A Academia culmina o ano Xela Arias cun simposio centrado na súa voz como artista "muller, miope e galega"

Xela Arias © Xulio Gil

As poetas Chus Pato e Alba Cid e mais a crítica literaria María Xesús Nogueira conversarán este xoves arredor da vida poética da homenaxeada no Día das Letras nun simposio que continúa o día 25

"O meu compromiso comigo está en escribir desde min. E eu son muller, miope e galega". Escribiu Xela Arias nun artigo para o Encontro de escritores galegos e portugueses: muller e literatura celebrado en Santiago de Compostela en 1991. Camiñamos agora cara a fin do ano de Xela Arias, celebrada no Día das Letras Galegas, cun simposio na sede da Real Academia Galega (RAG) que volve sobre os pasos da artista no persoal, no poético e no que foi tamén o laboral para ela: a escrita, a edición e a tradución.

A voz poética de Xela Arias (1962-2003) é o eixe da xornada deste xoves, día 18, que comeza ás 18:00 horas no salón de actos da sede da Real Academia Galega na Coruña e se poderá seguir en directo a través do web academia.gal. As poetas Chus Pato e Alba Cid e mais a crítica literaria María Xesús Nogueira, moderadas por Mercedes Leobalde, compartirán a súa ollada sobre a poesía da homenaxeada. O encontro rematará cunha actuación musical da Banda da Loba, que converteu varios poemas de Xela Arias en cancións.

Chus Pato, académica de número na RAG, participará cun relatorio titulado A temporalidade e outros animais na escritura de Xela Arias, que explica así: "Estes animais son a disonancia, o innominable, o amor e os diversos fíos que tecen o tapiz dos seus poemas". Alba Cid, que recibiu o Premio Nacional de Poesía Joven 2020 polo seu poemario Atlas (Galaxia), analizará as coordenadas culturais da obra de Xela Arias e a "orfandade xeracional" que a propia poeta declarou. 

Mentres que a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Xesús Nogueira, editora do volume Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias (Xerais), profundará nas reflexións sobre a poesía que foi deixando a autora en diversos soportes, e que reflicten tanto as claves da súa poética como as súas coordenadas estéticas e ideolóxicas.

Cartaz da segunda sesión do simposio Xela Arias na Real Academia Galega CC-BY-SA RAG

Tradución, edición, diálogo con outras artes é o título da última sesión destes encontros arredor de Xela Arias, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro, e tamén se poderá seguir desde o salón de actos da Academia e en streaming. O editor Manuel Bragado centrará o seu relatorio Xela Arias pioneira da edición e tradución galega nos textos que a autora achegou ao galego e na súa particular maneira de entender a edición. 

Sobre A actividade tradutora de Xela Arias. Unha nova ollada falará tamén Ana Luna, mentres que Belén López Rodríguez centraráse na Xela Artenauta. Unha aproximación ao interese de Xela Arias por conectar a poesía con outras artes. O encontro, moderado por Belén López Vázquez, contará coa xornalista, e directora da revista Vinte, María Yáñez que abordará o seu traballo como guionista na serie documental A palabra esgazada, que realizou xunto a produtora Miramemira para a RAG con motivo do Día das Letras. 

A sesión inaugural do simposio celebrado na sede da Academia reuniu, baixo o epígrafe Vida e Compromiso, ao fillo de Xela Arias, Darío Gil Arias, a Marga do Val e a Ana Iglesias Álvarez nunha conversa moderada por Yolanda Castaño que rematou cun recital no que tamén participaron Emma Pedreira e Dores Tembrás

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.