Dende este luns pode verse na rede o primeiro capítulo da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, que ao longo de seis entregas de dez minutos percorrerá a vida e obra da homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano 2021. Trátase dunha iniciativa da Real Academia Galega que conta cun guion realizado pola xornalista María Yáñez, directora de Vinte, e a produción de Miramemira.
O primeiro capítulo está centrado nas raíces da homenaxeada e relata os seus primeiros anos de vida, os transcorridos entre a Sarria natal, a cidade de Lugo e o Vigo que a acolleu a partir dos 7 anos
O primeiro capítulo está centrado nas raíces da homenaxeada e relata os seus primeiros anos de vida, os transcorridos entre a Sarria natal, a cidade de Lugo e o Vigo que a acolleu a partir dos 7 anos. Durante mes e medio todos os martes publicarase unha nova entrega, que se pode ver en Youtube e na propia web da Academia.
A serie afonda nos ambientes que condicionaron a ollada e a escrita de Xela Arias –en especial o urbano próximo á Movida dos 80– e nas súas distintas facetas, non só como escritora transgresora e en constante diálogo con outras artes, senón tamén como unha das primeiras profesionais do mundo da edición e da tradución nunha incipiente industria editorial que tiña como misión normalizar a lingua galega e fixar a normativa.
Monteagudo sinalou o audiovisual como un medio propicio para “comunicar a vitalidade e a forza que Xela Arias despregou tanto na literatura como ao longo da súa vida”, e tamén para “chegar ás xeracións máis novas, ás que a figura e a obra da autora interpelan dunha maneira máis potente e directa”
Xela Arias. A palabra esgazada foi presentada este luns na sede da Academia, nun acto no que interviron o presidente en funcións da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o fillo de Xela Arias, Darío Gil Arias; a académica Marilar Aleixandre e mais María Yáñez. Ademais, asistiron a nai da homenaxeada, Amparo Castaño, e mais o seu irmán Lois Arias.
Monteagudo sinalou o audiovisual como un medio especialmente propicio para “comunicar a vitalidade e a forza que Xela Arias despregou tanto na literatura como ao longo da súa vida”, e tamén para “chegar ás xeracións máis novas, ás que a figura e a obra da autora interpelan dunha maneira máis potente e directa”. Marilar Aleixandre destacou que o Ano Xela Arias está a demostrar que “o valor innovador da súa voz poética ten moitas posibilidades de dialogar coa xente nova”.
"Tanto a súa vida como a súa literatura son rompedoras, esgazan os clixés establecidos. Por iso quixemos que fragmentos de poemas, declaracións súas e outros escritos que deixou nos guiasen dalgún xeito na narración"
Pola súa banda, María Yáñez salientou que a serie "transmite a forza que tivo e ten" a súa protagonista “polas decisións que tomou na súa vida e por como a lembran os seus achegados, cunhas ganas de vivir a vida intensamente e un inconformismo co mundo e co sistema que a rodea”, expón a guionista. “Todo iso é relevante na medida en que axuda a entender a súa obra. Tanto a súa vida como a súa literatura son rompedoras, esgazan os clixés establecidos. Por iso quixemos que fragmentos de poemas, declaracións súas e outros escritos que deixou nos guiasen dalgún xeito na narración”, dixo.
A RAG realizou tamén a serie de microespazos audiovisuais Xela Arias. Onde canta a poeta, homenaxe colectiva que comparte testemuños de quen coñeceron a autora xunto a novas olladas e recitados dos seus escritos de académicos e académicas
A serie conta coa participación de familiares e amizades de Xela Arias, comezando pola súa nai, Amparo Castaño, o seu irmán Lois Arias, o seu fillo, Darío Gil Arias, a súa exparella, Xulio Gil; artistas e escritoras e escritores coetáneos como o músico Fernando Abreu ou a poeta e académica Ana Romaní; compañeiros de Xerais como Xulián Maure, Víctor F. Freixanes, Celia Torres e Manuel Bragado; e profesionais da tradución como Xavier Senín e Tamara Andrés. Tamén aparecen outras voces novas como as de Berta Dávila, Arancha Nogueira, Alba Cid, Silvia Penas ou Marcela e Andrea Porto, da Banda da Loba.
Ademais a RAG programará cada día, de mércores a luns e ata o vindeiro 16 de maio, a serie de microespazos audiovisuais Xela Arias. Onde canta a poeta, homenaxe colectiva que comparte testemuños de quen coñeceron a autora xunto a novas olladas e recitados dos seus escritos de académicos e académicas, persoeiros do mundo da cultura, mozos e mozas e cidadáns e cidadás de distintos perfís profesionais. Os primeiros vídeos corresponden a Víctor Freixanes, Darío Gil Arias (fillo de Xela) e a crítica María Xesús Nogueira.