O 48º venres negro reivindica o Xabarín e pide unha "programación infantil digna" na CRTVG

Mobilización de persoal da CRTVG polo 48º venres negro © Defende A Galega

A piques de cumprir once meses de protestas cada semana, e aproveitando que este xoves o Xabarín Club cumpriu 25 anos, o 48º venres negro reivindicou o programa do porco bravo e reclamou “crear nos medios públicos unha programación digna para nenos e nenas”

O colectivo Defende A Galega, que aglutina persoal da TVG e da Radio Galega en loita “contra a manipulación informativa” ou polo cumprimento da Lei de Medios, apostou neste venres santo por “presumir” do Xabarín e en engadir ás súas demandas a de “máis e mellor programación infantil e xuvenil” na CRTVG. 

Defende A Galega demanda "unha programación digna para nenos e nenas", como xa reclamara o comité de empresa durante os paros e a folga na CRTVG

“Se as meniñas e meniños puidesen ter na pública máis debuxos en galego e máis música en galego, de seguro falarían máis e amarían máis a nosa lingua”, di Defende A Galega sobre unha reivindicación que non só abrangue este colectivo. De feito, a demanda de “recuperar” produción propia na CRTVG e o “regreso” dun formato contedor semellante ao Xabarín para o público infantil foi unha das que levou o comité ante a dirección da Corporación na negociación xurdida dos numerosos paros e a folga que o persoal dos medios públicos levou a cabo hai tan só uns meses. 

Debuxo de Kiko da Silva para Defende A Galega © Kiko da Silva

Defende A Galega lembra o espazo cuxo nacemento cumpre agora un cuarto de século pola súa “boa música, carisma como ninguén e un feixe de series animadas coas que vivir, en galego e dende pequeniños, moitas emocións”, así como “a importante promoción que se facía das bandas do país e as súas cancións en galego” cun club que chegou a ter máis de 140.000 socios. “Por que agora non?”, pregúntanse tras destacar o seu labor como “dinamizador cultural e lingüístico”

O 48º venres negro na CRTVG chega tan só uns días despois de que Defende A Galega fose galardoado co Premio José Couso. “É a nosa obriga seguir defendendo a liberdade de prensa aquí e agora”, din, tras volver denunciar “represalias” como as que, din, sufriu o locutor Carlos Jiménez, así como o feito de que a concesión do recoñecemento fose “silenciado e censurado” na programación dos medios públicos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.