AGAL chama a converter o 'ano Carvalho Calero' nun punto de inflexión na relación entre galego e portugués

Imaxe da asemblea de AGAL, celebrada esta fin de semana © AGAL

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) celebrou esta fin de semana unha asemblea para elixir un novo Consello para dirixir a entidade e fixar as súas liñas de acción para o vindeiro ano. Eduardo Maragoto, presidente da asociación nos últimos catro anos, recunca nesta responsabilidade, acompañado dunha ducia de persoas da candidatura "Polo novo consenso", encabezadas por Eliseu Mera como vicepresidente e Marcos Saavedra como secretario.

Eduardo Maragoto, presidente nos últimos catro anos, recunca nesta responsabilidade, acompañado de Eliseu Mera como vicepresidente e Marcos Saavedra como secretario

AGAL acordou o desenvolvemento de tres grandes liñas programáticas para o vindeiro ano, entre as que destaca o obxectivo de converter o ano 2020, no que Carvalho Calero será homenaxeado no Día das Letras, "nun punto de inflexión para o diálogo aberto sobre a relación entre o galego e a lingua portuguesa".

Ademais, AGAL aposta por "fortalecer os consensos, internos e externos" en relación con que a Lusofonía sexa "o espazo natural da lingua de todos e todas as galegas, máis alá de discrepancias conxunturais". Finalmente, a entidade traballará para "divulgar a vivencia reintegracionista como proveitosa, quer dende o punto de vista cultural, quer dende o persoal".

Imaxe da asemblea de AGAL, celebrada esta fin de semana © AGAL

A asociación busca fomentar as vías de colaboración co conxunto da sociedade, "tecendo redes que faciliten a penetración da idea de comunidade galego-portuguesa", avanzando na converxencia co portugués a través do fortalecemento de grandes consensos sociais. 

A asociación aposta por promover o portugués no ensino e fomentar as relacións galego-portuguesas no ámbito comunicativo, social e institucional

Unha das vías para facelo será a implementación de proxectos que permitan explorar ao máximo a Lei Paz Andrade, tanto no que atinxe á promoción do portugués no ensino como no campo das relacións galego-portuguesas no ámbito comunicativo, social e institucional.

Ademais de Eduardo Maragoto como presidente, o Consello conta con Eliseu Mera como vicepresidente, Marcos Saavedra como secretario, Romám Vilela como tesoureiro. Complétase con nove vogais: Valentim Fagim, Miguel Penas, Carme Saborido, Jon Amil, Teresa Pilhado, Graciela Lois, Luís Fontenla, Matias Rodrigues e Vítor Garabana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.