A Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña acolleu este martes un debate ao redor do Día das Letras, centrado en reflexionar sobre as visións alternativas existentes ou posibles ao fío desta celebración. Se habitualmente ao 17 de maio -ou aos actos organizados por certas entidades- se lle critica unha certa ritualización, a polémica que este ano espertou a designación de Filgueira Valverde coma homenaxeado por parte da Real Academia semella ter estimulado o debate sobre a forma en que debe ser conmemorado este día e sobre se o contido proposto pola RAG debe seguir mantendo un papel protagonista ou debe coexistir con outras homenaxes e formas de celebración.
A necesidade de dotar de maior contido social ou cívico ao 17 de maio tamén centrou boa parte das intervencións neste encontro, organizado pola A Comisión de Normalización Lingüística, moderado por Suso de Toro, e no que participaron Ánxela Lema (Plataforma de crítica literaria A Sega), Moncho do Orzán (Ora Galega, comité pro centenario das Irmandades da Fala), Marcos Maceira (Mesa pola Normalización Lingüística) e Nel Vidal (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua).
De Toro sinalou o paradoxo de que Galicia conte cun "ecosistema cultural fecundo" pero que as celebracións do 17 de maio resulten "ermas"
Na súa presentación, Suso de Toro aludiu a un texto publicado por el mesmo en La Voz de Galicia hai ao redor de 25 anos, titulado "Día das Letras zombies" no que reflexionaba sobre a inutilidade dunha conmemoración centrada na "beatificación" dun autor se esta non tiña un forte "apoio social" e se transformaba nun "acto cívico potente", como pode suceder en Catalunya co Sant Jordi. O escritor ligou a mesma interpretación que AP fixo da autonomía en Galicia coa "utilidade política" que este mesmo poder fixo da celebración do Día das Letras a partir dos anos 80. De Toro sinalou o paradoxo de que Galicia conte cun "ecosistema cultural fecundo" pero que as celebracións do 17 de maio resulten "ermas". E instou a traballar na construción "dun motivo" que sirva de aglutinador de todas esas iniciativas, un "motivo seguramente non creado dende a RAG, senón dende os creadores: escritoras, cineastas, músicos...".
Lema lembrou que nas 52 edicións das Letras Galegas tan só tres mulleres foron escollidas pola Real Academia Galega. "Non cremos en nada que non crea en nós", destacou.
Ánxela Lema, da Plataforma de crítica literaria A Sega, destacou o exemplo de celebración alternativa que o colectivo comezou a realizar o pasado ano, centrando as súas homenaxes nunha autora (Dorothè Schubarth o pasado ano e María Victoria Moreno nesta ocasión), difundindo e visibilizando a súa obra e figura, e celebrándoa a través dunha festa popular, "un traballo que non fai a RAG". Lema lembrou que nas 52 edicións das Letras Galegas tan só tres mulleres foron escollidas pola Real Academia Galega. "Non cremos en nada que non crea en nós", destacou, ao tempo que se preguntou se Luísa Villalta ou Xela Arias "non fixeran abondo" pola cultura galega.
Ánxela Lema apostou por seguir afondando nestas "prácticas alternativas" das Letras Galegas, que axuden a "fomentar a reflexión" e se realicen de forma "popular", como unha "festa da cultura". E, de igual xeito que no propio manifesto da Sega se destaca que "hai quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e quen non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura e de país", Lema aposta por "facer": "Se non se fai, facémolo nós", destacou.
De igual xeito, Moncho do Orzán, representante de Ora Galega e do Comité pro centenario das Irmandades da Fala, detallou o traballo que están levando a cabo para, ao longo de 2016, se conmemore o centenario da creación das Irmandades da Fala. Un exemplo de celebración cívica, social, que terá a súa mostra máis inmediata o vindeiro 31 de maio en Vigo coa organización dunha andaina e carreira popular. Moncho do Orzán apostou por lembrar o labor desenvolvido polas propias Irmandades da Fala de "dignificación" e "prestixiación" da cultura galega e aplicalo na actualidade, sinalando que "se hai cen anos tiñamos un analfabetismo, hoxe temos outro, que é ter en moitos casos unicamente referentes alleos e non coñecer os próximos".
Moncho do Orzán apostou por reforzar ese labor realizado dende a cultura de base: "Levamos moitos anos nos que con moi pouco facemos moito"
Moncho do Orzán apostou por reforzar ese labor realizado dende a cultura de base: "Levamos moitos anos nos que con moi pouco facemos moito". E, ao tempo que apostou por impulsar en Galicia unha entidade semellante ao Òmnium Cultural catalán, "axustado á nosa realidade", alertou de que "o galego pasou de relacionarse coa aldea a relacionarse co nacionalismo". "E temos que loitar contra esa identificación que fomenta o propio presidente da Xunta nas súas declaracións", dixo.
"As portadas están en galego pero non o contido interior, todo aparencia e todo liturxia que non se corresponde con nada do que se fai o resto do ano", sinalou Marcos Maceira
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, lembrou que a entidade rexeitou dende o inicio a escolla de Filgueira Valverde como homenaxeado, porque as "convicións democráticas teñen que estar reflectidas". Alén desta designación Maceira amosouse crítico coa forma en que habitualmente se celebra o 17 de maio "dende a oficialidade", sinalando que a tradicional práctica da maior parte dos xornais impresos de presentar ese día as súas portadas en galego, é "unha perfecta representación de como se conmemora esta data". "As portadas están en galego pero non o contido interior, todo aparencia e todo liturxia que non se corresponde con nada do que se fai o resto do ano", sinalou. Maceira estendeu esta consideración de "liturxia" á distribución de bolsas da compra nos supermercados coa imaxe do homenaxeado, á impresión desta en bricks de leite ou á publicación da publicidade institucional da Xunta.
"Fronte á oficialidade hai unha sociedade civil organizada que si celebra o Día das Letras"
Porén, sinalou, "fronte á oficialidade hai unha sociedade civil organizada que si celebra o Día das Letras, hai un Día das Letras vivo porque hai unha sociedade organizada e activa detrás". E destacou, por exemplo, o labor que en moitas cidades e vilas realizan ducias de librarías que ese día sacan os libros en galego ás rúas, "esa xa é unha celebración alternativa, é unha rede de apoio á cultura que existe todo o ano. Iso é positivo e debemos fomentalo", salientou.
Pola súa banda, Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, puxo como exemplo de celebración das Letras a campaña Que se vexa!, que leva a cabo a entidade, que aposta por "visibilizar a lingua en todos os ámbitos e a dar unha imaxe máis moderna e atractiva do noso idioma". Vidal considera positivo e necesario que exista un día oficial dedicado á cultura e lingua galegas, que ademais permite que na conmemoración participen centos de entidades, entre administracións públicas e actores privados, pero animou a sacar a celebración do seu actual "ritualismo" e de lembrar que "lingua son tamén as letras das cancións, os textos dos videoxogos ou os rótulos das pizzarías". Apostou por unha celebración do 17 de maio máis centrada "na lingua"e ofrecendo unha visión do idioma "moderno, con cor e con vida".
Nel Vidal apostou por unha celebración do 17 de maio máis centrada "na lingua"e ofrecendo unha visión do idioma "moderno, con cor e con vida"
O debate tivo tamén achegas dende o público, como unha intervención que recomendou establecer "un pacto de non agresión" entre as entidades culturais galegas, sinalando que "non deberíamos opoñernos a unha celebración existente". Tamén apostou por aproveitar os referentes sociais que en cada momento existan e que permitan promocionar o galego, como cando Fernando Vázquez era adestrador do Deportivo, e por "aproveitar complicidades empresariais ou doutro tipo para chegar a novos eidos sociais".
Tamén participou a profesora Pilar García Negro, que instou a tomar unha decisión sobre "que é o que queremos como colectivo", optando entre "manter o recoñecemento a institucións que sosteñen celebracións rituais" ou "autoorganizarnos e apoiar a quen se autoorganiza" para levar adiante outro tipo de actos ao redor das Letras galegas e outra visión desta conmemoración.