Menos do 5% da programación infantil e xuvenil que se emite polas canles de televisión accesibles no país está en galego, como recolleu hai dous anos un informe elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística. O desequilibrio lingüístico na oferta de contidos non é compensado pola CRTVG, cunha emisión en galego que fica moi por debaixo da que realizan as televisións públicas catalá ou vasca a través de Super3 ou ETB3.
Demandan que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade na televisión pública a través dunha canle Xabarín "dirixida ao público infantil e xuvenil
Hai un par de semanas A Mesa lanzou na rede unha campaña reclamando "unha canle Xabarín Club na TVG que emita continuadamente en galego todos os días do ano contidos actuais e anteriores de éxito, atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega". A campaña sumou máis de 15.000 sinaturas en poucos días, un éxito que decidiu á entidade a dar un paso máis, convertendo a proposta nunha proposición non de lei de iniciativa popular, que necesita recoller 2.500 sinaturas de forma física para poder ser presentada e debatida no Parlamento.
A proposta tamén instará a adoptar medidas para garantir a opción dobrada e subtitulada ao galego nas plataformas dixitais e para que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil
Este mércores presentouse en Compostela o "grupo impulsor" da iniciativa popular, que levará o nome de Xabarín, e que nace arroupada por un amplo apoio de entidades culturais, empresas e profesionais do sector cultural. Así, súmanse á Mesa as principais asociacións da cultura galega (AAAG, AELG, AGAG, AGEM, AGPI, AGPTI, Escena Galega, Músicas ao vivo e Asociación de Profisionais da Dobraxe), empresas da industria editorial, musical e das artes escénicas (Apiario, Baobab, Charlatana, Culturactiva, Editorial Galaxia ou Xerais), sindicatos do ensino (Erguer, ANEGA, AS-PG, Nova Escola Galega, CIG Ensino, CSIF Ensino ou STEG), entidades culturais e sociais (Federación Galiza Cultura ou as ANPAS Galegas) e artistas de referencia para os máis pequenos e pequenas como Fran Amil, Magín Blanco, Pepe Carreiro, Paco Cerdeira, Pablo Díaz, Gloria Mosquera ou Uxía Lambona e a Banda Molona.
Menos do 5% da programación infantil e xuvenil que se emite polas canles de televisión accesibles no país está en galego
Demándase que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade na televisión pública a través dunha canle Xabarín "dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conte ademais con programas e xogos". A Mesa lembra que a televisión pública ten o deber de “contribuír á normalización da lingua galega e á difusión da cultura propia de Galiza”.
A entidade considera "alarmante" o retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva: "só a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación autonómica sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar significativamente as emisións en galego". E recorda que "é conveniente actualizarse ofertando produtos en plataformas dixitais ou App con contidos infantís, recuperando os traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público pola entidade televisiva".
"Unha televisión en galego para crianzas e mocidade, é necesaria para sermos conscientes, de novo, da potencialidade creadora que hai en Galiza", dixo Marcos Maceira
A secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, explicou que a proposta tamén instará ao goberno de Núñez Feijóo a adoptar "as medidas e accións precisas" para garantir a opción dobrada e subtitulada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. Así mesmo, reclamou, "o goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP - TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias".
Na presentación o presidente da Mesa, Marcos Maceira, destacou que "unha televisión en galego para crianzas e mocidade, é necesaria para sermos conscientes, de novo, da potencialidade creadora que hai en Galiza: produtoras, actores e actrices, editoriais, ilustradoras, escritores e escritoras ou músicas de enorme éxito malia as limitacións de difusión por carencias nos medios públicos". Maceira anunciou ademais que hai xa máis de 200 estabelecementos comerciais onde se recollerán as sinaturas nos próximos días, "unha vez que a Xunta electoral valide, sele e numere os pregos onde se recollerán".