Nova petición de destitución nos medios públicos galegos. Desta vez chega do comité de empresa da CRTVG en San Marcos, que "esixe o cesamento" dos máximos responsables dos informativos da TVG e da Radio Galega pola decisión de "censurar e ocultar en todos os seus espazos a concesión do Premio José Couso á liberdade de prensa á plataforma de traballadores e traballadoras Defende A Galega".
O comité de empresa esixe o "cesamento" dos máximos responsables dos informativos da TVG e da Radio Galega por "censurar e ocultar" a concesión do premio
O comité asegura que puido contrastar que a redactora encargada de elaborar os boletín informativos da Radio Galega, "que levaban toda a mañá anunciando que se ía proceder ao fallo do premio", recibiu a "orde expresa" do xefe de redacción, Luís Ojea, de non locutar no programa informativo das 13 horas a información xa preparada sobre o galardón que se acababa de dar a coñecer.
"Cando a redactora, incrédula, lle solicitou explicacións, Ojea amparouse nunha suposta 'decisión corporativa'. A nova do fallo, que tivo ampla cobertura en medios estatais e nacionais, ocultouse a partir dese momento no resto dos espazos informativos da Radio Galega e tamén nos telexornais dese día da TVG, malia que tanto a radio como a televisión públicas cubriran a concesión deste galardón con total normalidade en anos anteriores", explica nun comunicado o comité, que se dirixiu por escrito á Directora da Área de Información e Contidos da CRTVG, Concepción Pombo, para aclarar a orixe e a xustificación desta decisión pero "non obtivo resposta".
"A dirección da CRTVG antepón os seus intereses persoais ou partidistas á credibilidade do medio e ao deber de informar verazmente"
O comité, por último, cre que "non pode haber unha decisión corporativa nos medios públicos de comunicación que xustifique a vulneración do dereito fundamental á información", polo que acusa a dirección da CRTVG de "antepoñer os seus intereses persoais ou partidistas á credibilidade do medio e ao deber que ten de informar verazmente á cidadanía".