A Asociación de Actores e Actrices festexa os seus 40 anos facendo memoria dos logros acadados

Acto de conmemoración do 40 aniversario da AAAG, este martes 8 de xullo en Compostela © AAAG

A AAAG celebrou o seu 40 aniversario cun encontro aberto protagonizado polas fundadoras Rosa Álvarez, Luma Gómez e Gonzalo Uriarte e unha mesa redonda moderada por Anabell Gago

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) constituíuse en 1985 co nome oficial de Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, que posteriormente mudaría. Rosa Álvarez, socia número 1 da AAAG; Gonzalo Uriarte, primeiro presidente, Luma Gómez, Mabel Rivera, Marisa Soto, Xabier Lourido e Ernesto Chao presentaron ante notario a acta de constitución na nova entidade, a primeira que agrupou profesionalmente os traballadores e traballadoras do sector.

Este martes pola tarde a AAAG celebrou en Compostela o seu 40 aniversario nun encontro aberto ao público protagonizado polas fundadoras Rosa Álvarez, Luma Gómez e Gonzalo Uriarte. O acto, que tivo lugar na galería da sede da SGAE, incluíu unha mesa redonda moderada pola actriz Anabell Gago na que se fixo balance da traxectoria da entidade, dos seus inicios, dos logros acadados e dos retos pendentes e a situación actual da profesión.

Premiados e directiva da AAAG na gala dos I Premios de Teatro María Casares, ano 1997 © AAAG

A asociación, que conta neste momento con 320 socios e socias, foi fundada por Rosa Álvarez, socia número 1; Gonzalo Uriarte, primeiro presidente; Luma Gómez, Mabel Rivera, Marisa Soto, Xabier Lourido e Ernesto Chao

Ao encontro acudiron, entre outros, Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Patricia de Lorenzo, en representación de Escena Galega; Daniel Salgado e Roberto Pascual, en representanción da Escola da Arte Dramática de Galicia; ou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.

A asociación sindical, que aglutina gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, conta neste momento con 320 socios e socias e ademais do seu traballo de representación e defensa dos intereses dos seus asociados e asociadas, é a encargada de organizar todos os anos os Premios de Teatro María Casares, se achega ás trinta edicións.

En 1985 "a profesión decidiu crear dende o colectivo unha asociación que lle dese voz erepresentatividade fronte a administración e diante da sociedade", destaca a AAAG

Tómase como data de referencia para situar o inicio da profesionalización da interpretación o 16 de maio de 1978, día en que Antroido estreou en Santiago a obra Laudamuco, señor de ningures. En 1984 nacía o Centro Dramático Galego coa estrea de dúas obras: a fundacional Woyzeck, dirixida por Xúlio Lago, e Agasallo de sombras, texto de Vidal Bolaño que se converteu na primeira obra galega producida pola institución de teatro público. 

E pouco despois da constitución da AAAG, comezaron as emisións da TVG. "Neste contexto a profesión decidiu crear dende o colectivo unha asociación que lle dese voz erepresentatividade fronte a administración e diante da sociedade", destacan dende a AAAG.

Acto de conmemoración do 40 aniversario da AAAG, este martes 8 de xullo en Compostela © AAAG

Nas súas catro décadas de traxectoria o traballo da AAAG transformouse en diferentes iniciativas e proxectos, comezando polos plans formativos, a creación dos Premios de Teatro María Casares ou o I Convenio colectivo de actores e actrices de Galicia, texto pioneiro no Estado

Nas súas catro décadas de traxectoria o traballo da AAAG transformouse en diferentes iniciativas e proxectos, comezando polos plans formativos "de grande importancia para a profesionalización sobre todo nos tempos previos á creación en 2005 da ESAD". Tamén destaca a creación dos Premios de Teatro María Casares, que en 2026 celebrarán a súa 30ª edición co apoio de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE e o Concello da Coruña 

No plano da loita pola mellora sda situación laboral, hai que salientar o I Convenio colectivo de actores e actrices de Galicia, impulsado pola AAAG e asinado polos sindicatos, por Escena Galega e a Axencia Galega das Industrias Culturais, texto aínda en vigor e pioneiro no estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.