A pandemia condiciónao todo e o Día das Letras Galegas non é ningunha excepción. Dez anos despois das grandes mobilizacións contra o decreto que suspendeu a obriga de impartir un mínimo da metade das materias escolares en galego, a plataforma que canalizou aquelas protestas cívicas, Queremos Galego, celebra un 17 de maio que en condicións normais tería as características para ser masivo: domingo, bo tempo e peticións para o Goberno que saia da inminente cita coas urnas.
Queremos Galego anima a pendurar das fiestras bandeiras galegas ou carteis e a divulgar nas redes mensaxes a prol do uso normal do galego nun Día das Letras marcado pola pandemia
Pero nada diso poderá ser por mor das restricións para evitar contaxios do coronavirus. Así e todo, Queremos Galego quere que este non sexa un domingo máis. "Se a cuestión da lingua non se menciona especificamente como tal, creamos a impresión de que xa non precisamos unha acción permanente ou, aínda peor, de que nos conformamos resignadamente co que hai", di Pilar García Negro na súa carta aberta a Ricardo Carvalho Calero, texto co que a plataforma evoca o autor homenaxeado neste Día das Letras e o seu traballo a prol do uso normal do idioma.
"Benquerido profesor, non esquivamos a nosa responsabilidade", sinala unha misiva que se encadra nun programa de actos dende o que Queremos Galego chama a facer visible a reivindicación a prol do galego nas fiestras, nas varandas e nas redes sociais. Baixo o lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión, o colectivo anima a pendurar este 17 de maio das fiestras bandeiras galegas ou carteis que ofrece para a súa libre distribución. Tamén, a divulgalas coas etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e mais #Eufalogalego.
O colectivo insta o Goberno da Xunta, "ao actual e ao que viñer", a inverter a "inacción dos poderes públicos en relación ao galego" na última década
Con estas accións, sinala o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, Queremos Galego quere facer ver que "a lingua é cohesión social" porque "unha lingua normal é falada" por persoas diversas, "independentemente de calquera diferenza social, política ou de idade". Pero para logralo, advirte, cómpre pór fin á "inacción dos poderes públicos galegos e estatais en relación ao galego".
Por este motivo, resalta, a mobilización deste 17 de maio tamén segue a dirixirse ao Goberno da Xunta, "ao actual e ao que viñer" tras as inminentes eleccións. "É incríbel -considera- que despois de máis dunha década de mobilizacións e da alerta por parte da sociedade da emerxencia lingüística que vive a nosa lingua, a Xunta insista en desprezar o galego", considera. Esta reivindicación estará tamén presente na ofrenda floral ante o busto de Carvalho Calero en Santiago que membros de Queremos Galego, "gardando o debido distanciamento", realizarán ás 11:30 deste Día das Letras.
'A fala' a moitas voces "para desconfinar a lingua"
Entre as accións preparadas por Queremos Galego para este Día das Letras destaca tamén a difusión do videoclip dunha nova versión musical d'A fala, de Manuel María, musicada por Uxía e Sérgio Tannus coa vontade de tornar nun canto colectivo en colaboración con bandas e artistas como Tanxugueiras ou Faia. O colectivo anima a saír ás fiestras ás 13h do Día das Letras e, coa súa música, cantar os emblemáticos versos.
A difusión desta nova versión, sinalan, "representa un canto de esperanza, de forza e de resistencia da nosa lingua", que debe ser "desconfinada". No traballo impulsado polos devanditos artistas colaboran creadoras de múltiples eidos: Carlos Blanco, Rosalía Fernández Rial, Areta Bolado (A Panadaría), Patricia Vázquez, Mónica Caamaño, Lois Pérez, Tatán R. Cunha, Eladio Santos, Xoán Curiel, Magín Blanco, Chico César, Ceumar ou Tinoca Zimba.