Xela Arias convértese na quinta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas nos 58 anos desta celebración
Xela Arias será a autora homenaxeada na edición 2021 do Día das Letras Galegas. Así o decidiu este martes o pleno da Real Academia Galega, que destaca á poeta sarriá como "unha voz singular da xeración que anovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma", subliñando ademais "o seu labor pioneiro na tradución ao galego de clásicos universais e como editora". Xela Arias convértese na quinta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas nos 58 anos desta celebración, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007) e María Victoria Moreno (2018).
Arias será homenaxeada nun ano 2021 que seguirá aínda marcado pola pandemia de Covid-19
Arias será homenaxeada nun ano 2021 que seguirá aínda marcado pola pandemia de Covid-19, cando menos nos seus primeiros seis meses e polas restricións obrigadas pola enfermidade. A propia Academia recoñeceu o pasado 12 de decembro, no marco do pleno das Letras dedicado a Carvalho Calero, que o 2021 será "tamén un ano difícil". As celebracións estarán, así mesmo, condicionadas polo axustado dos tempos, xa que habitualmente o autor ou autora escollida é designada en xuño, cun prazo máis amplo para preparar actividades e publicacións. Todas estas circunstancias poden obrigar a trasladar á segunda metade do ano boa parte dos proxectos e eventos ao redor da poeta homenaxeada.
"Por idade, Xela Arias formou parte dun grupo de poetas que tamén recibirán a homenaxe a través dela: o dos mozos e mozas que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma", destaca a RAG
A Academia galega cualifica a Xela Arias como "unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea", autora "dunha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida". Destaca que "por idade, Xela Arias formou parte dun grupo de poetas que tamén recibirán a homenaxe da RAG a través dela: o dos mozos e mozas que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma". Porén, engade que "a dela é unha desas voces singulares e inclasificables, de tal maneira que —en palabras de Ana Romaní— o seu é un nome que se pronuncia sen xeración".
"A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura, son algúns dos trazos destacados da súa voz como creadora, que anticipou nos anos 80 do século pasado moitos temas e características formais da poesía galega da década seguinte", engade a Academia.
Entre as súas obras destacan os poemarios Denuncia do equilibrio (1986), Lili sen pistolas (1986, obra inédita), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003), recollidos o pasado ano no volume Poesía reunida (Xerais), editado por Chus Nogueira. “Oxalá esta 'Poesía reunida' contribúa ao recoñecemento e, sobre todo, á difusión da súa obra con independencia de que un día sexa a figura homenaxeada das nosas Letras”, sinalaba Nogueira no momento da publicación.
Chus Nogueira destaca que "Xela Arias constituíu un modelo para novas escritoras e escritores", subliñando o peso crecente que a súa figura e obras ten nas novas xeracións
Nogueira incidía tamén en que "Xela Arias constituíu un modelo para novas escritoras e escritores", subliñando o peso crecente que a súa figura e obras ten nas novas xeracións. A homenaxe deste xoves unirase a outras que foi recibindo, entre as que destaca a impulsada pola Asociación Galega de Editores, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, así coma a publicación do libro colectivo 'Xela Arias, quedas en nós', coordinado polo pai da poeta, Valentín Arias.
En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, volume no que os versos e a fotografía se fusionan a través de vinte e catro poemas acompañados doutras tantas imaxes, a maioría de corpos espidos, entre eles o da propia autora. Sobre este volume Chus Nogueira salienta que “a poesía galega non estaba preparada para recibir un libro como Tigres coma cabalos nin para interpretalo baixo outra clave que non fose o modelo da poesía erótica”. No seu terceiro poemario, Darío a diario (1996), dedicado ao seu fillo, abordou a maternidade dende unha ollada afastada do tratamento tradicional. En 2003 chegou o seu derradeiro libro, Intempériome, un chanzo máis na súa exploración para converter a desobediencia e a transgresión en palabra poética.
A RAG recoñece igualmente o seu traballo como tradutora, a través do que obtivo varios recoñecementos. En 2018 a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación creou o Premio Xela Arias, que recoñece o seu labor neste campo
A RAG recoñece igualmente o seu traballo como tradutora. Entre outros títulos, verteu ao galego dende o inglés, o italiano, o portugués ou o castelán autores e autoras como Bram Stoker (Drácula), Roald Dahl (As bruxas), Angela Carter (Venus negra), Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Carlos Oroza (Caballum) ou Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor). A súa tradución de Amor de Perdición (1986) de Camilo Castelo Branco foi merecente do Premio de Traduçao da Língua Portuguesa; o seu O derradeiro dos mohicanos (1993) de James Fenimore Cooper foi recoñecido co Premio Ramón Cabanillas de Tradución; e foi galardoada postumamente co Premio de Tradución Plácido Castro (2004) por O Spleen de París de Charles Baudelaire. En 2018 a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación creou o Premio Xela Arias, que recoñece o seu labor neste campo.
Ademais, a elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora. Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas (coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige) e tomou sempre posición a favor da lingua galega. Así mesmo, traballou en Edicións Xerais entre 1980 e 1996. Igualmente, traballou como mestra no ensino secundario. En novembro do ano 2003 Xela Arias finou dun ataque ao corazón en Vigo, con só 41 anos de idade
En 2019 a plataforma literaria A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras, nunha celebración que incluíu varios actos en Vigo, entre eles un percorrido imaxinario pola súa vida a cargo de Susana Aríns. A Sega fixo un convite aberto para que quen o desexase enviase un vídeo, dun minuto como máximo, recitando algún dos poemas de Xela Arias "para (re)descubrila e (re)coñecela". Foron varias as autoras que o fixeron e na web da plataforma de crítica poden verse as achegas de Eli Ríos, Vanessa Glemsel, Víctor Pérez, Emma Fernández Nogueira, Arancha Nogueira, Emma Pedreira, Beatriz Maceda ou Mónica do Piñeiro.
"Xela é, foi e será, unha desas voces poderosas, xenuínas e indiscutíbeis da mellor poesía galega dos últimos trinta anos", di Rosa Enríquez
Tamén Rosa Enríquez fixo un achegamento á súa figura, destacando que "Xela é, foi e será, unha desas voces poderosas, xenuínas e indiscutíbeis da mellor poesía galega dos últimos trinta anos". "Con esta capacidade de se deixar envolver polo descoñecido e aceptar perderse, Xela conseguiu a excelencia expresiva para denunciar o equilibrio, a orde social que esmaga a xente cada día. Fíxoo co mellor da frescura dunha adolescente e do coñecemento adulto de quen se atreve reflexionar por si mesma, sen obviar o instinto, a intuición e certa inxenuidade", sinala Enríquez.
Ana Isabel Boullón Agrelo, académica de número
No pleno celebrado este martes tamén se elixiu académica de número a Ana Isabel Boullón Agrelo, que ocupará a cadeira que ficou baleira polo pasamento de Xosé Luís Franco Grande. A profesora do departamento de Filoloxía Galega da USC, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, é unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía.