Unanimidade no Parlamento de Galicia para solicitar que a nova Lei xeral do audiovisual estatal garanta a presenza do galego e "recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda".
PP, BNG e PSdeG amosan o seu apoio público á campaña da Mesa para que a nova Lei do audiovisual non marxine o galego e recoñeza a pluralidade lingüística
Os tres grupos da Cámara (PP, BNG e PSdeG) amosaron así o seu apoio público á campaña impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística que se inicia este luns e que solicitará tamén a unión a todos os concellos galegos.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, agradeceu o acordo entre os tres partidos e lembrou que a Lei do audiovisual que se debaterá en próximas datas no Estado é unha transposición dunha directiva europea que busca garantir a difusión e creación nas linguas europeas. "Sen audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura", abondou, "e por iso a lei fixará unha cota mínima de dobraxe, lexendaxe, audidescricións e financiamento de producións no Estado Español por parte das plataformas de emisión audiovisuais (5% de ingresos)", engadiu.
Foron as deputadas Raquel Arias (PP), Mercedes Queixas (BNG) e Noa Díaz (PSdeG) as que simbolizaron o acordo unánime logo da xuntanza con Maceira e Celia Armas, secretaria da Mesa. O presidente da entidade destacou ademais que se mantivese ese apoio de todas as forzas parlamentarias a iniciativas a prol do impulso da lingua, ao igual que se fixera o pasado 12 de maio coa denominada Iniciativa Xabarín para a mellora da presenza da lingua galega no audiovisual na que, xunto con outros puntos, se solicitaba que a lexislación estatal equiparase para o galego as porcentaxes na dobraxe, lexendaxe, audiodescricións e financiamento anticipado previstas para o castelán.
"Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente", di Marcos Maceira
A piques de chegar ao Consello de Ministros, tanto entidades como A Mesa como gobernos autonómicos denunciaron que se obvie no texto da nova Lei do audiovisual a pluralidade lingüística do Estado e que non se inclúa nela unha protección específica para galego, éuscaro e catalán.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, advertiu que "é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega" que a nova lei audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas no acordo parlamentario agora corroborado. "Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e a mocidade e infancia e particular", destacou. "Estes dous elementos converxen nun sector como audiovisual galego de calidade demostrada e grande capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país", concluíu.
A Mesa enviou o pasado 10 de xullo as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, solicitando o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico; o establecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais como Netflix, HBO, Disney+ ou Prime Video e mais no deber de financiamento anticipado a obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións, nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito (dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente incorporen as linguas oficiais; e asegurar a reciprocidade con Portugal.
Así, Maceira lembrou que dos case 26.000 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. "Esta oportunidade de mudalo é única", dixo, tras advertir tamén de que "a unidade é garantía de éxito".
A deputada popular Raquel Arias puxo en valor a unanimidade amosada tanto na votación parlamentaria da Iniciativa Xabarín como nesta solicitude actual perante a lei estatal e recordou a importancia trascendental que ten a presenza da nosa lingua no audiovisual global para un sector económico que xa supón un 2% do PIB galego.
Pola súa banda, a parlamentaria do BNG Mercedes Queixas destacou o aval das máis de 33.000 sinaturas coas que chegou aquela iniciativa á Cámara e "que demostraban o pulo social exemplar que merecía o acordo unánime dos partidos políticos desta cámara". Ademais, a socialista Noa Díaz reparou na importancia deste consenso social e político que pide "a igualdade" entre as linguas oficiais dun Estado plurilingüe e explicou que confía que o proxecto que se presentará ao longo dos próximos días recolla "as modificacións que se solicitan desde Galicia e desde outros territorios".