O primeiro paro na folga dos medios públicos obriga a mudar a programación na TVG

Mobilización do persoal da CRTVG no primeiro día de folga CC-BY-SA Praza Pública

"Supera as nosas expectativas". O comité intercentros celebrou o éxito da primeira das xornadas de paro convocadas na CRTVG contra o "desmantelamento" e a "manipulación" nos medios públicos galegos. Ducias de traballadores mobilizábanse xa ás 12.30 horas ás portas da sede en San Marcos no que era o inicio do primeiro dos paros de dúas horas, o da quenda da mañá, que provocou que a TVG se vise obrigada a modificar a súa programación habitual. Á hora na que o programa matinal A Revista tiña que estarse emitindo en directo, a television repuxo o programa A xantar!, sobre as bondades dos chiringuitos de praia e da súa cociña no verán, mais o especial sobre a voda de Marta Ortega, filla do fundador de Inditex. 

O primeiro paro obrigou a cancelar o programa 'A Revista' e repoñer un espazo de gastronomía e o especial sobre a voda de Marta Ortega

Mentres se emitían eses dous programas, unha mensaxe advertía cada certo tempo de que se estaba a emitir unha "programación diferente á haitual por mor da convocatoria de paros". A Radio Galega mantiña a súa emisión normal durante esas dúas horas, até as 14.30, nas que durou ese primeiro e "exitoso" paro, segundo recoñecía o comité, que contaba que os "abusivos" servizos mínimos impedisen que o impacto da folga se notase na programación. Pero tamén o fixo, tras un seguimento que cifrou no 80%

Malia seren cuestionados por Praza.gal, fontes da dirección da Corporación non ofreceron aínda datos oficiais do seguimento da folga nin fixeron valoración ningunha sobre uns paros de dúas horas que continuaron.con semellante apoio na quenda de tarde e na de noite.  

O comité acusa a CRTVG de usar produtoras externas para poder levar a cabo e emitir os informativos

Con todo, se non houbo un impacto e visibilización maior foi, "precisamente", denuncian desde o comité, porque a CRTVG "burlou o dereito á folga emitindo os informativos a través de pezas elaboradas por unha produtora externa", algo que, din, "está prohibido por lei" e será unha das cuestións que "terán que ditaminar os xulgados". "Iso molestou moito o persoal mobilizado", aclaran, tras amosar a súa "satisfacción" pola importante resposta dos traballadores, "acorde á agresión que sofren os medios públicos". 

Ao tempo, o persoal da CRTVG percorreu os arredores da súa sede compostelá tras unha pancarta que clamaba "por unha radiotelevisión pública ao servizo de Galicia" e con cartaces que pedían a dimisión da directora de informativos ou do director xeral e que solicitaban aos xestores dos medios publicos que "non precaricen, privaticen nin manipulen" unha empresa que pasou dos 1.200 traballadores de hai unha década aos algo máis de 900 da actualidade. 

O comité intercentros cifra nun 80% o seguimento do primeiro dos paros da folga na CRTVG

Son unhas 950 persoas, entre fixas e eventuais, as que están chamadas á folga. Serán paros parciais de dúas horas en seis días de novembro e outros dous de decembro, ademais dun paro xeral de 24 horas convocado para o 19 de decembro. O persoal da CRTVG dá un paso máis nas protestas nun ambiente de mobilización marcado polos venres negros contra a manipulación informativa, que xa acumulan vinte e seis semanas. A folga que comezou este martes fíxoo sen acordo entre empresa e traballadores a respecto dos servizos mínimos,que foron recorridos polo comité intercentros.

Mobilización de persoal da CRTVG durante o primeiro dos paros da folga / CC-BY-SA Praza Pública

A dirección da Corporación pública tentou conseguir desconvocar a táboa reivindicativa do persoal mediante unha negociación previa. Estas reivindicacións son secundadas tamén polo colectivo Defende a Galega, que as apoia como "calquera outra reivindicación que afecte á calidade do servizo público" na CRTVG, "pero entende que son os sindicatos os que deben levar a voz das mobilizacións que convocan".

O persoal pide recuperar a produción propia e as conexións en directo, redefinir a dimensión do persoal ou a fin da manipulación

O comité pon o acento na necesidade de "recuperar a produción propia interna" con programas informativos e de debate e entretemento producidos internamente, así como o "regreso" dun formato contedor semellante ao Xabarín para o público infantil ou a "recuperación das conexións en directo nos servizos informativos. Negociacións para unha mellor "dimensión" do cadro de persoal ou a fin da "utilización fraudulenta da contratación en prácticas" son outras das demandas laborais nunha folga na que a "erradicación da manipulación informativa" e o cumprimento íntegro da lei de medios do ano 2011 é tamén reivindicación de cabeceira.

Ás esixencias do persoal incorporáronse dous aspectos relacionados coas mobilizacións contra a manipulación. O comité pide a "fin da política represiva" mediante o "arquivo" do expediente disciplinario aberto ao locutor Carlos Jiménez e a "reparación pública do dano causado" á xornalista Tati Moyano co expediente que a atinxiu, arquivado o pasado outubro. Solicitan, asemade, a "apertura dunha mesa paritaria" para "aclarar e interpretar as normativas" nas que a área de Recursos Humanos baseou ambos expedientes.

O comité pide a "fin da política represiva" mediante o "arquivo" do expediente disciplinario aberto ao locutor Carlos Jiménez

A empresa, pola súa banda, nega a existencia de tal "política represiva". Ademais, agregou que "non está de acordo na diagnose de manipulación informativa", segundo relata o comité e "nega a súa existencia". Ademais, a dirección agrega que non ten competencias para a creación duns dos órganos contemplados na propia lei, o Consello de Informativos, porque depende do Consello de Administración, órgano de seis membros con maioría de representantes designados polo PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.