Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). Son as tres únicas autoras homenaxeadas nos 55 anos de historia do Día das Letras Galegas. Nas vindeiras semanas a Real Academia Galega escollerá o autor ou autora a quen dedicará a edición 2018 das Letras e vén de comezar unha campaña que solicita que a homenaxeada sexa unha muller. O colectivo Polo Correo do Vento impulsa a iniciativa, que busca "denunciar a inxustiza histórica do papel da muller na cultura e nos demais ámbitos da sociedade" e "dar a coñecer a mulleres que escribiron en lingua galega ou traballaron na defensa do idioma".
A iniciativa busca "denunciar a inxustiza histórica do papel da muller na cultura e nos demais ámbitos da sociedade" e "dar a coñecer a mulleres que escribiron en lingua galega ou traballaron na defensa do idioma"
De momento xa se dirixiu a algún concello, coma o de Pontevedra, e nos vindeiros días dirixirá a proposta aos centros de ensino da provincia pontevedresa. Búscase que o alumnado destes colexios e instituto lle remita a un dos académicos ou académicas da RAG cartas (pódese descargar aquí o modelo) demandando o recoñecemento para unha autora galega, unha campaña que se podería estender a outras institucións, entidades e colectivos sociais e igualmente a persoas a título individual, para que tamén se dirixan á Academia.
A campaña busca tamén a mobilización nas redes sociais, empregando etiqueta #Proponunhamuller, e outras como #nonhaiescusa, #Xavaisendohoraunhamullerparao18, #Sonmoitasasmulleresepoucasasnomeadas, #esteanosi, #Temosmoitasescritorasedecalidade ou #proponunhamullerparao18.
Polo Correo do Vento fai unha primeira proposta de dez autoras que poderían ser merecedoras do recoñecemento, sinalando que na campaña se poderían engadir todas as que as persoas participantes queiran. As dez autoras propostas inicialmente son: Avelina Valladares, Belén Feliú, Clara Corral Aller, Filomena Dato, Luísa Villalta, María Tobío, Mª Victoria Moreno, Pura Vázquez, Xela Arias e Xosefa Iglesias Vilarelle.
Unha reivindicación crecente
Nos últimos anos vénse reclamando cada vez con máis insistencia a necesidade de que máis mulleres sexan recoñecidas, compensando o rechamante déficit das últimas décadas. Xela Arias estivo entre os nomes votados para as celebracións do Día das Letras do 2015 e do 2016, pero non foi escollida. Dende o 2014 a plataforma de crítica literaria A Sega impulsa o Día das Galegas nas Letras para reivindicar o papel literario das mulleres do país fronte ás celebracións do 17 de maio, homenaxeando a Dorothé Schubart, María Victoria Moreno e María Xosé Queizán
En paralelo, un movemento semellante veu demandando unha maior presenza de mulleres na propia Real Academia Galega. En 2011 o manifesto O xogo das cadeiras reclamou a incorporación de máis académicas, unha petición que -de vagar- se vai cumprindo. Entre un total de 30 postos, Fina Casalderrey foi a quinta muller (2013), Marilar Aleixandre é a sexta (2016) e Chus Pato será a sétima ao longo deste 2017.