Ricardo Carvalho Calero é un dos grandes nomes da cultura galega do século XX, e un dos que segue pendente dun recoñecemento na forma de autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Foron varios xa os intentos de que a Real Academia o elixise, e este ano estase a conformar unha candidatura que unha vez máis o solicitará. Hai unhas semanas creouse en Ferrol unha comisión formada por por Manuel Pazo, Xosé María Dobarro e Bernardo Máiz para traballar por ese obxectivo. De momento, seguen recollendo apoios e incrementando as persoas que conforman este grupo promotor, polo de agora circunscrito case en exclusiva á comarca de Ferrolterra.
Así, aos tres nomes citados uníronse xa os de J.M. Souto, Pim Patinho, Henrique Dacosta, Bernardo Lorenzo Cuetara ou Delia Vázquez, ao tempo que a iniciativa recibiu o apoio de representantes do Ateneo Ferrolán, Artábria, Fuco Buxán, a Mesa pola Normalización Lingüística, e varias asociacións de veciños da cidade. Bernardo Máiz considera especialmente importante a presenza de persoas vencelladas a Artábria, un colectivo que durante anos liderou a reivindicación dunha Letras Galegas dedicadas a Carvalho, e que realizou un enorme traballo, ás veces case en solitario. A comisión, que celebrará unha nova xuntanza o 19 de febreiro, acordou desenvolver accións coordenadas, camiño dunha homenaxe o vindeiro día 25 de marzo diante da casa natal de Carvalho Calero, en Ferrol Vello, e presentarlle formalmente en Ferrol ao Consello Municipal da Lingua e aos grupos políticos municipais de Ferrolterra a petición de que se sumen a esta comisión e lle reiteren á Real Academia Galega a solicitude da homenaxe para o autor.
O obxectivo vén de vello, e a participación de Bernardo Máiz nesta aventura, tamén. Hai algo menos dun ano o historiador ferrolán e Xosé María Dobarro Paz participaron en Vilaxoán nunha homenaxe a Gonzalo Bouza Brey. Alí coincidiron co presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, a quen lle comunicaron a súa opinión sobre a necesidade de que Carvalho Calero fose homenaxeado e sondaron sobre as posibilidades que tería esa candidatura. Alonso Montero, conta Máiz, informounos de que para a edición 2014 existía xa un gran consenso en torno á figura de Xosé María Díaz Castro. Así pois, Dobarro e Máiz comezaron a valorar a posibilidade de solicitar esa homenaxe para 2015.
"Para min é unha figura imprescindíbel para entender a cultura galega contemporánea", di Máiz, que comenta que "sempre me impresionou a súa dignidade e integridade"
"Para min é unha figura imprescindíbel para entender a cultura galega contemporánea", di Máiz, que comenta que "sempre me impresionou a súa dignidade e integridade". Máiz tivo un importante trato persoal con Carvalho, a pesar da gran distancia xeracional: "fun alumno del, porque ao chegar a cuarto de carreira tiñamos que elixir entre latín medieval e galego medieval, e eu escollín galego. Ademais, a miña nai e Carvalho mantiñan unha boa amizade. Hai que dicir, como curiosidade, que miña nai comezou a estudar medicina en Santiago en 1931 e era a única muller na Facultade". Así mesmo, continúa Máiz "coincidín con el na primeira homenaxe que se lle fixo en Ferrol, en 1980 a cargo de Medúlio, e tamén no derradeiro acto no que participou, nas xornadas de Filosofía de Pontevedra, en 1990, onde tiven a sorte de compartir mesa".
"Vítima dun interesado esquecemento"
A comisión promotora da candidatura salientou en varias ocasións que o caso de Carvalho constitúe "unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país"
A comisión promotora da candidatura salientou en varias ocasións que o caso de Carvalho constitúe "unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país" e denunciou nun escrito que "24 anos despois do pasamento de don Ricardo, primeiro profesor de lingua galega da nosa universidade, non pode quedar máis tempo no esquecemento e nunha inxustificada marxinación tan inxel creador literario como autor dunha obra monumental sobre a lingua e cultura galegas, persoa tan íntegra como comprometida a prol dunha Galiza de seu".
Os integrantes da Comisión destacaron, en concreto, que Carvalho Calero "foi vítima dun interesado esquecemento por manter a súa dignidade persoal e por entender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do galego-portugués, opción diferente, pois, á oficial". E sinalan, "usando das súas palabras" que "certas elites entenden que non deben realzar a personalidade dun disidente".
"Debemos afondar en todos os seus méritos, na súa obra inmensa. Máis aló da lingüística, Carvalho é un autor fulcral tanto na novela, na poesía ou no teatro"
A este respecto, Máiz, destaca que "o principal obstáculo que vemos para que Carvalho non sexa homenaxeado é a súa escolla normativa". Por este motivo, pero tamén "polo seu carácter poliédrico" e "polo volume e calidade da súa obra", Máiz aposta porque non sexa a defensa da norma reintegracionista o principal ou o único argumento da candidatura de Carvalho Calero: "Debemos afondar en todos os seus méritos, na súa obra inmensa. Máis aló da lingüística, Carvalho é un autor fulcral tanto na novela, na poesía ou no teatro". "Ademais", continúa Máiz, "de que foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago", ou de que "entrou na Real Academia nada menos que en 1958".
Máiz comenta igualmente que os rumores sitúan con moita forza para ser homenaxeados en 2015 tanto a Manuel María como a Filgueira Valverde. "Algún ano terá que ser, Carvalho merece unha homenaxe así", conclúe
Bernardo Máiz subliña igualmente outras facetas, que coñece de primeira man polo seu traballo investigador do tempo da Segunda República, da Guerra Civil e a Postguerra: "tivo un papel fundamental na formación do Partido Galeguista, e tamén foi clave na decisión de que o PG se integrase na Fronte Popular". Así mesmo, Máiz destaca a importancia dos seus poemas "sobre a ditadura e a represión" e a propia represión sufrida por Carvalho unha vez que o exército nacional gaña a guerra, non só pola seu paso pola cadea (foi condenado por un consello de guerra a 12 anos de prisión por "separatista", aínda que saíu libre aos dous anos), senón pola represión posterior, que lle impediu exercer a función pública durante anos. "Fernando Pérez Barreiro lembra nas súas recentes memorias o medo que Carvalho Calero tiña a que o escoitasen falar en galego en 1942 nos bares", conta.
Sobre as posibilidades de éxito da candidatura, Máiz cre que existen "moitas dificultades", pero que hai opcións: "a ver que sae da xuntanza que temos o día 19. Varias entidades máis de distintas localidades da comarca seguen uníndose á candidatura, que creo que é moi necesaria". Comenta igualmente que os rumores sitúan con moita forza para ser homenaxeados en 2015 tanto a Manuel María como a Filgueira Valverde. "Algún ano terá que ser, Carvalho merece unha homenaxe así", conclúe.