O Carvalho Calero máis dixital olla cara a 2021

Carvalho Calero, no primeiro congreso de AGAL © AGAL

"Existen varias visións da lingua e non só é normal, é saudable". Quen fala é Eduardo Sanches Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua (Agal) en rolda de prensa a través de internet na que, dende outros lugares, participan tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo. Xunto a eles a directora do Portal Galego da Língua, Charo Lopes, e o director de Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea.

"Carvalho explícase a si mesmo a través dos seus textos" sinala o presidente da Agal sobre os proxectos que a asociación desenvolve sobre Carvalho Calero en colaboración con Política Lingüística

Dun xeito inédito por mor da pandemia do coronavirus, a mesma que está a provocar que cada vez máis voces avoguen por dedicar tamén o Día das Letras durante o ano 2021 a Ricardo Carvalho Calero, representantes da Agal e do Goberno galego presentaron o convenio polo que colaborarán na difusión de varios proxectos divulgativos en torno á figura do autor. Boa parte deles condénsanse xa no sitio web impulsado pola Agal sobre Carvalho Calero para unha conmemoración máis dixital ca nunca por mor das circunstancias, pero que tamén abre camiños.

O sitio web, un documental, unidades didácticas para ensino primario e ESO ou unha exposición producida por Ouvirmos que comeza a súa andaina en dixital para, cando sexa posible, retomar o seu previsto percorrido físico son os principais proxectos que teñen por tras unha vontade, explica Sanches Maragoto. "Carvalho explícase a si mesmo a través dos seus textos" e non existiu "vontade de reinterpretalo", senón de difundir unha figura "moi coñecida no ámbito da elite cultural", mais "moi descoñecido no ámbito máis popular".

Dous dos paneis da exposición 'A voz presente' sobre Carvalho Calero, producida por Ouvirmos CC-BY-SA Agal / SXPL

Neste contexto, afirma Lorenzo, o ano de Carvalho Calero está sendo o "máis dixital ata o momento" e "dalgunha forma, é pioneiro". "Adaptámonos ás novas circunstancias", agrega o titular de Política Lingüística, se ben Valentín García matiza que cando o desconfinamento o permita, a exposición A voz presente volverá pasar do dixital ao mundo físico por diversos puntos de Galicia e tamén en Portugal.

Agal e Xunta evidencian que a decisión de prolongar a homenaxe a 2021 é da RAG, se ben lembran que o piden "moitos colectivos culturais" e son moitos os eventos e conmemoracións que están a "adiarse ou prolongarse" por mor da covid-19

Sobre a presentación do convenio de colaboración da Agal e a SXPL pairou tamén a posibilidade de que as homenaxes a Carvalho Calero se estendan ao ano 2021, toda vez que boa parte dos actos e conmemoracións do Día das Letras están sendo adiados ou cancelados por mor da covid-19. Tanto o Goberno como a asociación parten da base de que a decisión última é da Real Academia Galega -o seu presidente, Víctor Freixanes, non puido participar na rolda conxunta por problemas técnicos-, se ben lembra Maragoto que a propia Academia xa avanzou que valorará esta posibilidade, que xa é "proposta de moitos colectivos culturais".

Pola banda da Xunta, Lorenzo sinala a nivel "persoal" que, igual que "moitos proxectos culturais están adiándose ou prolongándose" para 2021 por non podérense desenvolver con normalidade en 2020 a causa do coronavirus, "non me estrañaría nada" que a homenaxe a Carvalho Calero tamén puidese continuar o ano que vén. "Obviamente, a potestade e a lexitimidade" é da Academia, evidencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.