Marcos Pérez Pena

Unha ducia de vídeos do Xabarín Club no seu 25 aniversario

Un 18 de abril de 1994 emitíase o primeiro programa do Xabarín Club, o programa que marcou a varias xeracións de galegos e galegas. Para celebrar o seu 25 aniversario, a CRTVG vén de lanzar unha web, xabarin.gal, que recolle unha chea de vídeos coas sintonías de apertura das series máis coñecidas e, por suposto de clips musicais. E ti? Es do clube?

  1. 01

    Somos do clube da Galega!

    Así comezaron durante anos as tardes de moitos e moitas (por fuciños, por cacheiras), con este rock escrito por Julián Hernández, Mariano Lozano e Manolo Romón, con videoclip de Víctor Luna

  2. 02

    As Bólas Máxicas

    Polo Xabarín pasaron moitas series de debuxos, pero sen dúbida ningunha tan mítica como Dragon Ball, que comezara a emitirse na TVG o 8 de febreiro de 1990. Por certo, esta canción ("Misteriosa aventura!") estaba interpretada en galego por Gonzalo Faílde e Beatriz García. E velaquí está a sintonía de peche da serie

  3. 03

    Dragon Ball Z

    As Bólas Máxicas, Dragon Ball Z, Dragon Ball GT... A serie tivo varias entregas, e todas elas contan con sintonías máis que recoñecibles. Dragon Ball Z comezara a emitirse na TVG en 1991 e fíxoo ata o 2013, con Julio Lorenzo e Antón Rubal nas voces de Son Goku. Lembrades como era a canción que se escoitaba ao remate de cada capítulo?

  4. 04

    Shin Chan

    Shin Chan comezou a emitirse na TVG o 13 de abril de 1992 e fíxoo ata o ano 2005, despois de que chegara a haber protestas dalgúns pais e nais que consideraban que non era un contido axeitado para o horario infantil. A (fantástica) tradución ao galego foi obra de María Seisdedos.

  5. 05

    Doraemon

    Outro título que sen dúbida tivo un grande impacto foi Doraemon (que tiña un peto máxico). A serie conta con 1.787 capítulos, que comezaron a emitirse na TVG no ano 1994, aínda que en Xapón comezara 15 anos antes. Esta sintonía, que se incorporou no episodio número 41, está cantada en galego por Arturo Sabugueiro, Nacho Castaño e Juan Carballido.

  6. 06

    O Caimán do Río Tea: "Estou na lavadora"

    En 1991 nacía en Ponteareas esta banda, formada por Rafa Leiras (voz), Miki Flojeras (guitarra), Xosé Cambra (batería) e Ramón Fernández (baixo). En 1994 entregan este tema, que se converterá nun dos primeiros clásicos do Xabarín. O grupo foi un dos participantes no Manifesto de Viana que deu carta de natureza ao movemento bravú

  7. 07

    As Amarginhas: "Just Girls"

    De Portugal viñan As Amarginhas, que gravaron dous videoclips para o Xabarín. "En Caminha hai unha festa/ non podo faltar a esta", dicía esta canción, asinada por Maria Cristina Braga da Cruz e José Antonio Días Martins.

  8. 08

    Diplomáticos & Mercedes Peón: "Nordés"

    Os Diplomáticos de Monte Alto e Mercedes Peón sumaron as súas forzas para entregar este "Nordés", con videoclip a cargo de Ricardo Dacal

  9. 09

    Diplomáticos de Monte Alto: "Oda ao futbolín"

    En xaneiro de 1937 Alexandre de Fisterra patentou en Barcelona o invento do futbolín, que inventara uns meses antes mentres se recuperaba nun hospital das feridas sufridas por un bombardeo franquista. E 55 anos despois Os Diplomáticos dedicáronlle esta canción, que contribuíu a inmortalizalo.

  10. 10

    Aerolíneas Federales: "Non todo é o que parece"

    Aerolíneas Federales teñen temas ben coñecidos como "No me beses en los labios," "Soy una punk" ou "No sé ligar", pero este non queda atrás e de feito segue soando nos seus concertos. Unha canción obra de Luís Santamarina e Silvino Díaz

  11. 11

    "Socio, busca un socio"

    Outra das sintonías que decote se escoitaban no programa era esta, a cargo de O Vello Almorth. E todo con ese obxectivo de "temos que ser cen mil", algo que o programa conseguiu aló polo 2003. Aínda que seguron que algúns e algunhas mentiran sobre a súa idade.

  12. 12

    Vai sendo hora de ir para a casa

    E isto foi todo, vai sendo hora de ir para a casa... Así remataban as tardes do Xabarín, pero non "sen quedarmos para mañá". E ti, xa es do clube?