O pleno extraordinario da Real Academia Galega do Día das Letras serviu en certa maneira como colofón a un estraño ano de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero marcado pola pandemia de coronavirus. A enfermidade e as restricións aplicadas para conter a súa propagación obrigaron a adiar en dúas ocasións este acto como tamén levaron á suspensión (ou á transformación) de moitas das actividades previstas por diversas institucións e entidades.
Freixanes cualificou a Carvalho Calero como “un referente no que podemos e debemos seguir traballando alén do ano da homenaxe”
Este sábado, o acto celebrado no Paraninfo da Universidade de Santiago, no mesmo edificio en que Carvalho Calero impartiu clases como primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega en Galicia, respondeu á mesma excepcionalidade que marcou o desenvolvemento dos últimos meses. A falta de público na sala foi suplido pola emisión en directo do pleno a través da rede, o que permitiu ver e escoitar as alocucións a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Ramón Villares e Francisco Fernández Rei, precedidas pola intervención do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
A RAG lembra que o ano 2021 "tamén será un ano difícil”
O presidente da Academia, que fixo fincapé na "excepcionalidade" dun 2020 marcado pola pandemia, anunciou a "disposición" da RAG "a seguir a afondar no legado" de Carvalho Calero nos vindeiros meses" con distintas palestras en Ferrol, Lugo e Ourense, para lembrar tamén a súa presenza na revista Nós, "sen renunciar a homenaxear outro autor ou autora en 2021, que tamén será un ano difícil”, indica a Academia. Ademais, cualificou a Carvalho Calero como “un referente no que podemos e debemos seguir traballando alén do ano da homenaxe”. Freixanes destacou, con todo, a “difusión sen precedentes” dos actos e celebracións ao redor das Letras Galegas grazas ás tecnoloxías da comunicación.
Freixanes comezara o seu discurso reivindicando "o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, tamén no ámbito educativo, en todas as materias, sen excepcións"
Freixanes comezara o seu discurso reivindicando "o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, tamén no ámbito educativo, en todas as materias, sen excepcións, pensando moi especialmente nas novas xeracións, ás que debemos dotar de ferramentas e espazos de actividade para o seu desenvolvemento” e demandou aos poderes políticos, económicos e mediáticos “un apoio decidido” á difusión da lingua e da cultura galegas. Así mesmo, o presidente da Academia anunciou que a RAG iniciou contactos con Euskaltzaindia e mais co Institut d’Estudis Catalans para “abrir un debate sincero e interesar a todo o Estado español nun patrimonio que quixeramos que se considerase común".
Na quenda das alocucións académicas sobre Carvalho Calero, Margarita Ledo centrouse na poesía; Ramón Villares trazou a súa biografía a través de tres escenarios centrais: as cidades de Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela; e Francisco Fernández Rei, alumno do homenaxeado, analizou a evolución da súa visión do idioma ata chegar ao galego reintegrado que defendeu nos últimos anos. Víctor Freixanes desculpou a ausencia por circunstancias persoais de Xesús Alonso Montero, que ía ofrecer outro relatorio sobre o autor. A súa achega será publicada canda as demais no Boletín da Real Academia Galega.
Para Margarita Ledo, a poesía de Ricardo Carvalho Calero insírese na vangarda galega, ilumínase coa pegada do simbolismo e escurece no desacougo existencial que atinxe a xeración da posguerra
Para Margarita Ledo, a poesía de Ricardo Carvalho Calero insírese na vangarda galega, ilumínase coa pegada do simbolismo e escurece no desacougo existencial que atinxe a xeración da posguerra. Unha “poesía da existencia” que, como o propio autor declarou, reflicte o máis íntimo da súa personalidade, lembrou Ledo.
Ramón Villares destacou que "a súa figura representa cabalmente, nos seus logros e nas súas adversidades, o mellor da cultura galega do século XX, a protagonizada por unha xeración excepcional, filla intelectual do grupo Nós e formada na eclosión creadora, cultural e política, representada polo Seminario de Estudos Galegos, a novísima Facultade de Letras da USC e polo abrente político da II República”.
Ramón Villares destacou que a figura de Carvalho Calero "representa cabalmente, nos seus logros e nas súas adversidades, o mellor da cultura galega do século XX"
Finalmente, Francisco Fernández Rei, subliñou que “é innegable que estamos perante unha figura de nación”, recordando que o propio Carvalho Calero chegou a declarar que toda a súa vida estivo consagrada á “grande Galiza utópica” que soñaron os seus mestres. Fernández Rei analizou a evolución do pensamento lingüístico de Carvalho Calero a través das sete edicións da Gramática elemental del gallego común (1966), e outros traballos. “Nas primeiras edicións da Gramática consideraba que o galego era ‘lengua autónoma, desprendida del tronco gallego-portugués’; e na revisión da cuarta edición aínda o consideraba lingua de seu”, engadiu.
Fernández Rei analizou a evolución do pensamento lingüístico de Carvalho Calero
Fernández Rei salientou que "a súa primeira manifestación pública reintegracionista foi un artigo xornalístico de 1975, e esta mudanza quedou reflectida na derradeira edición da Gramática". Entre outros factores, Fernández Rei considera que neste cambio houbo “un influxo innegable” do filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa, nun momento en que a romanística aínda “ignoraba o galego pola xeral ausencia de investigacións” sobre o idioma de Galicia, considerado como “dialecto portugués por motivos xenéticos ou do español por motivos políticos”.