Tan só o 4,6% da programación infantil televisiva nos días laborables emítese en galego, unha porcentaxe que cae ata o 2,7% nas fins de semana. Son os datos recollidos no informe Situación da lingua galega na programación televisiva infantil elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística, presentado este martes. A entidade alerta do "alarmante retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva infantil malia as posibilidades técnicas da TDT" e propón sete medidas concretas para incrementar estes datos. Entre elas, pídese á TVG que aumente a oferta en galego dirixida a infancia e mocidade, demándase a TVE que garanta a opción de dobraxe en galego da súa programación infantil e xuvenil e proponse activar as licenzas galegas de TDT existentes.
Pídese á TVG que aumente a oferta en galego dirixida a infancia e mocidade, demándase a TVE que garanta a opción de dobraxe en galego da súa programación infantil e xuvenil e proponse activar as licenzas galegas de TDT existentes
Na presentación do informe, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembroulle á Xunta a súa obriga de promover o galego de forma activa tamén no sector audiovisual dirixido ao público infantil e xuvenil e denunciou que “a presenza do galego na grella televisiva é moi inferior hoxe que hai 20 anos afondando na exclusión e subordinación do galego e negando á infancia o mínimo acceso a contidos no noso idioma”.
“A presenza do galego na grella televisiva é moi inferior hoxe que hai 20 anos afondando na exclusión e subordinación do galego e negando á infancia o mínimo acceso a contidos no noso idioma”
Pola súa banda, Elsa Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos -que elaborou o informe-, destacou que a exclusión do galego no audiovisual afecta tamén á continuidade de produtos que xa contan con dobraxe ao galego. “É lamentable que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza, aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados”, dixo, en referencia á edición de DVDs ou á publicación de apps, webs e xogos asociados. "Estes datos son unha proba palpable da falsa liberdade de escolla pois, na práctica, non existe opción de poder vivir en galego nin tan sequera unha crianza pode ver programas infantís en galego na maior parte do tempo", conclúe o informe.
Na actualidade a oferta infantil e xuvenil en galego limítase ás emisións da TVG2, que dedica a estes contidos o 41,70% do seu tempo de emisión nos días laborables e un 24,3% na fin de semana. Mentres, a televisión catalá dispón desde o 2009 dunha canle específica para crianzas, Súper 3, inspirada no clube infantil Club Súper 3. O informe recolle que no ano 2007 a canle infantil máis vista en Galicia foi Clan (cun 2,4% de share), seguida de Disney Channel (1,5%) e Boing (1,2%); a TVG2 ficou por debaixo do 1%. O informe critica que "o Xabarín, unha das máis importantes iconas da galega para varias xeracións, debilitouse fortemente" e que na programación da TVG2 destacan, si, os espazos dedicados aos máis pequenos e pequenas (2-5 anos) como poderían ser, por exemplo, Caracois, Olivia ou Dinotrux. Porén, a oferta é moito máis frouxa para os rapaces e rapazas de maior idade.
O informe recolle que no ano 2007 a canle infantil máis vista en Galicia foi Clan (cun 2,4% de share), seguida de Disney Channel (1,5%) e Boing (1,2%); mentres, a TVG2 ficou por debaixo do 1%
O documento conclúe que "esta situación, xunto co tratamento do galego como lingua estranxeira na educación infantil demostrado noutros estudos do Observatorio dos Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística, forman parte dun contexto máis amplo de exclusión, subordinación e marxinación do idioma de Galicia". "Debido á súa influencia social, o sector audiovisual non pode ficar fóra do proceso de normalización lingüística que a Xunta de Galicia ten a obriga de promover", engade. "A solución comeza por aproveitar as posibilidades que ofrece a canle pública, impulsando o seu obxectivo normalizador e activar por parte da administración os recursos cos que conta para ampliar substancialmente a oferta en lingua galega", remata.
As sete medidas propostas pola Mesa:
"Estes datos son unha proba palpable da falsa liberdade de escolla pois, na práctica, non existe opción de poder vivir en galego nin tan sequera unha crianza pode ver programas infantís en galego na maior parte do tempo", conclúe o informe
- A TVG debe aumentar a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas, incluída a creación dunha terceira canle exclusiva para programación infantil.
- A CRTVE debe garantir a opción de dobraxe ao galego na programación infantil e xuvenil da canle específica da emisora pública estatal.
- O goberno galego debe adoptar as medidas e accións precisas a través de acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada ao galego en todas as canles.
- Hai que activar as licenzas galegas de TDT existentes e crear outras novas como maneira de garantir a presenza da lingua galega e de contidos de produción galega con especial atención ao público infantil e xuvenil.
- Débese garantir unha oferta mínima de DVD e outro material audiovisual en galego ou con opcións de subtítulos no noso idioma.
- As autoridades deben promover programas, xogos informáticos e todo tipo de aplicacións adaptadas ao galego.
- O goberno galego debe adoptar as medidas necesarias que permitan a visualización en Galicia da RTP segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.