Postas as bases dunha outra forma de celebrar as Letras Galegas

Xuntanza mantida o xoves en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

"Decidimos abrir unha celebración aberta, participativa e cidadá tras a decisión da RAG de propoñer Filgueira Valverde, que polo seu pasado franquista non pode ser en ningún caso un referente ético nin un exemplo á sociedade galega". Unha ducia de entidades culturais e sociais mantiveron este xoves unha xuntanza en Compostela para debater e comezar a explorar fórmulas de celebración do Día das Letras Galegas para o vindeiro 2015, considerando "moi desafortunada" e contraria aos principios desta conmemoración a elección de Xosé Filgueira Valverde como figura homeanxeada: "Queremos que o Día das Letras siga a ser a data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece. Queremos que siga a manter o seu carácter integrador e de unión que sempre tivo e que debera ser reforzado nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática. Filgueira Valverde non pode unir a ninguén".

"Decidimos abrir unha celebración aberta, participativa e cidadá tras a decisión da RAG de propoñer Filgueira Valverde, que polo seu pasado granquista non pode ser en ningún caso un referente ético nin un exemplo á sociedade galega"

O texto tamén sinala que ao longo dos 51 anos de historia de celebración do Día das Letras Galegas "as persoas homenaxeadas nesta data caracterizáronse por seren autores cunha obra de calidade e un compromiso e achegas claros en defensa da nosa lingua e da nosa cultura, alén das súas posicións máis ou menos progresistas, máis ou menos conservadoras, máis ou menos relixiosas ou ateas". E que "estes dous elementos, lingua e compromiso co país, fixeron do Día das Letras Galegas unha data de reivindicación para a nosa lingua e de festa para a nosa ampla literatura, capaz de unir nunha soa voz todo o pobo galego".

As entidades participantes nesta xuntanza (entre outras, A Mesa, AELG, Editores de Compostela, AGAL...) e outras que manifesten a súa adhesión aos obxectivos da mesma daranlle forma nos vindeiros días (en principio, cun prazo fixado até o vindeiro luns) a un texto de consenso que tamén chama a "manter viva esta celebración", para que non quede "deserto" este día. Un texto que enxalza "o xenio creador" do pobo galego e que sitúa como obxectivo que o 2015 sexa "un punto de inflexión", impulsando "en positivo" unha conmemoración que debe ser "unha festa" da cultura, da literatura e da lingua galegas, e na que a cidadanía debe ser protagonista. 

O obxectivo é que ao longo do verán se debatan e propoñan distintas fórmulas de celebración do Día das Letras, ao redor dunha figura concreta ou non, nunha data e lugar centralizados ou non, de maneira unitaria e baixo un mesmo paraugas ou non, e que en setembro se poida presentar unha proposta concreta. Na xuntanza tamén se tratou a forma que deberían ter estas celebracións no mundo do ensino, a necesidade de analizar nos centros de forma crítica a figura de Filgueira Valverde, ou o desexo común de evitar que estes debates sexan aproveitados por algúns actores para presentar unha imaxe de "desunión" das entidades defensoras do galego.

O obxectivo é que se debatan ideas ao longo do verán e que en setembro se poida presentar unha proposta concreta

A xuntanza, en réxime de autoconvocatoria, foi unha iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística, que xa o pasado domingo criticou publicamente a decisión do pleno da Real Academia Galega de dedicarlle a Xosé Filgueira Valverde o Día das Letras Galegas de 2015. A entidade fixo un chamado "á sociedade galega e a todas organizacións de defensa da lingua e cultura galegas" a se organizaren "para que o Día das Letras Galegas siga a ser, como até o de agora, unha xornada de reinvindicación do noso idioma".

Nos últimos días comezaron a poñerse enriba da mesa distintas propostas de celebración alternativa das Letras, como por exemplo a formulada o pasado mércores da Romaría das Letras (varios dos seus impulsores participaron tamén na reunión deste xoves), que chamaba a "facer as cousas desde a sociedade civil, non contra pero si á marxe das institucións políticas e culturais, chegando onde elas non poden nin desexan chegar e mobilizando para a causa da lingua un inmenso caudal de enerxías que hoxe non atopan cauces para se expresaren e promovendo unha festa en que caiba toda a xente, sen necesidade de para iso ter que adherir a unha determinada concepción ideolóxica, estética, ortográfica ou de calquera outra índole".

Xuntanza mantida o xoves en Compostela CC-BY-SA Praza Pública
Xuntanza mantida este xoves en Compostela CC-BY-SA Praza Pública
Xuntanza mantida este xoves en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.