Víctor Freixanes

Quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto onde, alén dos datos persoais, deberá indicar os motivos que o levan a participar no proxecto e os lugares, aldeas ou concellos nos que vai traballar. Máis de 2.150 dos microtopónimos engadidos na fase de probas foron achegados por Alberte Reboreda e pertencen ás parroquias de Rebordelo e Covelo de Cercedo-Cotobade; Xoán Carlos García Porral xeolocalizou 771 en Lalín e Silleda; Ana Clotilde Bravo recompilou 635 das parroquias de Isorna e Leiro en Rianxo; Rocío Romar contribuíu con medio milleiro de Baio (Zas); Sandra Beis Silva rexistrou 374 de Novefonte e Fao (Touro); María Cernadas, 296 de Rianxo e Taragoña e Susana Silva, 225 de Araño e Asados (Rianxo).

A plataforma chega acompañada da actualización do portal Toponimia de Galicia, que agora inclúe novos contidos divulgativos elaborados polos especialistas da RAG co propósito de ser o espazo de referencia para todos os amadores e amadoras da toponimia. Entre elas destacan o "O Seminario de Onomástica responde", que tentará dar resposta ás preguntas sobre os criterios aplicados na oficialización dos topónimos maiores ou sobre a súa orixe e significado; "Detrás do nome", que acubillará artigos e vídeos sobre o significado de todo tipo de topónimos con rigor científico e sinxeleza, e deterase nos máis curiosos que se vaian incorporando a Galicia Nomeada; e "Sabias que...?", que ofrecerá pílulas informativas dedicadas á relación da toponimia coa fraseoloxía e cos cantigueiros, ás etimoloxías populares e a outras historias de interese que agochan os nosos topónimos.

Presentación de Galicia Nomeada © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.