Retrocorenta: Xela, Lois e as letras pop(ulares)

CC-BY-NC-SA Deseño Retrocorenta: Isabel Vila | Montaxe: Praza Pública
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-sxpl-92f1fd3.jpeg

Como xa sucedera en 2011 co ano Lois Pereiro, con Xela Arias estamos a vivir unhas letras galegas pop… ou punk… ou, cando menos, máis pegadas ao país

Chegamos a este 17 de maio, Día das Letras Galegas, co convencemento de que estamos a vivir unha celebración excepcional. Os actos e homenaxes a Xela Arias saíron do circuíto institucional para agromar na rúa e, sobre todo, nas redes sociais. Como xa sucedera en 2011 co ano Lois Pereiro, estamos a vivir unhas letras galegas pop… ou punk… ou, cando menos, máis pegadas ao país.

Neste Retrocorenta: Letras pop conversamos con Marilar Aleixandre, Montse Pena Presas e Xosé Manuel Pereiro. Ademais, a poeta Alba Cid ponlle voz aos versos de Xela Arias e escoitamos ás bandas que apostaron pola poesía tanto de Xela como de Lois, para experimentar a partir das súas obras. 

"As letras están soportando unha lingua", lembra Marilar Aleixandre

"As letras como recuperación, como rescate". Marilar Aleixandre, académica da Real Academia Galega, incide en que o 17 de maio debe manter o seu carácter reivindicativo non só pola oportunidade de non deixar atrás a autoras e autores fundamentais para a cultura do país, senón para coidarmos o galego: "As letras están soportando unha lingua. Se a lingua non está vizosa e non ten esas mil primaveras máis das que falaba Cunqueiro... xa podemos escribir en galego e ter unha literatura estupenda".

Xela Arias é a quinta muller á que se lle dedica o Día das Letras Galegas desde que comezou todo en 1963 con Rosalía de Castro. Está claro que hai moito que reparar neste senso, motivo polo que xurdiu a iniciativa do Día das Galegas nas Letras, que impulsou o colectivo A Sega, e que xa estivo centrado na figura de Xela Arias en 2019. No programa tamén quixemos achegarnos á segunda muller que protagonizou esta celebración, a coruñesa Francisca Herrera Garrido

"Xela Arias quería escribir o que lle prestaba", afirma Montse Pena Presas

Poeta, tradutora, editora, profesora. Xela Arias (Sarria 1962 - Vigo 2003) foi unha muller adiantada ao seu tempo que marchou demasiado pronto. A súa maneira de mirar o mundo permanece na súa obra, que hoxe volve estar nas librarías e está a ser descuberta polas xeracións máis novas. Neste Retrocorenta falamos coa filóloga, profesora e crítica literaria Montse Pena Presas, que compuxo unha biografía literaria da autora homenaxeada neste Día das Letras Galegas de 2021. Intempestiva, publicado pola editorial Galaxia, achégase á autora a través de entrevistas coas persoas chave na súa vida.

"Creo que para ela escribir era unha verdadeira paixón e non lle daba tanta importancia ao 'que dirán os demais de min'. Ela quería escribir o que lle prestaba, seguir o camiño desas lecturas pero, sobre todo, desa música que a marcara. Non necesitaba os grupos. Como tamén se ve en que, por exemplo, sendo unha feminista declarada nunca militou en ningunha organización feminista, e o mesmo co nacionalismo", salienta Montse Pena Presas.

Lois Pereiro editou en vida dous libros, e despois do Día das Letras de 2011 publicáronse máis de trinta. Con Xosé Manuel Pereiro repasamos o que deu de si esta celebración e o que lle tería parecido a Lois. "Sería traizoar o espírito de Lois que só houbese conferencias sisudas sobre o tema. O sistema foi un pouco dar barra libre a toda canta iniciativa xurdira", lembra Pereiro.

"Sería traizoar o espírito de Lois que só houbese conferencias sisudas", di Xosé Manuel Pereiro

"Eu sempre dicía un pouco de coña que Lois era o homenaxeado do Día das Letras da saga 'Crepúsculo'. Porque iso aos rapaces, en principio, chegáballes. E despois, como era unha poesía por unha parte tráxica, pero tamén con trazos de humor como para que lles chegue", conta. 

O que está claro é que non deixa de sorprendernos porque a súa minuciosidade fixo posible que teñamos acceso agora a unha escolma dos seus diarios de viaxe. Cadernos persoais é o título do libro que vén de publicar Chan da Pólvora baixo a edición de Héctor Cajaraville. 

Neste Retrocorenta soan Ondas Martenot, Radio Océano, A Banda da Loba, Lou Reed e Laura LaMontagne & PicoAmperio

A música xoga un papel central nas vidas de Xela Arias e Lois Pereiro, por iso no podcast apostamos por escoitar aos grupos que lles renden homenaxe coas súas cancións. Ao longo do programa escoitamos a Ondas Martenot, o grupo creado para o ano Lois Pereiro, formado por Cristina Asenjo, O Leo Arremecághona, Antón Díaz, Fran Amil e Xosé Manuel Pereiro, que versionan en O amor vainos esnaquizar o mítico Love will tear us apart de Joy Division co poema Mala sorte de Pereiro e máis o Psycho killer de Talking Heads co poema Dandy, do libro Poesía última de amor e enfermidade

Escoitamos a canción Narcisismo, baseada nun poema de Lois Pereiro, de Radio Océano. Como tamén soa no programa Intempériome, do EP Hasme oír que A Banda da Loba editou este 2021 como tributo a Xela e, como non podía ser doutra forma, soa Lou Reed. Pois Xela Arias declarou nunha entrevista que se puidese reencarnarse en alguén sería Lour Reed en feminino. E pechamos este Retrocorenta, presentado por David Lombao e Ana G. Liste, cunha mostra do que Laura LaMontagne & PicoAmperio crearon para o Concerto das Letras, organizado polo Consello da Cultura, a partir da poética de Xela Arias. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.