O Museo de Pontevedra acolle este sábado a IV Xornada de Onomástica Galega, organizada pola Real Academia Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o propio museo. Nesta ocasión o encontro, no que participan 14 especialistas, céntrase nos nomes de rúas e prazas, un patrimonio de toponimia tradicional que a xornada chama a protexer e recuperar.
“Hai que evitar facer dos nomes das rúas un panteón de veciños ilustres, non é preciso agredir este patrimonio para homenaxealos”, di Gonzalo Navaza
“Nesta xornada queremos reflexionar sobre os nomes das rúas galegas: como se conformaron na Idade Media, poñendo o foco en Santiago e Baiona, e como son os procedementos actuais para nomear novas vías urbanas en Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín”, explica Ana Boullón, académica correspondente da RAG e unha das dúas coordinadoras do encontro.
Alén da análise académica, a xornada acollerá a presentación, por parte do académico correspondente Gonzalo Navaza, dunha proposta para as novas denominacións de rúas, avenidas ou prazas que preserve a toponimia tradicional fronte á conmemorativa. “Hai que evitar facer dos nomes das rúas un panteón de veciños ilustres, non é preciso agredir este patrimonio para homenaxealos”, salienta o filólogo. "Ignóranse moitos nomes que foron creados colectivamente e que tiñan un papel utilitario para a sociedade, porque describían o territorio, e óptase polos nomes conmemorativos, moito máis simbólicos, e que sitúan a comunidade nun contexto social, político ou cultural”, advirte Ana Boullón.
O caso de Compostela
A conformación na Idade Media dos nomes das rúas de Baiona e Santiago de Compostela centraron a primeira sesión da xornada, a través de senllos traballos de Gonzalo Navaza e de Gonzalo Hermo, filólogo e doutor cunha tese sobre toponimia medieval, ademais de poeta.
Gonzalo Hermo destacou o "alto grao de conservación da hodonimia tradicional na cidade de Santiago se a comparamos coa doutras cidades e vilas medievais galegas”
A achega de Gonzalo Hermo sobre Compostela baséase no Tombo de tenzas primeiro, un rexistro de propiedades do cabido de Santiago, con información de 1352 a 1412, cuxo principal valor lingüístico ten que ver precisamente coas denominacións de lugar. A consulta deste documento permite constatar que algunhas das rúas máis emblemáticas de Santiago seguen a ter o mesmo nome ca na segunda metade do século XIV. De feito, dun total de 31 hodónimos analizados, 20 son nomes de rúas que se conservan na actualidade, o que testemuña “un alto grao de conservación da hodonimia tradicional na cidade de Santiago se a comparamos coa doutras cidades e vilas medievais galegas”, conclúe.
Porén, outras rúas cambiaron de nome a finais da Idade Media como consecuencia do espertar e da decadencia de distintos gremios. Así, a praza da Inmaculada recibía o nome de As Cambias, mentres que a veciña rúa de Acibechería chamábase naquela altura a rúa da Moeda. Máis tardía foi a transformación da praza do Campo, que acollía o mercado da cidade, na actual praza de Cervantes. “O cambio produciuse a finais do século XIX polo levantamento na fonte da praza dunha estatua que representa o xenio do Século de Ouro español, nun momento en que o mercado fora trasladado ao seu emprazamento actual”, explica
Antonio Míguez presentou un relatorio sobre a apropiación simbólica do espazo público durante o franquismo a través de distintas estratexias, entre elas os cambios de nomes de rúas e prazas.
O historiador Antonio Míguez Macho tamén analizará o caso de Santiago, a través dun relatorio sobre a apropiación simbólica do espazo público durante o franquismo a través de distintas estratexias, entre elas os cambios de nomes de rúas e prazas. “O cambio da toponimia urbana está intimamente relacionado cun fenómeno máis amplo de destrución dun grupo social que se considera inimigo. Neste contexto, o proceso de resignificación do espazo público adquire unha dimensión dirixida tanto a construír unha ‘nova España’ como a destruír a ‘vella’ coa práctica do memoricidio”, conclúe o historiador.
Así, a residencia de estudantes Rodríguez Cadarso converteuse no “Colegio Mayor Generalísimo Franco” e a praza construída diante das Casas de Ramírez foi bautizada en pleno franquismo como “Plaza de José Antonio”. Xa na década de 1980, aproveitando unha reforma do espazo, adquiría oficialmente a denominación popular que recibiu durante os últimos anos da ditadura, “Praza Roxa”, por ser lugar de referencia das protestas estudantís.
O caso do Ofimático na Coruña
O 'Parque Ofimático' da Coruña supuxo o esquecemento dos lugares de 'Xuxán', 'Galán', 'A Pereiroa' e parte das 'Cernadas'
Iván Méndez, técnico de toponimia da RAG, participará na xornada cun relatorio sobre o caso da Coruña, onde o proceso de substitución da microtoponimia tradicional vive o seu apoxeo dende a segunda metade do século pasado. Un caso paradigmático é o do chamado Parque Ofimático, que recorda o proxecto de construción dun polígono de empresas tecnolóxicas anunciado en 1990.
Malia desbotarse anos despois e acabar acollendo vivendas particulares, este “neotopónimo” supuxo o esquecemento dos lugares de Xuxán, Galán e mesmo A Pereiroa e parte das Cernadas, mais tamén de topónimos como Agrelo, A Casanova, A Viña Pequena, A Casavella, As Peladas, O Cubelo…, enumera o filólogo. “Ningún deles, ademais, foi elixido para nomear ningunha das rúas que se inauguraron nos últimos anos”, lamenta.
A visibilización das mulleres en Pontevedra
"A toponimia perde parte do seu sentido se a desvinculamos do lugar de orixe. Recuperarmos e conservarmos a microtoponimia tradicional é un exercicio de memoria, cultura e xustiza”, reflexiona Conchi Cochón
En Pontevedra o nomenclátor urbano está composto por 456 hodónimos rexistrados, dos cales 134 fixan ou recuperan os topónimos tradicionais e 238 son conmemorativos onomásticos, expón Concepción Cochón, do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Pontevedra. Entre os anos 2005 e 2008, en Pontevedra funcionou un grupo de traballo municipal interdepartamental para recuperar toponimia tradicional de fontes escritas, acordar criterios para corrixir a toponimia municipal, galeguizar a que fose necesaria e cambiar as placas das vías. Xa en 2015, o Pleno acordou avanzar na visibilización das mulleres no nomenclátor de vías urbanas, mais primando o criterio do uso da toponimia tradicional, que se vén aplicando desde o ano 2002.
Nestes momentos só 26 mulleres lles dan nome ás rúas, fronte a 212 homes. A diferenza, recoñece Conchi Cochón, é abismal, pero cómpre ter en conta tamén que “o noso espazo público ten nomes propios de seu en perigo de extinción da nosa memoria colectiva”. “Existen moitas maneiras de visibilizar as mulleres e moitos espazos para homenaxealas; ao contrario, a toponimia perde parte do seu sentido se a desvinculamos do lugar de orixe. Recuperarmos e conservarmos a microtoponimia tradicional é un exercicio de memoria, cultura e xustiza”, reflexiona.