Institucións, partidos e entidades sociais fan da placa e o busto de Carvalho Calero fronte á que foi a súa casa en Compostela o centro dos actos físicos mentres a cidadanía manifesta nas redes sociais e nas fiestras o seu apoio á lingua
O confinamento polo coronavirus fixo do Día das Letras Galegas de 2020, dedicado a Ricardo Carvalho Calero, o máis anómalo dos celebrados ata agora. As homenaxes presenciais reducíronse ao mínimo e as fiestras e as redes sociais colleron o relevo das manifestacións de apoio á lingua que en anos anteriores ocupaban as rúas.
O busto de Carvalho Calero existente en Compostela, xunto á alameda, fronte á que foi a súa última casa, na rúa Carreira do Conde número 11, e a placa que hai na fachada, foron o foco das homenaxes institucionais e de entidades sociais que, gardando distancias e con máscaras de protección, se centraron en ofrendas florais e lecturas de textos de lembranza ou reivindicativos do galego.
Ás once da mañá a Real Academia Galega, que pospuxo o seu tradicional pleno do Día das Letras para o 31 de outubro, cadrando co cento dez aniversario do autor, celebrou o seu acto do día encabezada polo seu presidente, Víctor Fernández Freixanes, e no que Margarita Ledo leu un poema do homenaxeado. Ao acto asistiron o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; ou o reitor da USC, Antonio López. Por parte da Xunta e o Goberno central asistiron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a subdelegada na Coruña, Pilar López-Rioboo, pero non o presidente Feijóo, reunido por videoconferencia con Pedro Sánchez, nin o delegado Javier Losada, como adoitaba suceder en anos anteriores cos actos oficiais organizados pola RAG.
"Achegámonos a este lugar para ofrecer un ramo de flores na memoria de Ricardo Cavalho Calero nun sinxelo acto cheo de afecto, admiración e agradecemento", dixo Freixanes, que amosou a súa esperanza en que "con máis acougo, poidamos celebrar o noso pleno extraordinario o 31 de outono próximo".
Queremos Galego pediu á cidadanía que enchese as redes de mensaxes e as fiestras de bandeiras e cantase desde elas 'A fala', poema de Manuel María musicado por Uxía e Sérgio Tannus.
Unha hora máis tarde o mesmo lugar recibiu a homenaxe organizada pola plataforma Queremos Galego, encabezada polo seu voceiro, Marcos Maceira, e na que tamén participaron, entre outras, a portavoz do BNG, Ana Pontón, e representantes da Mesa pola Normalización ou a Asociación de Escritores (AELG), entre outras entidades. Na súa intervención, Maceira salientou que "a nosa lingua continúa a ser lingua de obxectores" e detallou datos como que "menos do 5% das sentenzas son en galego, sen requisito de coñecemento da lingua na xustiza ou na Administración xeral do Estado" ou que "menos do 8% das aulas en infantil son en galego".
Ao tempo que se desenvolvía a súa homenaxe, Queremos Galego instou á cidadanía a manifestar nas redes sociais o seu apoio ao galego, ao xeito dunha manifestación virtual que fixese as veces da tradicional marcha polas rúas de compostela. Tamén pediu que, posteriormente, a cidadanía saíse ás xanelas a cantar A fala, poema de Manuel María musicado por Uxía e Sérgio Tannus.
Outras formacións políticas, como a coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, organizou para este Día das Letras un coloquio virtual. Desde o PSdeG o seu líder, Gonzalo Caballero, divulgou un vídeo coa mensaxe “o galego somos nós, defendámolo!”.