A Mesa do Audiovisual Galego considera que a nova lei dos medios públicos supón "un evidente paso atrás" na súa "independencia"

Redacción dos medios públicos galegos CC-BY-SA Defende A Galega

A Mesa do Audiovisual Galego, integrada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización(CREA), a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), o Cluster Audiovisual Galego(CLAG) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA) fai pública a súa “preocupación” polo Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital, que remata este xoves o seu período de suxestións.

Un anteproxecto de lei presentado polo Consello da Xunta o 29 de xullo e que substituirá á actual lei dos medios públicos, para o que non se contou con “ningunha” das organizacións profesionais galegas representativas do sector audiovisual. Para estas sete entidades o novo texto lexislativo supón “un paso atrás na independencia e función social dos nosos medios”.

Protesta do persoal da CRTVG no Teatro Municipal de Ourense durante a gala dos Premios Mestre Mateo en 2023 © CUT

Na mesma liña que se manifestou o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, así como o Comité Intercentros da CRTVG, a Mesa do Audiovisual Galego móstrase en desacordo coa eliminación de elementos presentes na lei vixente que non se chegaron a desenvolver, como é o caso do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, que lembran que sería o encargado de “garantir o control e a calidade dos contidos”.

Así, as entidades representantes do audiovisual galego estiman que “o sistema de elección proposto para o Consello Asesor de Participación Social e Profesional [a nova figura que introduce o anteproxecto de lei en substitución das anteriores] tenta outorgar lexitimidade democrática e de representación a un órgano que nas condicións propostas non garante as debida independencia, pluralidade e capacidade crítica”.

Advirten que non se contou con "ningunha" das organizacións profesionais galegas representativas do sector audiovisual para a elaboración do anteproxecto de lei presentado pola Xunta o 29 de xullo e solicitan unha reunión "urxente" con Rueda

Ademais, o sector critica que a nova lei “afasta a elección do director xeral da procura do consenso e o acordo, nunha figura clave para unha das institucións máis importantes do país”. No seu comunicado, incide en que esta elección “debe realizarse co maior consenso posible atendendo aos principios de representación política e social”, e solicitan que neste proceso se inclúa unha “rolda de consultas previas ás entidades que representen a realidade profesional, empresarial e cultural do sector audiovisual galego”.

Todo isto, aseveran desde o sector, “supón un evidente paso atrás no que ten que ver coa necesaria independencia dos medios públicos de Galicia”. No que respecta á apertura da emisión de contidos en castelán, a Mesa do Audiovisual Galego critica que se reformule “o principio fundacional da CRTVG” a respecto da promoción da lingua galega e a súa difusión. “Consideramos que a relevancia dos nosos medios públicos como garantes da nosa lingua, o seu coidado e a súa difusión son unha liña vermella sobre a que non corresponden pasos en falso e si moita reflexión, explicación e compromiso”, defenden.

Representantes das sete asociacións galegas do sector audiovisual no FIGA de 2023 na Coruña © AGA

Sinalan que o anteproxecto de lei "supón unha perigosa muda dos conceptos garantistas de control, de profesionalidade e de independencia da CRTVG recollidos na actual lei en vigor"

“É de todo inadmisible asumir unha proposta que bate na propia liña de flotación da nosa cultura audiovisual, máis se cabe nun momento no que as obras en galego rompen fronteiras nacionais e internacionais ao tempo que o uso da mesma entre a nosa poboación sofre retrocesos preocupantes”, apuntan nun comunicado no que solicitan unha reunión urxente co presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

“Consideramos que o anteproxecto de lei, na súa formulación actual, supón unha perigosa muda dos conceptos garantistas de control, de profesionalidade e de independencia da CRTVG recollidos na actual lei en vigor, ao tempo que pon en dúbida o seu labor central na protección e difusión da lingua galega na nosa sociedade”, aseveran desde a Mesa do Audiovisual Galego.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.