Xela Arias, alén dos clixés

Retrato de Xela Arias feito por Xulio Gil © Xulio Gil

Unha illa entre illas. Unha singularidade entre singularidades. Así definen as distintas voces consultadas nesta reportaxe a figura literaria de Xela Arias. Nin antítese absoluta da xeración dos 80. Nin creadora situada totalmente á marxe do resto da poesía do seu tempo, senón conectada con varias outras sensibilidades, sobre todo de muller. É difícil, no Día das Letras, calibrar a intensidade das louvanzas. Situalas na medida xusta. Mais iso acontece sempre, con calquera dos autores e autoras homenaxeados. Só que en casos coma o de Arias, como o foi con Lois Pereiro, o atractivo da súa personalidade -a súa posición de independencia- poden facilmente conducir a unha redución a tópicos mediáticos. Porque a “subversión” e a “transgresión” tamén poden ser estereotipos que funcionan comercialmente. 

O problema é que a maior parte da poesía que se escribe é maioritariamente reaccionaria, reaccionaria por conformista”. Son palabras de Xela Arias, recollidas no volume De certo, a vida ía en serio (Chan da Pólvora), selección de textos da poeta realizada por María Xesús Nogueira. “O que hoxe se chama a xove poesía galega, na que necesariamente me sinto incluída, de mozos menores de 30 anos e aos que desde hai case tres ou catro se cualifica de “promesas literarias”, fai auga por varios puntos”, dicía Xela Arias nesta mesma conferencia, titulada Paixón de militancia e escuros estertores.

Era 1988 e a autora expresaba así un dos aspectos da súa posición no sistema literario que a crítica ten salientado máis: o seu carácter de outsider. Mais imaxes coma esta corren sempre o risco de caer no clixé e máis se a autora é unha das homenaxeadas no Día das Letras. Hai dimensións da poesía de Xela Arias que a afastan da súa xeración literaria -galega e non galega-. E outras que a achegan. Se é que falar de xeración ten algún sentido. Pois toda obra é singular. Toda sensibilidade é diferente. Aínda que ninguén parte, nunca, da nada. Dunha sorte de ermo absoluto. Polo que o novo, ou novísimo, dificilmente é tanto así.

Xela Arias © Xulio Gil

“Creo que Xela Arias foi diferente na súa inquietude por experimentar co código”, di Chus Nogueira

“Creo que Xela Arias foi diferente na súa inquietude por experimentar co código, que foi máis alá dun simple xogo esteticista e que procurou unha enunciación singular e unha voz que resultou sumamente orixinal, sobre todo no contexto galego. As escollas temáticas –a dimensión social, política– e a incorporación de motivos e escenarios urbanos resultou tamén innovadora na década dos oitenta. A isto engadiría tamén a escritura desde o corpo e unha progresiva presenza do xénero, nítida xa no seu último libro. Alén disto, a curiosidade pola creación interatística conferiulle tamén un trazo diferencial”, opina a crítica e profesora María Xesús Nogueira, autora de De certo, a vida ía en serio, da biografía Xela Arias, os territorios da liberdade (Xerais) ou da Poesía Reunida (1982-2004) da escritora.

“Xela Arias” -reflexiona, pola súa banda, en confluencia con María Xesús Nogueira, a poeta, xornalista e membro de número da Real Academia Galega Ana Romaní- “é autora dunha obra que se decanta na indagación, na esculca e na vertixe do poético. A da súa obra é unha procura audaz e moi persoal, o poema que se abisma para coñecer, para saber, e ao tempo o espazo de interacción, de interpelación, do diálogo que acentúan a dimensión colectiva que a cruza. Na miña lectura é unha poeta da procura que pescuda no fondo do poema co trade e unha poeta da procura do voo no salto. Intemperiada, seguindo o seu propio itinerario, cun código, o idioma, que subverte, esgaza, retorce e tensa e que colapsa inercias. Unha poética que leveda na experimentación e no inconformismo e soa así estraña e propia. Semella habitar unha soidade radical na súa experiencia literaria. Nesa soidade, forxa un espazo propio”.

A de Xela Arias foi, segundo Ana Romaní, “unha poética que leveda na experimentación e no inconformismo e soa así estraña e propia”

Mais, tendo en conta particularidades coma estas, pode resultar cuestionable converter a súa obra nunha especie de antítese total da chamada poesía das 80. Primeiro habería que aclarar que se entende por tal. E considerar a diversidade de voces dentro desta “xeración”. É a propia Ana Romaní, por exemplo, unha poeta dos 80? “O encadre de Xela Arias na xeración dos 80 resulta problemático pola propia caracterización desta, que a miúdo se limitou á tendencia dominante durante os primeiros anos: o culturalismo, o esteticismo, os temas clásicos... Non obstante, a súa escritura resulta máis afín a outras actitudes que se afastaron desa canonicidade. Lois Pereiro, Manuel Rivas ou Rompente, por exemplo”, indica María Xesús Nogueira.

Ana Romaní matiza, pola súa banda, sen entrar en contradición con Nogueira, que “a súa poética é moi persoal, afastada das liñas predominantes dos 80. Está nas aforas. Por máis que esta cuestión sexa complexa dabondo. Pero se entendemos por poesía dos 80 a que foi caracterizada por unha das liñas frecuentadas nos primeiros anos da década, a do culturalismo, o preciosismo, os temas clásicos, o coidado estético... pois claro, daquela, a poesía de Xela está moi distante deses parámetros. A súa obra non coincide con eses trazos, pero si coincide cos contradiscursos que tamén emerxen nos 80 e que se cadra ficaron máis velados. Porque nos 80 pasaron moitas cousas, foi un período moi vivo no que respecta a actividade artística fóra das canles convencionais”. 

 

O debate sobre a xeración dos 80

Nos 80, lembra Romaní, “pasaron moitas cousas, foi un período moi vivo no que respecta a actividade artística fóra das canles convencionais”

O escritor e crítico Xosé María Álvarez Cáccamo posicionouse publicamente en reiteradas ocasións sobre os estereotipos que, ao seu ver, marcaron a lectura crítica que ás veces se fai sobre a xeración dos 80 -da que é parte-. A de Xela Arias, asegura, non é a única voz singular no sentido de afastarse ou simplemente non achegarse “aos códigos da linguaxe xeracional inicial dunha serie de autores dos 80 que, nos libros da primeira metade da década, amosan unha certa homoxeneidade de visión e estilo. Ademais da de Xela, tampouco as obras de Manuel Vilanova, Alfonso Pexegueiro, Vítor Vaqueiro, Vicente Araguas, Claudio Rodríguez Fer, Pilar Pallarés, Lois Pereiro ou Xavier Rodríguez Barrio encaixan doadamente nos parámetros daquela poética grupal, que, como é habitual en todos os procesos evolutivos da literatura e da arte, foi perdendo consistencia de conxunto conforme cada poeta foi consolidando o seu propio código”. 

Mesmo así, engade Cáccamo, “un estudo panorámico da escrita poética dos 80 que superase a ollada reducionista dirixida a cuestionar permanentemente a aportación do considerado grupo canónico permitiría trazar o mapa das identidades xeracionais e de época, en cuxo interior a obra de Xela Arias ficaría conectada en diálogo coa de outros compañeiros e compañeiras do seu tempo. Habería que considerar, por exemplo, a proximidade da súa escrita á de Ana Romaní. En relación co pouso histórico que se pode albiscar na súa poesía, alén das liñas xerais procedentes da tradición do simbolismo, o hermetismo ou o surrealismo, creo que a linguaxe elíptica e quebrada de Xela, a singular utilización dos pronomes que estudou Chus Nogueira e mesmo a tensión emotiva do eu son notas que evidencian un parentesco próximo coa escrita de María Mariño. O uso da construción quebrada e elíptica que conecta con María Mariño e que, por outra parte, caracteriza tamén a poesía das vangardas históricas, constitúe unha marca de estilo a través da que a obra de Xela dialoga con algunhas poetas posteriores ao seu tempo”.

Mural en Sarria en homenaxe a Xela Arias, inaugurado co gallo do Día das Letras Galegas do 2021, dedicado á poeta © Concello de Sarria

O substrato vangardista, o hermetismo e o simbolismo son liñas de sentido que, segundo Pepe Cáccamo, ligan tamén a súa escrita con diferentes tendencias vixentes nese tempo” 

Mais, “como non podía ser doutro xeito” e malia a súa vontade de singularizarse, Xela Arias é na opinión de Cáccamo “unha poeta do seu tempo e comparte cos seus coetáneos e coetáneas aquel afán de procurar unha “nova habitabilidade da linguaxe” que caracteriza, segundo Arturo Casas, a liña central do cambio de rumbo producido nos 80. Casas reparou tamén na “demorada experiencia cognoscitiva” como unhas das claves daquelas poéticas. A de Xela foi, sen dúbida, unha densa experiencia indagatoria, entregada a un incesante proceso de reflexión arredor da identidade persoal, na liña de outros e outras poetas que, coma ela, se estrearon na década dos 80. O substrato vangardista, o hermetismo e o simbolismo son liñas de sentido que ligan tamén a súa escrita con diferentes tendencias vixentes nese tempo”. 


A relevancia da actitude vital

Nunha liña semellante, o tamén crítico e poeta dos 80 Román Raña subliña que “creo que a súa actitude de rebeldía, de diferenciación dos demais ou de automarxinación respondía ao seu carácter, á súa forma de ser. Era profundamente reservada e antigregaria, moi tímida”. Mais, observa, “contrariamente ao que manifesta no seu título Denuncia do equilibrio, a poesía de Xela non é desatada, vehemente (como a de Pizarnik ou a de Xohana Torres). Ao contrario, está suxeita ao rigor da razón, por iso é razoábel. Non creo, pois, que dialogue coas grandes poetas do XX (Anna Ajmátova, Sylvia Plath, Ingeborg Bachmann...). Creo, máis ben, que se encapsula na súa singularidade. Nese aspecto María Mariño sería a poeta coa que mostraría máis afinidade”, explica, manifestándose, así, de acordo con Cáccamo na súa comparación con María Mariño. 

Noutros aspectos, Raña ve porén unha “separación” con respecto aos poetas dos 80. “Os membros da miña xeración percorremos as letras universais con avidez e con paixón (desde Borges a Fernando Pessoa, desde Celan a Odisseas Elytis)”, sinala. Na súa opinión, Xela non participou tanto dese ancheamento. “Por iso” -asegura- “considerar que o seu lirismo é de vangarda, avanzado, supón un erro. Para ser vangardista hai que romper cunha tradición conscientemente. Ela ía por libre porque era así, libre, non porque quixese rachar o fío que une a poesía occidental até a irrupción das vangardas. De feito os recursos expresivos por ela empregados son mínimos e afectan á dislocación semántica, Intempériome, mais non ao tecido simbólico nin ao emprego das metáforas. Tampouco á súa musicalidade”. 

“O mundo de Lois Pereiro, da súa Contracultura, aínda que coincidente na actitude con Xela (o rock e as drogas), camiñan por vieiros diferentes”, polo que “a escrita de Xela achégase e alónxase, simultaneamente, das/os autoras/es que mencionei”, apunta. Raña sitúa, así, coma Cáccamo, a singularidade de Xela Arias -que non nega- entre outras singularidades. Unha illa entre illas, di. Rexeitando, tamén como Cáccamo, o adxectivo de “vangardista” para a súa poesía. E subliñando como unha actitude vital pode contribuír a crear unha determinada imaxe tanto como as opcións estéticas de cada creador ou creadora.

“Para ser vangardista”, di Román Raña, “hai que romper cunha tradición conscientemente. Ela ía por libre porque era así”

A profesora e crítica Montse Penas, autora de Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias (Galaxia) subliña tamén a individualidade literaria de Xela Arias -tantas veces declarada por ela mesma-, xunto ás voces ás que a crítica a achegou, porén, en distintos momentos: Ana Romaní, Pilar Pallarés ou Pilar Cribeiro, segundo Carmen Blanco; Chus Pato ou Camiño Noia, segundo Camiño Noia ou Ana Romaní, Cristal Méndez ou Helena de Carlos, segundo Marga Romero. Penas achega tamén, a través deste libro, unha imaxe dunha Xela Arias curiosa e aberta respecto da exploración da literatura universal, cunha biblioteca na que se atopan non só os múltiples títulos da literatura clásica que traduciu, senón moitas obras das letras latinoamericanas de distintos tempos, pasando por lecturas que puideron marcala de nova coma Baudelaire, Maiakovski ou Rimbaud ou por “poetas cos que dialogou dunha ou outra maneira, coma Blanca Varela, Fernando Pessoa, Juan Eduardo Cirlot, Leonard Cohen ou Kavafis”. 

Montse Pena deita unha imaxe dunha Xela Arias “curiosa e aberta respecto da exploración da literatura universal”

A tamén crítica Alba Cid propón pola súa banda en Xela Arias. Para ser de todo (La Voz de Galicia) unha “lectura máis complexa” tanto da xeración dos 80 como dos 90 que pode permitir encaixar mellor a escrita de Xela Arias. “Unha das lecturas habituais” -explica- “vén a subliñar a condición ponte de certas figuras dos 80, representada por aqueles autores e autores con propostas máis límpidas e comunicativas que as dos seus coetáneos (Manuel Rivas, Antón Lopo), ou máis ligadas a posicións resistentes ou á experimentación formal (Ana Romaní, Alfonso Pexegueiro ou Xela Arias)”. Así, o poemario Denuncia do equilibrio (1986), ademais de aposta polo diálogo intermedial ao levar deseños de Xosé Guillermo, sería segundo Alba Cid un percorrido urbano “guiado por imaxes de selo surrealista”, cun “enérxico uso da animalidade” e con confianza na “enumeración”, ligado á procura da rotura da linguaxe, á angustia existencial, aos sentimentos encontrados e ás violencias da propia cidade.

Xela Arias © Xulio Gil

No marco do diálogo interartístico -poesía de Xela Arias e fotografía de Xulio Gil- sitúase tamén Tigres coma cabalos (1990). Alba Cid explica con claridade as polémicas ás que deu lugar este libro. Pois, “malia a dimensión escultórica e medida dos corpos”, malia as notas preliminares e o contexto histórico -no que se presupón certa familiaridade coa imaxe de espidos- a recepción crítica acolleuno ou ben como novidade do sistema literario galego ou, nun sentido ben diferente, como libro erótico, interpretación que molestou moito á autora. Non pode negarse, porén, segundo Alba Cid, o poder desta obra para convocar un corpo que xa desde os 70 se convertera en símbolo de insurrección política. No plano poético, comenta, xúntanse poemas de amor, desamor, dependencias, relacións cos outros, animalidades e intuicións. 

De Darío a Diario (1996), a poeta Emma Pedreira salienta en Palabras á intemperie (Baía Edicións) que “canto precisamos as nais e as poetas desta desmaternización literaria, desta incontención dos desacougos e os acertos, canto de necesario ten aprendérmonos desde o literario que ser nais non é heroico (heroínico) senón que é algo natural e pode que ata vulgar”. Intempériome (2003) foi o último poemario de Xela Arias. Segundo explica María Xesús Nogueira en Xela Arias. Territorios da liberdade (Xerais), este poemario “semella levar ao extremo un código poético que a autora fora traballando ao longo dos anos e que agora intensifica con usos pronominais que producen estrañeza”. 

A denuncia do falso equilibrio social está presente, segundo Nogueira, desde o seu primeiro poemario

Ademais, segundo esta mesma autora, o libro, caracterizado pola “distorsión da sintaxe”, parece cumprir a obriga atribuída pola propia Xela Arias á poesía de “cuestionar a orde de cousas”, pois contrapón a desobediencia e a liberdade ao social e o establecido. Nogueira subliña tamén a dimensión social de Darío a diario no sentido de cuestionar as visións esencialistas das maternidade e de reivindicar a independencia e a liberdade. Aínda que, sinala Nogueira, a denuncia do falso equilibrio social está presente desde o seu primeiro poemario. E é máis, en Denuncia do equilibrio está, ao seu ver, unha renovación da temática da poesía do momento -ao optar polo urbano e o contemporáneo- ademais dunha experimentación coa linguaxe “levándoa até extremos inauditos”, desprendéndose das convencións gráficas, inserindo colocacións pronominais “insólitas”, creando neoloxismos ou usando imaxes “de resonancias vangardistas”. 

Como construír unha imaxe realista

Alén do debate posible sobre confluencias e diverxencias coa súa xeración, tamén resulta complexo dilucidar ata que punto é real o retrato social e institucionalmente construído sobre calquera creador ou creadora e máis no momento en que se lle adica o Día das Letras. O artigo sobre Xela Arias do Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega salienta a súa vocación “transgresora” como poeta. A Real Academia Galega, escribe o seu presidente, Víctor Freixanes, “elixiu unha muller nova” -a quinta muller en toda a historia do Día das Letras- “para unha Galicia nova: unha lingua consciente das súas raíces, mais debruzada no século XXI, nas novas formas de creación e expresión, novas linguaxes, novas experiencias, representativa dun momento extraordinariamente creativo na cultura de finais dese século: a música, as artes plásticas, a produción audiovisual, a industria editorial…”. 

Unha busca simple por internet permite identificar a caracterización hexemónica de Xela Arias como poeta rebelde, incómoda, moderna, innovadora, transgresora, insubmisa, vangardista, disidente...

Unha busca simple por internet permite identificar a caracterización hexemónica de Xela Arias como poeta rebelde, incómoda, moderna, innovadora, transgresora, insubmisa, vangardista, disidente… A Universidade de Santiago celebrou un acto de homenaxe no que o director do departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás, a definiu como “unha muller transgresora e comprometida, insubmisa e desconforme, radicalmente independente e sobre todo esmagadoramente honesta”. 

O escritor Suso de Toro publicou no seu perfil público de autor un post no que, sobre o fondo do vello debate sobre como debe celebrarse o Día das Letras, subliñou que, ao falecer tan nova, Xela Arias non puidera desenvolver unha evolución da súa obra paralela ás distintas fases da súa vida nin pensar como debía ser lida, actuando en consecuencia. Falaba, neste texto, de “mitificación” da poeta e dunha imaxe creada para seducir a xente nova, ademais de supoñer que seguramente a Academia escollera a súa figura por ser, precisamente, unha poeta nova con imaxe transgresora e moderna. 

O modelo de celebración do Día das Letras ideado por Fernández del Riego, engadía -xa desligando a súa reflexión de calquera autor ou autora en concreto- entraña o perigo de exaltar obras literarias sen o mérito científico ou artístico suficiente, promovendo un xogo sen significado real que se reduce ao consumo mediático por unhas semanas. E, poderiamos engadir da nosa colleita, ao aumento da recadación en medios que tenden a desatender as letras galegas o resto do ano ou á proliferación de produtos editoriais de calidade non sempre contrastada. 

Xela Arias a traballar na máquina de escribir, foto de Cameselle, Faro de Vigo © Cameselle, Faro de Vigo

A mitificación das figuras do Día das Letras

Non é desde logo, e xa independentemente das palabras de Suso de Toro, a primeira vez que este tipo de argumentos se formulan cadrando co 17 de maio. Mais, alén de que a mitificación da figura homenaxeada -o ditirambo- adoita acompañar cada unha das celebracións do Día das Letras -convertendo a xornada nunha ocasión para a necesaria e pertinente divulgación nos centros educativos máis que para un debate de certa profundidade- quizais certos perfís sexan, por distintos motivos, máis doados de cuestionar que outros. Alén da certa contradición que pode supoñer estar a demandar Días das Letras máis vivos e socialmente participados e ao tempo poñer en dúbida as figuras que poden, en efecto, resultar socialmente máis atractivas. 

Mais no caso de Xela Arias, ademais, o feito de ser muller afectou, xa en vida dela, ao xeito en que a súa obra foi lida. Nunha entrevista con Sermos Galiza, o seu fillo, Darío Gil Arias, lembraba como nalgunha ocasión se referiran a ela despectivamente como “poetiña de Vigo”, aínda que opinaba que o seu traballo como editora fora disipando este tipo de prexuízos -de compoñente, sen dúbida, patriarcal-. Tampouco é difícil facer unha lectura de xénero das interpretacións que o seu Tigres coma cabalos recibiu como libro “erótico”. Polo que, cabe preguntarse, se cadra non convén nin a mitificación a posteriori nin o silencio ante este tipo de ataques en vida das despois tan -xusta ou inxustamente- laureadas. Nunha entrevista con Manuel Rivas, feita en 1990, a propia poeta rebelábase contra a frase “e agora necesitamos unha chica moderna que escriba en galego”, afirmando que se “rebotara” contra iso, chegando a ter “follóns” pola súa resposta.

Nunha entrevista con Manuel Rivas, feita en 1990, a propia poeta rebelábase contra a frase “e agora necesitamos unha chica moderna que escriba en galego”

No manifesto preparado pola plataforma de crítica literaria feminista A Sega cando lle dedicaron a Xela Arias o Día das Galegas nas Letras, no 2019, podía lerse: “Non é tempo de pararse a mirar. Nun mundo do que sempre se sentiu parte activa, dende o coidado e a ollada atenta, sensible á imaxe que fixeron dela, rebelde contra a estampa sexualizada do gusto de señores que dan títulos de poeta nova, ela fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario. Retorceu as palabras, escachounas. E no seu xesto inconmensurable aliméntanos cos anacos para converternos nós tamén en escachadoras, para espallar a súa rebeldía e talento incomparable, como espallamos a partir de hoxe o seu nome que tamén é noso: Xela Arias”. 

Seguramente e, dadas as circunstancias, un proceso de canonización oficial podería ter incomodado á propia Xela Arias

Seguramente e, dadas as circunstancias, un proceso de canonización oficial podería ter incomodado á propia Xela Arias. Mais, como matiza Ana Romaní, “non sei se o que se opera coas Letras é un proceso de canonización”. En todo caso, engade, “é moi importante escoitar o que din as poetas cando están vivas, atender e tentar entender o que expresan as súas accións. Xela Arias nas entrevistas e nos textos é moi crítica coas catalogacións, subtráese a eses mecanismos. Na súa obra hai poemas especialmente relevantes, como o poema dedicado a Rosalía de Castro, no que alerta da reclusión na ollada doutros, do risco de deturpación. O desafío está aí. “Todo está na poesía. Se se le vese”, di Xela Arias. A cuestión é a lectura da súa obra. E si, na súa obra está a experimentación e a disidencia e tamén está a poesía como indagación, como proceso de coñecer, de saber, e moitas máis cuestións para lecturas que están pendentes”.

As dinámicas mediáticas

Respecto ao achegamento mediático, puideron operar dinámicas semellantes ás producidas no caso de Lois Pereiro. Outra figura potencialmente “atractiva” para a mocidade e presentada dun xeito moi semellante á de Xela Arias, desde o campo semántico da “subversión” da norma. “Tendemos a uniformar, a homoxeneizar pola vía da figura literaria, do personaxe -tal como demanda o sistema e o mercado- e por aí fortalécese o estereotipo e pérdense os signos que singularizan, bórranse os matices da obra. No caso de Xela Arias, coas limitacións do tempo e das circunstancias do ano das Letras, esa lectura en detalle da obra está por chegar”, comenta Ana Romaní. 

Respecto ao achegamento mediático, puideron operar dinámicas semellantes ás producidas no caso de Lois Pereiro

En confluencia con ela, María Xesús Nogueira indica que “o paralelismo con Lois Pereiro ten, na miña opinión, o perigo da homoxeneización nun estereotipo e a ocultación das singularidades dun e doutra. Na imaxe que estamos a crear falta, ao meu entender, perspectiva. Unha, porque se está a facer no contexto dunha homenaxe, as Letras. E outra, pola premura e, sobre todo, pola falta de distancia temporal. As achegas que se están a facer non deixan de ser de emerxencia e, en boa medida, de circunstancias. Para interpretacións máis complexas son necesarios ao meu ver dous factores: o pouso do tempo e a lectura duns textos que a construción dun personaxe non pode ocultar”. 

Imaxe tirada do libro de Xela Arias 'Tigres coma cabalos' © Xulio Gil

Nese sentido, sinala Nogueira, “(re)ler as súas palabras, tanto a poesía como as entrevistas e comentarios autopoéticos, alértanos sobre a súa resistencia a ser etiquetada –“fuxo literariamente de grupos de seitas”– e dános pistas tamén sobre as deformacións que percibía na recepción da súa obra, e da súa figura: as lecturas “voluptuosas” de Tigres coma cabalos ou a súa consideración como muller escritora. Por outra banda, o poema “A de quen comprende...”, cuxo contexto é precisamente a homenaxe, tamén nos advirte, a propósito da canonización de Rosalía, dos riscos que esta supón: “Nada novo, inmaculada Rosalía. / Tal sempre mulleres confinadas na construción / doutros!”. 


O aspecto positivo da institucionalización

O crítico Ramón Nicolás concorda en que “máis dunha voz alertaba dese proceso de “inmaculación” á que se someteu a súa figura. Eu estou de acordo. Máis cando Xela Arias foi sempre unha persoa discreta. E sorprenderíase, con certeza, máis aínda ao verse como o núcleo dun proceso de institucionalización cultural. Con todo, cómpre quedar co positivo deste proceso, isto é, púxose a ollada sobre unha obra literaria que se espallou con intensidade, divulgouse unha figura que dialoga cos nosos tempos e sentiuse que o Día das Letras focalizaba unha figura próxima e intensa. Houbo, e hai, en todo isto algo de “xustiza poética” porque é evidente que a súa obra poética non se entendeu como talvez se debería. Non hai máis que analizar a recepción, por exemplo, de Tigres coma cabalos no seu día”.

Houbo, e hai, segundo Ramón Nicolás, algo de “xustiza poética” porque “é evidente que a súa obra poética non se entendeu como talvez se debería”

Mais, alén das imaxes máis ou menos simples, Ramón Nicolás sinala que o perfil da poeta podería completarse sinalando “dous aspectos que, se cadra pola urxencia en que tiveron que compoñerse distintas biografías -as máis delas de gran nivel- e polas dificultades para elaboralas pola pandemia, son relevantes. Un deles é a súa faceta como docente na que, ao meu ver, habería que deseñar cal era a súa visión da educación, á que chegou moi ilusionada e con ganas de facer moitas cousas, mesmo con intención de aplicar unha visión transversal do ensino que podo testemuñar en función de varias conversas con ela como compañeira de traballo no IES Valadares”. 

Por outro lado, engade Ramón Nicolás, “pór en valor esoutra faceta creativa que está depositada no exercicios en prosa conservados: dos relatos da súa infancia, de adolescencia ou madurez como o seu relato en Contos eróticos. Elas ou esa pequena alfaia que é Non te amola! Textos que dialogan ás veces, e outras non, coa súa poesía e resultaría interesante analizar as razóns destas dinámicas”. Unha poesía que, subliña, foi marcada por influencias que confesou xa desde moi nova, coma Oroza a Baudelaire. “Desde Denuncia do equilibrio optou por un camiño que se podería entender, ás veces, como críptico pola tensión que opera na linguaxe e na escolla de imaxes en ocasións de filiación surrealista mais sempre perseverou nesas querenza fóra de Darío a diario, ditado por outras circunstancias”, conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.