Entre as actividades inicialmente deseñadas pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) para celebrar no 2020 o Ano das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero estaba unha lectura pública e continuada da súa obra Scórpio, considerada unha das mellores novelas escritas en lingua galega. Porén, as restricións obrigadas pola pandemia de COVID obrigaron a suspender este evento, previsto inicialmente para o 16 de maio de 2020.
A lectura pública tivo que ser suspendida dúas veces, o 16 de maio e o 30 de outubro de 2020
A segunda data proxectada entón para a lectura, o 30 de outubro de 2020, tamén tivo que ser suspendida, debido ao peche perimetral imposto nalgunhas cidades galegas para conter a expansión dos contaxios. No seu lugar, programárase unha lectura en vídeo, que se ve agora completada coa convocatoria para a realización física do evento, tal e como fora prevista inicialmente.
Ademais da proxección das lecturas en liña que se realizaron hai meses, 250 persoas lerán cadanseu treito da novela, nun evento que en conxunto terá unha duración dunhas 12 horas
AGAL retoma agora esta celebración, convocando de novo a lectura pública da novela, que terá lugar o vindeiro 31 de outubro no Salón Nobre de Fonseca, en Santiago de Compostela. A nova data escollida coincide co día posterior do 111 aniversario do nacemento do homenaxeado. A AGAL decidiu que “após estudar as circunstâncias sanitárias atuais, está na hora de realizar a homenagem e garante que o desenvolvimento do mesmo se realizará em completa segurança para as pessoas que decidam prestar tributo ao grande pensador do reintegracionismo”.
Os vídeos da lectura en liña proxectaranse durante o novo evento entre as 9 e as 12 horas dese domingo 31 de outubro. A seguir, no mesmo espazo, serán lidos os 250 treitos restantes da obra a cargo doutras tantas lectoras e lectores, nun proceso que rematará ás nove da noite, aproximadamente. As primeiras lecturas físicas estarán reservadas á familia do autor e ás autoridades políticas.
Cada participante levará un exemplar numerado da edición limitada da novela Scórpio que se realizou en exclusiva para o evento
As persoas interesadas en participar no evento pódense inscribir en liña na web. Cada participante levará un exemplar numerado da edición limitada da novela Scórpio que se realizou en exclusiva para o evento. A obra inclúe ilustracións de cada un dos narradores presentes na obra realizados por Rosa de Cabanas. Ademais, a AGAL achegará, da man da editora Através, un libro de balde a cada persoa que anote a máis de tres persoas para a actividade.
Ademais de AGAL e da Universidade de Santiago de Compostela, que cede o espazo no que terá lugar o evento, colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.