No pleno do pasado 12 de maio, todos os grupos do Parlamento aprobaron a Iniciativa popular Xabarín, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e apoiada por máis de 33.000 sinaturas.
PP, BNG e PSdeG aprobaron instar a Xunta a "aumentar a oferta en galego para a infancia e a mocidade" co seu impulso na CRTVG, TVE e plataformas dixitais
O acordo unánime de PP, BNG e PSdeG insta a Xunta a que a CRTVG "aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade" reforzando as catro canles dixitais Xabarín para distribuílas a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil, ademais de reclamar ao Goberno español accións para garantir tanto en TVE como nas plataformas, a dobraxe, lexendaxe e audiodescricións en galego e o financiamento para as producións en galego dentro da Lei Xeral do Audiovisual que será debatida nos próximos meses. Tamén se insta a chegar a acordos con operadoras e plataformas para a dobraxe e lexendaxe das súas emisións, así como a posibilidade de reciprocidade na visualización con Portugal.
Falamos con Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que confía en que a inédita unanimidade no ámbito lingüístico na Cámara galega sexa o primeiro paso de máis acordos semellantes.
Foi un acordo unánime de todas as forzas do Parlamento, algo que non é moi habitual...
Foi resultado dunha mobilización social intensa nos últimos meses arredor da Iniciativa Xabarín, que propiciou ese movemento a favor e unha maior vontade por parte das forzas políticas. A partir de aí, construíuse un acordo que cremos moi positivo para a lingua. Desde A Mesa destacamos que é o primeiro acordo únánime no ámbito da lingua desde 2004, desde a aprobación do Plan Xeral de Normalización Lingüística. Obviamente, non é un acordo tan extenso, pero nesta liña é na que temos que continuar, coa sociedade como impulsora de acordos.
"A iniciativa foi resultado dunha mobilización social intensa que propiciou unha maior vontade por parte das forzas políticas"
Hai un acordo no que se insta a Xunta á actuar, pero cre que se cumprirán todas as demandas do texto?
Había aspectos da demanda inicial que tiñan dificultades técnico-administrativas e mesmo económicas, como é o caso da TDT, por iso optamos por unha liña de cumprimento inmediato ao abranguer a fibra óptica, o satélte ou internet. A TVG xa fixo algún anuncio para a incorporación dunha plataforma propia e creo que se van dar os pasos... Ou polo menos contamos con iso. Que se leven a cabo as cousas ou non dependerá tamén de estarmos atentos, de manter a mobilización e as demandas, pero cremos que todo o reivindicado se fará efectivo.
"Sorprendeunos gratamente o apoio do PP á inciativa, que se movese das posicións que foi mantendo ultimamente"
Supuxo tamén un acordo pioneiro no Estado.
No que ten que ver coa Lei Xeral de Comunicación Audiovisual estatal, que se vai debater en breve, o de Galicia é agora o primeiro parlamento autonómico que se posiciona sobre o tema e que reclama que se recoñeza na práctica a pluralidade lingüística, que se permita a opción de galego en todos os contidos, desde as plataformas tipo Netflix ou HBO ata as canles que emiten na TDT ou pasando pola TVE e a implantación de opcións dobradas ou con lendas en lingua galega, ademais de maior producións na nosa lingua. Que a Cámara galega sexa a primeira que se posicione sobre isto pode contribuír, sen dúbida, a que finalmente se leve a cabo, pero será unha loita que teremos que continuar como sociedade e na que A Mesa tamén estará presente.
Sorprendeulles o apoio do PP á iniciativa?
Sorprendeunos gratamente que se movese das posicións que foi mantendo ultimamente e cremos que debería estender este apoio a outros ámbitos. Todo o mundo sabe a nosa posición e esperamos que o PP poida avanzar moito máis, que este só sexa o primeiro paso. Que se manteña esta liña de unanimidade é moi necesario se queremos recuperar espazos para o galego e tamén que non deixe de estar noutros.
É o audiovisual un dos ámbitos onde máis presenza perdeu o galego?
O audiovisual é un exemplo de como se van perdendo espazos para o galego. A finais dos 80, a oferta en galego era un terzo da que ofrecía toda a televisión porque só había tres canles. Agora a oferta é tan grande que a única maneira de contrarrestar a situación é igualando a presenza da lingua. Hai máis canles en galego que antes, pero na práctica perdeuse espazo e parece que hai un acordo unánime por recuperalo. Seguiremos atentos a calquera denuncia sobre a exclusión do noso idioma, pero se algo demostrou este acordo no Parlamento é que todo é posible se hai vontade.
"O audiovisual é un exemplo de como se van perdendo espazos para o galego. A finais dos 80, a oferta era un terzo de toda a televisión, pero só había tres canles"
Nun ano de pandemia, perden peso as reivindicacións a prol da lingua galega?
O que notamos neste último ano é que a xente notou máis a ausencia do galego. Recibimos moitas queixas en relación a ámbitos nos que, por razóns obvias, sufriuse máis a exclusión, desde a atención no Sergas ás denuncias de traballadores de atención telefónica aos que se forzaba a usar o castelán. No ámbito do audiovisual, por exemplo, a xente decatouse máis da escaseza do galego ao pasar máis tempo na casa con cativos e cativas para os que non atopaban recursos no idioma, onde a ausencia da nosa lingua é terrible. Foron esas demandas e queixas as que non animaron a facer a campaña da Iniciativa Xabarín e a proba de que hai demanda é que xuntamos máis de 33.000 sinaturas nunhas condicións difíciles. Aínda así, foi unha das proposicións das que chegaron ao Parlamento que máis apoio lograron. Con todo, o problema do galego non é tanto de demanda, senón de oferta, porque se non hai oferta, acábase paralizando tamén a demanda.