Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910 e pasou 29 anos da súa vida na cidade naval, en tres etapas: de 1910 a 1926, de 1932 a 1936 e de 1941 a 1950. Aínda que a partir deste ano non volveu residir na súa localidade natal, mantivo sempre unha estreita relación con ela, e o agarimo foi correspondido, recibindo en Ferrol en 1981 a súa primeira homenaxe trala súa xubilación (a cargo da sociedade cultural Medulio) e tamén sendo recoñecido como fillo predilecto en 1990, pouco antes do seu falecemento.
Dende Ferrol tamén partiron sempre unha parte importante das iniciativas para que fose homenaxeado no Día das Letras Galegas, escolla que por fin se produciu hai uns meses.
"Hei de entrar no meu povo, / para ver se tropeço / numha rua qualquer do Ferrol Velho / -sera a de Sam Francisco, a do Socorro?- / com o neno que fum e que foi outro", escribiu
O pasado 26 de febreiro o salón de actos de Afundación en Ferrol acolleu a presentación do volume colectivo 'RCC. O Carballo que fun en Ferrol. Aproximación a Ricardo Carvalho Calero”, editado polo Club de Prensa de Ferrol e coordinado polo historiador Bernardo Máiz, que durante anos traballou para que a RAG aprobase o recoñecemento. O libro conta coas achegas de investigadores e estudosos "ferrolterráns de orixe ou adopción" e en parte afonda na relación que Carvalho Calero mantivo coa comarca.
A obra únese á publicada hai uns meses por Edicións Embora baixo o título de 'Hei de entrar no meu povo', en referencia ao poema de Carvalho Calero no que escribira “Cruzando a ría /pola ponte das Pías, / se os obreiros de Astano / nom cortaron o tráfico, / entrarei em Ferrol, a minha terra. / Se o cortaron, daquela, hei tomar o caminho antergo...", e engadindo "hei de entrar no meu povo, / para ver se tropeço / numha rua qualquer do Ferrol Velho / -sera a de Sam Francisco, a do Socorro?- / com o neno que fum e que foi outro; / aquel que fum e que nom fum entom, / quando eu nom era o velho que hoje som”. Falamos con Bernardo Máiz.
"En Ferrol foi sempre moi apreciado. En decembro de 1981, a iniciativa de Medulio, don Ricardo recibiu en Ferrol a primeira homenaxe pública cando se xubilou como catedrático"
Como foi a relación de Carvalho Calero con Ferrol?
Residiu en Ferrol apenas vinte e nove dos seus oitenta anos de vida, en tres etapas, de 1910 a 1926, de 1932 a 1936 e de 1941 a 1950, este último período ben espiñento. O primeiro foi unha etapa de formación, o segundo de amor, de inxel acción política e de creación poética, o terceiro de amargura e de escritura forzosamente oculta. Os longos espazos de tempo lonxe da súa patria nativa debéronse aos seus estudos universitarios, á expatriación involuntaria a conta da sublevación facciosa de 1936 e á guerra subseguinte na que combateu no bando leal, á estadía no cárcere como preso político e, dende 1950, á docencia en Lugo e Compostela.
Foi suficientemente recoñecido en Ferrol?
En Ferrol foi sempre moi apreciado. En decembro de 1981, a iniciativa de Medulio, don Ricardo recibiu en Ferrol a primeira homenaxe pública cando se xubilou como catedrático, “pola súa fidelidade á causa de recuperar o seu país e a súa propia cultura”. Ademais, a proposta do BNG á corporación municipal, foi nomeado Fillo Predilecto de Ferrol o 7 de xaneiro de 1990, honor que agradeceu na que foi a última viaxe da súa vida. Nesta cidade unha rúa, un instituto e un centro cultural levan o seu nome. Ferrolterra foi na súa obra obxecto literario e el definíase como “ferrolán enxebre”.
"En 1941 outórganlle unha liberdade condicional que se converteu en permanente. Foron anos duros para el, mesmo recibía ameazas pola rúa en Ferrol"
Falas dun "período espiñento", eses anos nos que volve a Ferrol, sufrindo a represión polas súas ideas e non podendo dar clase. Como foi ese tempo e esa represión?
El era un home da esquerda do Partido Galeguista e loita para que o PG se integre na Fronte Popular. A sublevación franquista sorpréndeo en Madrid, facendo o exame de oposición á Cátedra e alí incorpórase como miliciano ao batallón de UGT, despois intégrase nunha unidade de profesionais do ensino e finalmente nas milicias populares mandadas por Enrique Líster. Ao remate da guerra cólleno prisioneiro en Andalucía, pero a pesar do que se escribiu sobre o tema, nunca pediron para el pena de morte, caéndolle ao final 12 anos de cadea.
En 1941 outórganlle unha liberdade condicional que se converteu en permanente. Como non tiña certificado de boa conduta, non podía solicitar praza en ningún centro de ensino, e como non lle permitían colexiarse tampouco podía dar clases de forma privada. Foron anos duros para el, mesmo recibía ameazas pola rúa en Ferrol. Hai un poema, no que di ”como puidemos viver e mais vivemos”, no que retrata a represión franquista do momento. Grazas a que a súa muller daba clases, entre os dous foron capeando o temporal. As cousas melloran para el grazas á súa incorporación ao colexio Fingoi, en Lugo, no que aínda que actuaba como director, aparecía como conselleiro delegado, porque non podía exercer.
"Nunca quixo pedir a cancelación dos seus antecedentes políticos. El negábase, porque dicía que el non fixera nada mal"
A partir dese momento as cousas melloran moito para el, non si?
Os anos en Lugo son moi bos e a súa vida cambia definitivamente cando marcha de Lugo para Santiago, grazas a que lle cancelaron os seus antecedentes políticos. El nunca quixo pedir a cancelación, a pesar da insistencia de persoas como Filgueira Valverde, que lle dicían que só con que o pedira o réxime llos cancelaría. Porén, el negábase, porque dicía que el non fixera nada mal. Cando por fin llos cancelan, pode por fin presentarse a unha praza de profesor de instituto, á vez que o decano da Facultade de Filosofía e Letras lle ofrece a posibilidade de ser catedrático de Lingua e Literatura galega, unha praza que ían crear.
Neses anos aínda asinaba como 'Carballo' e aínda non defendía un achegamento da norma do galego á norma portuguesa. Cando se produce ese cambio?
Si, Don Ricardo era o único titulado para elaborar unhas normas para o galego. E elabóraas no ano 1971 para a Real Academia Galega, unhas 'Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego' que son reeditadas en 1977. Porén, contra 1973 prodúcese un conflito con Manuel Rodrigues Lapa, que publicara un artigo en Portugal defendendo que o galego debía achegarse na súa norma culta ao portugués. Houbo unha resposta moi dura de Ramón Piñeiro en Grial. Piñeiro quería que Carvalho a asinase, pero Carvalho negouse. Este episodio levouno a interesarse máis polo asunto e iniciou un achegamento a esas posicións.
"Nunca quixo cargos, pero na súa contra dixéronse moitas miserias, como que estaba anoxado por non ter sido escollido para presidir a RAG"
Xa en 1975 Carvalho publica un artigo en La Voz de Galicia defendendo que non hai que innovar sen tradición, que hai que ir ás raíces históricas e que o portugués é fillo do galego. A partir de aí Carvalho comeza a publicar en editoriais que non son Galaxia. En resposta comezan a utilizar o Instituto da Lingua Galega contra el, e pouco a pouco vese sometido a unha marxinación por parte de determinados sectores.
A partir de 1981 comeza a asinar como 'Carvalho' e pouco a pouco vaise distanciando máis dos organismos oficiais. De feito, cando lle propoñen entrar no CCG non quere. Nunca quixo cargos, pero na súa contra dixéronse moitas miserias, como que estaba anoxado por non ter sido escollido para presidir a RAG.
"Foi rexeitado durante anos por defender que Galicia forma parte do sistema lingüístico galego-portugués e tamén por afirmar cousas como que 'a autonomía mantén todo o aparato do estado unitario'"
Na túa opinión, cal é a razón de que ata agora a Real Academia Galega non accedera a dedicarlle o Día das Letras Galegas?
Foi rexeitado durante anos por defender que Galicia forma parte do sistema lingüístico galego-portugués e tamén por afirmar cousas como que "a autonomía mantén todo o aparato do estado unitario, mentres que a autodeterminación prantexa o problema dende o propio país galego, unha forma de organización de Galiza que pode chegar desde a separazón total do País con relazón aos circundantes ate a Federazón ou Confederazón”, como dixo en 1989.
Foi expulsado do trato respectuoso que merecía. Con retranca el mesmo afirmou en 1986 que "certas elites entenden que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan".
"A dirección actual da RAG é suficientemente intelixente para entender que don Ricardo é un xigante intelectual e que polo tanto non podía ser mantido no ostracismo"
E por que agora si foi posible a escolla?
Pois foi posible grazas ao traballo que estiveron desenvolvendo durante anos moitísimas entidades e moitísimas persoas a título individual. E tamén porque houbo unha anovación da Real Academia Galega: a dirección actual da RAG é suficientemente intelixente para entender que don Ricardo é un xigante intelectual e que polo tanto non podía ser mantido no ostracismo. Recapacitaron e viron que non podían seguir ocultando a unha persoa desta talla. É o momento de sacar adiante a memoria de Don Ricardo.