Sostén o músico Eloi Caldeiro, fundador do emblemático grupo Brath, que nas letras galegas en concreto e na cultura de Galicia en xeral sería posible falar dunha Xeración Rock. Ao seu xuízo, ben se podería agrupar baixo esta denominación a creadoras e creadores que, nados nas décadas dos 50 e 60 do século pasado, escribiron, compuxeron, pintaron ou cantaron coa influencia de bandas como os Rolling Stones, Pink Floyd, The Who ou Deep Purple, entre outros.
Esa reflexión compartiuna Caldeiro con Xela Arias, autora homenaxeada neste 2021 co Día das Letras Galegas e cuxa vida e obra está intimamente ligada a estas músicas. Estas liñas quere Caldeiro que conflúan no seu novo libro-disco, O equilibrio dos tigres, nos que o músico sarriao musica dez poemas de Xela Arias.
O traballo, editado por Sons Galiza, inclúe un texto no que Lois Arias, irmán da poeta, detalla como a relación de Xela Arias coa música foi "constante, con letras e actividades conxuntas" no seu traballo literario, pero tamén na súa vida diaria. "Non é posible lembrar a Xela sen música, en compaña permanente do radio-casete, do xira-discos, dos primeiros Walkman, das cintas do coche", evoca.
""Non é posible lembrar a Xela sen música"
Lembra tamén Lois Arias no traballo de Eloi Caldeiro que a súa irmá "experimentou diferentes proxectos para combinar música e poemas". "Non andaba en facer letras ou musicar", senón que "traballaba a performance, a experiencia conxunta da poesía e a música no directo, en persoa".
Algo de todo isto reflícteo tamén Eloi Caldeiro n'O equilibrio dos tigres. O músico preséntao, tamén, como a cuarta entrega dos seus traballos dedicados a autores e autoras homenaxeados co Día das Letras. Antes foran María Mariño, Xosé María Álvarez Blázquez e Ramón Piñeiro. Esta obra, detallan dende Sons Galiza, sérvelle tamén para "retomar un camiño", o do rock, que "comezara na década dos 70 e que continuara cun segundo disco", Estado de shock.
Xunto ao rock, tamén o blues ou o pop teñen oco neste traballo. Dez poemas que, sinala o artista, queren tamén ser unha mostra "clara" da obra de Xela Arias.