Outro 17 de maio na rúa: "Máis que nunca, queremos galego"

Remate da manifestación de Queremos Galego en Santiago, na Praza do Toural CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Transcorreron xa dez anos dende aquel 17 de maio de 2009, primeira mobilización en clave de urxencia ante o que estaba por vir: a anunciada derrogación do decreto que dende 2007 regulaba o uso do galego no ensino seguindo o vieiro do Plan Xeral de Normalización de 2004, o aprobado por unanimidade en tempos de Fraga. O novo decreto sería anunciado a finais de ano -no mesmo Consello en que foi aprobado sen facelo público 1 millón de euros para un informe sobre a controvertida fusión das caixas- e foi realidade en 2010. 

Unha década despois, a plataforma que articulou as protestas contra aquelas medidas, Queremos Galego, impulsada dende A Mesa pola Normalización Lingüística e outras organizacións, volveu outro 17 de maio máis á rúa. Como xa sucedera noutros Días das Letras que cadraron con campaña electoral das eleccións municipais, no canto de convocar unha única mobilización central desenvolvéronse ata catorce noutras tantas cidades e vilas. En todas elas berrouse: "Máis que nunca, queremos galegos".

Cabeceira da mobilización de Queremos Galego en Vigo o 17 de maio de 2019 CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

"A situación do galego é crítica, mais pode mellorar se se comeza por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel e practicábel sempre"

Na mobilización de Santiago o voceiro da plataforma, Marcos Maceira, puxo o foco na "mostra de cohesión social e desenvolvemento humano dun pobo" que supón a "normalidade da lingua propia" que, lamenta, en Galicia aínda non existe. O Goberno galego, a comezar polo presidente Feijóo, di Maceira, debe "escoller entre ser leal a Galiza e promover toda a liberdade, igualdade e xustiza para o galego" ou exercer esa lealdade "con Casado, que pretende eliminar a pluralidade lingüística do Estado e prohibir o galego na Administración".

"Máis que nunca, queremos galego", reiterouse nunhas mobilizacións con abondosa presenza de representantes das principais forzas políticas agás o PP e Ciudadanos. "A situación do galego é crítica, mais pode mellorar se se comeza por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel e practicábel sempre", resalta a plataforma, que outra volta chama a atención especialmente na situación da lingua entre a xente moza: "o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego porque existen límites de todo tipo para falalo con normalidade", afirman.

Imaxe divulgada pola AGAL para simbolizar a súa aposta por un "novo equilibrio" para o galego CC-BY-SA AGAL

A AGAL reivindica un "novo equilibrio" para o galego

Na manifestación de Compostela estivo tamén presente un ano maís a Associaçom Galega da Língua (AGAL) que cunha comitiva de seu, outra volta cun aquel retranqueiro, defendeu a súa aposta polo binormativismo como clave dun "novo equilibrio para o galego". A AGAL tem um programa: "o aproveitamento em favor de toda a populaçom galega da nossa posiçom privilegiada em termos linguísticos", resumen.

A AGAL resalta que a aposta do binormativismo é combinar "o que de melhor têm as diferentes tendências normativas em prol do galego

A convivencia das dúas normativas, a ditada dende a Real Academia Galega e o ILG e a reintegracionista, é a xuízo da AGAL "um primeiro chanço para ir reorientando a política linguística oficial no sentido de ela acompanhar os interesses culturais da maioria da populaçom". Tamén para "aproveitar em favor de toda a populaçom as diferentes posturas que existem em relaçom à codificaçom do idioma".

Neste sentido, a AGAL coida que o "novo equilíbrio" que defende para o galego ten que procurar obxectivos como "cuidar das diferentes motivações que podem levar as pessoas a usarem a nossa língua". Isto é, combinar "o que de melhor têm as diferentes tendências normativas em prol do galego: a que procura identidade própria e a que procura convergir com a Lusofonia", conclúen. A AGAL enviou tamén unha delegación aos actos de homenaxe a Antonio Fraguas en Cotobade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.