Este ano a tradicional manifestación pola lingua do 17 de maio, convocada pola plataforma Queremos Galego, que habitualmente ten como escenario Compostela, multiplícase en 14 mobilizacións noutras tantas cidades e vilas.
"A situación do galego non é irreversíbel, porque se pode modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza", destaca o manifesto
Baixo o lema “Máis que nunca, Queremos Galego”, o colectivo quere facer fincapé "na importancia que os servizos municipais de normalización lingüística, as empresas concesionarias ou a formación do funcionariado seguen a ter para a defensa da lingua en todas as comarcas, en todos os concellos". O manifesto que se lerá ao remate das 14 convocatorias alerta da difícil situación da lingua na infancia e na mocidade ou en ámbitos coma o da xustiza, pero conclúe que "a situación do galego non é irreversíbel, porque se pode modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza".
Todas as convocatorias terán lugar ás 12 horas, agás a concentración prevista en Barcelona, que comezará ás oito da tarde. Prevese que a mobilización de Vigo sexa, xunto coa de Compostela, a máis numerosa, en forma de manifestación
Convocatorias
- A Coruña. Praza de Galicia
- Santiago de Compostela. Alameda
- Ferrol. Praza Vella
- Carballo. Praza do Concello
- Lugo. Praza Maior
- Burela. Praza da Mariña
- Monforte. Praza de España
- Ourense. Praza do Ferro
- Pontevedra. Praza da Peregrina
- Vigo. Cruzamento da Vía Norte coa Rúa Urzáiz.
- A Estrada. Praza do Mercado
- Cangas. Praza do Concello
- Lalín. Praza da Igrexa
- Barcelona. Ateneu Roig (carrer del Torrent d’En Vidalet) ás 20 horas
Queremos Galego celebra este ano o seu 10º aniversario
A plataforma Queremos Galego celebra este ano o seu 10º aniversario e faino publicando un vídeo que lembra que foi, precisamente nese ano 2009 cando se produciu "a primeira e única manifestación en contra do galego", convocada por Galicia Bilingüe. Ademais, foi nese ano cando o goberno da Xunta comezou a lexislar contra o galego, dando lugar á aprobación no 2010 do Decreto de Plurilingüísmo que limitou o uso da lingua galega no ensino. Nese contexto naceu Queremos Galego e tivo lugar a maior manifestación en defensa da lingua galega, que mobilizou a decenas de miles de persoas en Compostela.